EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 23
Capítulo 23
Xesús ante Pilatos (Mt 27, 1-2. 11-14; Mc 15, 1-5; Xn 18, 28-38)
- 1Cando se levantou a sesión, conduciron a Xesús ante Pilatos.
- 2Alí empezárono a acusar, dicindo:
__Atopamos a este revolucionando ao pobo, impedíndolle pagar o tributo ao César, e declarándose ademais Mesías e rei.
- 3Pilatos preguntoulle:
__Es ti o rei dos xudeus?
Respondeulle:
__Ti o dis.
- 4Entón díxolles Pilatos aos sumos sacerdotes e mais á xente:
__Eu non atopo delito ningún neste home.
- 5Pero eles teimaban dicindo:
__Anda encirrando á xente, ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.
Ante Herodes
- 6Oíndo aquilo, Pilatos preguntou se aquel home era galileo.
- 7Ao saber que pertencía á xurisdición de Herodes, remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.
- 8Herodes, ao ver a Xesús, alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver, polo moito que tiña oído falar del; de por parte esperaba ver algún milagre.
- 9Fíxolle moitas preguntas, pero Xesús non dixo palabra.
- 10Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mais os letrados acusándoo resoltamente.
- 11Herodes e mais os seus soldados aldraxárono, e, para faceren risa del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes mandoullo de volta a Pilatos.
- 12E desde aquel día Herodes e Pilatos, que se levaban moi mal, quedaron amigos.
Condenado á morte (Mt 27, 15-26; Mc 15, 6-15; Xn 18, 39-19, 16)
- 13Pilatos convocou os sumos sacerdotes, os xefes e mais o pobo
- 14e díxolles:
__Trouxéstesme este home coma se fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar diante de vós, non atopei nel ningún delito deses dos que o acusades;
- 15nin tampouco Herodes, que nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu;
- 16así que voulle pór un escarmento, e despois vouno soltar.
- 18Pero todos empezaron a berrar, dicindo:
__Fóra ese, solta a Barrabás!
- 19(Este estaba na cadea por unha revolta con asasinato, ocorrido na cidade).
- 20Pilatos volveulles falar, pois quería librar a Xesús.
- 21Pero eles berraban:
__Crucifícao, crucifícao!
- 22Pilatos replicou por terceira vez:
__Pero que mal fixo? Ningún delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e soltareino.
- 23Pero eles porfiaban a berros e pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo.
- 24Por fin Pilatos sentenciou tal como eles querían.
- 25Soltou ao que reclamaban __o encadeado por revolta e asasinato__, e a Xesús entregóullelo ao seu antollo.
Crucifixión (Mt 27, 32-44; Mc 15, 21-32; Xn 19, 17-27)
- 26Cando o levaban, botaron man dun certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a levase detrás de Xesús.
- 27Ía tras eles unha chea de xente e mulleres batendo no peito e laiándose por el.
- 28Xesús volvéndose a elas, díxolles:
__Fillas de Xerusalén, non choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos.
- 29Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: “Afortunadas as estériles, os ventres que non xeraron e os peitos que non criaron”.
- 30E pediranlles aos montes: “Caede enriba de nós!”, e aos outeiros: “Tapádenos”.
- 31Porque se isto fan coa árbore verde, que lle pasará á seca?
- 32Levaban con el tamén a outros dous bandidos, para executalos.
- 33E cando chegaron ao lugar chamado A Caveira, crucificárono alí; e con el os dous bandidos: un á dereita e outro á esquerda del.
- 34Xesús dicía:
__Meu Pai, perdóaos, que eles non saben o que fan!
E, botando as sortes, repartiron a súa roupa.
- 35A xente estaba a mirar, e os xefes moqueábanse del, dicindo:
__A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido!
- 36Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre,
- 37dicindo:
__Se ti es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.
- 38E había un letreiro enriba del: “Este é o rei dos xudeus”.
- 39Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:
__Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.
- 40Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:
__Seica non temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el?
- 41Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero este non fixo mal ningún.
- 42E dicíalle:
__Xesús, lémbrate de min cando volvas como rei!
- 43Xesús respondeulle:
__Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso!
Morte de Xesús (Mt 27, 45-56; Mc 15, 33-41; Xn 19, 28-30)
- 44Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde.
- 45Pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do Santuario rachou polo medio.
- 46Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo:
__Meu Pai!: nas túas mans entrego o meu espírito!
E dicindo isto, morreu.
- 47O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo:
__Realmente este home era inocente!
- 48E toda a xente que acudira ao espectáculo, ao ver o que pasaba, volvía batendo no peito.
- 49Os seus coñecidos seguían todo de lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea.
Sepultura (Mt, 27, 57-61; Mc 15, 42-47; Xn 19, 38-42)
- 50Un home bo e honrado, chamado Xosé, que era conselleiro
- 51–aínda que el non estivera de acordo co proceder do Consello–, natural de Arimatea, vila de Xudea, e que esperaba o Reino de Deus,
- 52presentouse a Pilatos e pediulle o corpo de Xesús.
- 53Logo, despois de o baixar, envolveuno nunha saba e púxoo nun sepulcro cavado na rocha, que estaba sen estrear.
- 54Era o día da Preparación e xa despuntaba o sábado.
- 55Tamén estiveron presentes as mulleres que o acompañaban desde Galilea, pois seguiron a Xosé, e viron o sepulcro e como o depositaba.
- 56Cando regresaron, prepararon perfumes e bálsamos. Pero o sábado descansaron, conforme o mandado.