EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 20
Capítulo 20
A autoridade de Xesús (Mt 21, 23-27; Mc 11, 27-33)
- 1Estando naqueles días ensinando ao pobo e anunciando a Boa Nova no templo, presentáronse os sumos sacerdotes, os letrados e mais os anciáns,
- 2e preguntáronlle:
__Con que autoridade fas estas cousas? Quen che deu tal autoridade?
- 3El respondeulles:
__Vouvos facer tamén eu unha pregunta. A ver, contestade:
- 4O bautismo de Xoán era cousa de Deus ou dos homes?
- 5Eles matinaban: “Se lle respondemos que de Deus, vainos preguntar: E daquela por que non lle fixestes caso?
- 6Pero se lle respondemos que dos homes, a xente toda vainos correr a pedradas, porque está convencida de que Xoán era un profeta”.
- 7E acabáronlle dicindo que non o sabían.
- 8Xesús replicoulles:
__Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.
Parábola da viña (Mt 21, 33-46; Mc 12, 1-12)
- 9Entón púxose a contarlle á xente esta parábola:
__Un home plantou unha viña, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.
- 10No seu tempo mandou un criado para cobrarlles as rendas da viña. Pero os viñateiros zorregáronlle duro e despedírono coas mans baleiras.
- 11Volveulles mandar outro criado; pero eles mallaron nel, aldraxárono e despedírono coas mans baleiras.
- 12E volveulles mandar aínda un terceiro; pero eles tamén o malferiron e expulsaron.
- 13Entón dixo o dono da viña: “Que farei? Voulles mandar o meu fillo benquerido: seguro que o respectan”.
- 14Ao velo, os viñateiros comprometéronse uns cos outros entre si: “Este é o herdeiro; matámolo, e a herdanza é para nós”.
- 15E botárono fóra da viña e matárono. Que fará o dono da viña?
- 16Volverá, acabará con estes viñateiros, e daralle a viña a outros.
Ao oíren isto exclamaron:
__Non pode ser!
- 17Pero el, mirándoos fixamente, díxolles:
__Que significa, logo, o que di a Escritura: A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal?
- 18Todo o que caia enriba desa pedra, esnaquizarase; pero aquel enriba do que ela caia, quedará esmagado.
- 19Decatándose de que ía por eles a parábola, os letrados e mais os sumos sacerdotes quixeron botarlle as mans naquel mesmo momento; pero tivéronlle medo á xente.
O tributo ao César (Mt 22, 15-22; Mc 12, 13-17)
- 20Entón puxéronse á espreita e mandáronlle uns espías, que finxían hipocritamente seren boa xente, para ver se o pillaban nalgún delito, e así podéreno entregar á xurisdición do gobernador.
- 21Daquela dixéronlle:
__Mestre, sabemos que falas e ensinas rectamente, e non xulgas polas aparencias, senón que mostras o camiño verdadeiro de Deus.
- 22Está permitido pagar o tributo ao César ou non?
- 23El coñeceulles a mala intención e contestoulles:
- 24__Mostrádeme un denario. De quen é esta imaxe e esta inscrición?
Contestáronlle:
__É do César.
- 25Xesús replicoulles:
__Pois logo dádelle o do César ao César; e o de Deus, a Deus!
- 26Non puideron pillalo en ningún dito diante do pobo, e, pasmados da súa resposta, quedaron caladiños.
Acerca da resurrección (Mt 22, 23-33; Mc 12, 18-27)
- 27Chegaron algúns saduceos __eses que negan que haxa resurrección__ e preguntáronlle:
- 28__Mestre, Moisés deixou escrito: “Se lle morre a alguén seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia”.
- 29Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos.
- 30Despois casou con ela o segundo;
- 31e logo o terceiro; e así os sete foron casando coa viúva, morrendo tamén sen deixar fillos.
- 32Ao cabo, morreu tamén a muller.
- 33Agora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?
- 34Xesús contestoulles:
__Neste mundo os homes e mais as mulleres casan entre eles.
- 35Pero os que sexan dignos da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas,
- 36pois non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren na resurrección.
- 37E que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no episodio da silveira: O Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob.
- 38E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos.
- 39E nisto algúns dos letrados dixéronlle:
__Ben falado, Mestre.
- 40Pois xa non se atrevían a preguntarlle máis nada.
O fillo de David (Mt 22, 41-46; Mc 12, 35-37)
- 41Preguntoulles Xesús:
__Como din que o Mesías é fillo de David?
- 42O mesmo David di no libro dos Salmos:
- Díxolle o Señor ao meu Señor:
- séntate á miña dereita,
- 43que vou poñer os teus inimigos
coma estrado dos teus pés.
- 44Ora ben, se David o chama Señor, como vai ser seu fillo?
Denuncia dos letrados (11, 37-54; Mt 23, 1-36; Mc 12, 38-40)
- 45E diante de toda a xente, díxolles aos seus discípulos:
- 46__Coidado cos letrados! Gustan moito de pasearen ben traxados, e de que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes.
- 47E acábanlles cos bens ás viúvas, co pretexto de faceren longos rezos. Pero hanos xulgar co máis severo castigo.