EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 22
Capítulo 22
A PAIXÓN
Complot contra Xesús (Mt 26, 1-5. 14-16; Mc 14, 1-2. 10-11; Xn 11, 45-53)
- 1Aproximábase a festa dos Ácimos, chamada tamén a Pascua.
- 2Os sumos sacerdotes e mais os letrados andaban buscando como quitalo do medio, porque lle tiñan medo á xente.
- 3Nisto Satanás apoderouse de Xudas, chamado o Iscariote, que formaba parte dos Doce,
- 4e foi falar cos sumos sacerdotes e cos oficiais da garda sobre o xeito de entregalo.
- 5Eles alegráronse, e acordaron darlle cartos.
- 6El aceptou, e andaba vendo a ocasión de entregárllelo sen que a xente se decatase.
Preparación da Pascua (Mt 26, 17-19; Mc 14, 12-16)
- 7Chegou o día dos Ácimos, e había que inmolar o año pascual.
- 8Mandou a Pedro e a Xoán, dicíndolles:
__Ide preparar a cea pascual.
- 9Eles preguntaron:
__Onde queres que a preparemos?
- 10El respondeu:
__Mirade, cando entredes na cidade, havos saír ao paso un home, levando unha ola de auga. Seguídeo ata a casa onde entre,
- 11e dicídelle ao dono da casa: “O Mestre mándanos preguntar, onde está o lugar no que poida comer a Pascua cos meus discípulos?”.
- 12El havos mostrar no sobrado unha sala grande, xa disposta: facede alí os preparativos.
- 13Foron eles, atoparon todo tal como lles dixera, e prepararon a Pascua.
A Eucaristía (Mt 26, 26-30; Mc 14, 22-26; 1 Cor 11, 23-25)
- 14Cando chegou a hora, púxose á mesa cos seus apóstolos.
- 15Díxolles:
__Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer!
- 16Porque vos digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no Reino de Deus.
- 17E collendo unha copa, deu grazas e dixo:
__Tomade e repartídea entre vós,
- 18pois asegúrovos que non volverei beber do produto da viña ata que chegue o Reino de Deus.
- 19E collendo pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:
__Este é o meu corpo, que se entrega por vós: facede isto en memoria de min.
- 20E despois de cear, fixo o mesmo coa copa, dicindo:
__Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós.
- 21Pero mirade o que vos digo: a man do que me entrega está aquí, sobre a mesa, a carón meu.
- 22Porque o Fillo do Home vaise, conforme o determinado; pero ai daquel que o entrega!
- 23Entón empezaron a discutir entre eles, sobre quen podería ser o que ía facer iso.
O máis importante (Mt 20, 25-28; Mc 10, 42-45)
- 24Armouse tamén unha discusión entre eles sobre a quen deles debían considerar máis importante. Pero el díxolles:
- 25__Os reis dos xentís asobállanos, e os tiranos fanse chamar benfeitores.
- 26Pero vós non fagades iso; non: que o maior entre vós sexa coma o máis pequeno, e o que goberna, coma quen serve.
- 27Pois, quen é máis importante, o que está á mesa ou quen o serve? Acaso non é o que está na mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.
- 28Pois vós sodes os que quedastes comigo nas miñas probas.
- 29E, como meu pai o dispuxo para min, así eu teño disposto para vós un reino,
- 30para que, cando eu sexa rei, comades e bebades na miña mesa, e sentedes en tronos para xulgar as doce tribos de Israel.
Anuncio das negacións de Pedro (Mt 26, 31-35; Mc 14, 27-31; Xn 13, 36-38)
- 31Simón, Simón, mira que Satanás vos reclamou para vos peneirar coma o trigo!
- 32Pero eu roguei por ti, para que a túa fe non falle; e ti, ao que te arrepintas, debes confirmar os teus irmáns.
- 33Díxolle el:
__Señor, estou disposto a ir á cadea e á morte contigo.
- 34Respondeulle Xesús:
__Ten por seguro que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces.
- 35E logo preguntoulles a todos:
__Cando vos mandei sen bolsa, alforxas e calzado, sentistes falta de algo?
Eles responderon:
__De nada.
- 36El continuou:
__Pois agora quen teña unha bolsa, que a colla e que colla tamén unha alforxa; e quen non teña espada, que venda o seu manto e que merque unha.
