EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 21
Capítulo 21
Xenerosidade da viúva (Mc 12, 41-44)
- 1Ergueu a vista e viu uns ricos que botaban os seus donativos na boeta do tesouro.
- 2E viu tamén unha viúva moi pobre, que botaba unha miseria.
- 3Entón dixo:
__Asegúrovos unha cousa: esta pobre viúva botou máis ca todos.
- 4Porque todos estes botaron do que lles sobra, pero ela na súa pobreza botou canto tiña para vivir.
Destrución do templo e signos de Xuízo (Mt 24, 1-3; 10, 17-22; Mc 13, 1-13)
- 5Comentaban algúns a fermosa cantería con que estaba construído o templo, e os exvotos que o adornaban. Pero el díxolles:
- 6__Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra.
- 7Eles preguntáronlle:
__Mestre, dinos, cando van pasar estas cousas; cal será o signo de que van acontecer.
- 8El empezoulles a dicir:
__Estade atentos, para non vos extraviar. Porque han vir moitos no meu nome, dicindo: “Son eu” e “está a chegar o momento”, pero non os sigades.
- 9Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes; que iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.
- 10Entón díxolles:
__Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino;
- 11haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares; cousas espantosas, e grandes sinais no ceo.
- 12Pero antes de todo isto botaranse sobre vós, perseguíndovos: levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña:
- 13así teredes a oportunidade de dar testemuño.
- 14Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa,
- 15que eu vos darei unha elocuencia e mais unha sabedoría que non poderán resistir nin replicar os vosos adversarios.
- 16Entregaranvos os vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós,
- 17e todos vos aborrecerán por causa miña,
- 18e mais non perderedes nin un pelo da vosa cabeza.
- 19Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas.
A destrución de Xerusalén (Mt 24, 15-21; Mc 13, 14-19)
- 20Cando vexades a Xerusalén cercada polos exércitos, sabede que está a chegar a súa destrución.
- 21Entón os que estean en Xudea, que fuxan para os montes; os que estean na vila, que se afasten; e os que estean no campo, que non entren na vila,
- 22porque estes son días de escarmento, nos que se cumprirá canto está escrito.
- 23Ai das que estean embarazadas ou criando naqueles días! Porque haberá unha gran calamidade no país, e un terrible xuízo para este pobo.
- 24Caerán baixo a espada, levaranos presos a todos os países do mundo, e os pagáns esmagarán cos pés a Xerusalén, ata que se lles cumpra tamén o tempo aos pagáns.
A chegada do Fillo do Home (Mt 24, 29-31; Mc 13, 24-27)
- 25Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas; e na terra, as nacións tremerán coa angustia ante o bruar do mar e das ondas;
- 26os homes morrerán cheos de medo e de desacougo, polo que virá enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán.
- 27Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con gran poder e gloria.
- 28Pero cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación.
O exemplo da figueira (Mt 24, 32-35; Mc 13, 28-31)
- 29E púxolles esta comparación:
__Reparade na figueira e nas demais árbores:
- 30cando as vedes agromar, sabedes por vós mesmos que está vindo o verán.
- 31Pois vós igual: cando vexades que pasan estas cousas, caede na conta de que xa está preto o Reino de Deus.
- 32Asegúrovos que non pasará está xeración sen que antes aconteza todo isto.
- 33O ceo e mais a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.
Hai que estar atentos
- 34Tede conta de vós mesmos; non sexa que vos atordedes na borracheira, na libertinaxe e nas preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día;
- 35porque caerá coma un lazo sobre todos os que habitan a terra.
- 36Vós vixiade sempre, e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir, e comparecer así seguros diante do Fillo do Home.
- 37Pasaba os días ensinando no templo; polas noites saía, e pasábaas no monte chamado das Oliveiras.
- 38E todo o pobo madrugaba para ir onda el ao templo, a escoitalo.