- 37Porque vos aseguro que é preciso que se cumpra en min aquilo que está escrito: Foi contado entre os malfeitores. E o tocante a min vaise cumprir.
- 38Eles dixéronlle:
__Señor, temos aquí dúas espadas.
Contestoulles:
__Basta! Xa está ben.
No monte das Oliveiras (Mt 26, 36-46; Mc 14, 32-42)
- 39Despois de saír, foise como facía sempre ao monte das Oliveiras, seguido dos seus discípulos.
- 40Cando chegaron ao sitio, díxolles:
__Rogade que non caiades na tentación.
- 41E arredándose deles, coma un tiro de pedra, púxose a rogar axeonllado:
- 42__Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa.
- 43E un anxo do ceo aparecéuselle para confortalo.
- 44E cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan.
- 45Erguéndose da oración, volveu onda os discípulos e atopounos durmidos por mor da tristeza.
- 46Díxolles:
__Como é que estades a durmir? Erguédevos e rogade, para que non caiades na tentación.
Traizón e arresto (Mt 26, 47-56; Mc 14, 43-50; Xn 18, 3-11. 20)
- 47Estaba aínda falando, cando apareceu xente; á fronte deles viña o chamado Xudas, un dos Doce; e achegouse a Xesús, para lle dar un bico.
- 48Pero Xesús díxolle:
__Xudas, cun bico entregas o Fillo do Home?
- 49Entón os seus acompañantes, decatándose do que pasaba, preguntáronlle:
__Señor, sacamos as espadas?
- 50E un deles feriu ao criado do sumo sacerdote, rabenándolle a orella dereita.
- 51Pero Xesús díxolle:
__Deixádeos facer!
E tocándolle a orella, sandoulla.
- 52Entón díxolles aos que viñan contra el, sumos sacerdotes, oficiais da garda do templo e anciáns:
__Viñéstesme prender con paus e espadas, coma se fose un bandido.
- 53Pero eu estiven a diario convosco no templo, e non me puxestes as mans enriba. Ben: esta é a vosa hora, e o poder das tebras.
As negacións de Pedro (Mt 26, 57-58. 69-75; Mc 14, 53-54. 66-72; Xn 18, 12-18. 25-27)
- 54Prendérono e levárono á casa do sumo sacerdote. Pedro seguíao de lonxe.
- 55Encenderon lume no medio do patio, e sentaron arredor; e Pedro sentou tamén no medio deles.
- 56Pero unha criada, viuno sentado a carón do lume, cravou os ollos nel e dixo:
__Este tamén andaba con el.
- 57El negouno dicindo:
__Muller, eu non o coñezo.
- 58Pouco despois viuno outro criado, e dixo:
__Ti es deles tamén.
Pero Pedro exclamou:
__Non, home, non son.
- 59Unha hora máis tarde, aínda volveu insistir outro criado:
__Si, seguro que andaba con el, que é galileo.
- 60Pedro replicou:
__Pero home, eu non che sei de que falas.
E no intre, estando aínda el a falar, cantou o galo.
- 61O Señor, volvéndose, mirou a Pedro, e este acordouse das súas palabras: “Antes de que o galo cante hoxe, ti hasme negar tres veces”.
- 62Saíu para fóra, e chorou amargamente.
Burlas e golpes a Xesús (Mt 26, 67-68; Mc 14, 65)
- 63Os homes que o tiñan preso burlábanse del e mallábano;
- 64tapábanlle a cara e preguntábanlle:
__Fai agora de profeta: quen che zoupou?
- 65E aldraxábano, dicíndolle outras moitas cousas.
Xesús ante o Sanedrín (Mt 26, 59-66; Mc 14, 55-64; Xn 18, 19-24)
- 66Cando se fixo de día, reuniuse o Consello dos anciáns do pobo, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e acordaron levalo ao Sanedrín.
- 67E dixéronlle:
__Se ti es o Mesías, dínolo.
El contestoulles:
__Se volo digo, non me ides crer;
- 68se vos fago preguntas, non me ides responder.
- 69Pero desde agora o Fillo do Home estará sentado á dereita do Todopoderoso.
- 70Preguntáronlle todos:
__Logo es ti o Fillo de Deus?
El respondeu:
__Vós o dicides: eu son.
- 71Eles exclamaron:
__Para que máis testemuñas? Xa llo oímos nós mesmos da súa boca.