EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 24
Capítulo 24
A RESURRECCIÓN
Anuncio da resurrección (Mt 28, 1-10; Mc 16, 1-8; Xn 20, 1-10)
- 1A madrugada do primeiro día da semana foron ao sepulcro, levando os perfumes que tiñan preparados.
- 2Pero atoparon quitada a lousa, arredada do sepulcro.
- 3Entraron, e viron que o corpo do Señor non estaba alí.
- 4Entón, mentres estaban todas perplexas por aquilo, apareceron dous homes con vestidos resplandecentes.
- 5Cheas de medo, miraban para o chan; pero eles preguntaron:
__Por que buscades entre os mortos a quen está vivo?
- 6Non está aquí; resucitou. Recordade o que vos dicía en Galilea:
- 7que cumpría que entregasen o Fillo do Home nas mans dos pecadores, que o crucificasen e que resucitase ao terceiro día.
- 8A elas acordáronlles aquelas palabras súas,
- 9e, volvendo do sepulcro, anunciáronllelo aos Once e a todos os demais.
- 10Eran elas: María Magdalena, Xoana e María a de Santiago. Tamén as outras que as acompañaban lles dicían o mesmo aos apóstolos;
- 11pero eles non lles daban creto: parecíalles un desatino das mulleres.
- 12Mesmo así, Pedro ergueuse e foi correndo ao sepulcro; abaixándose, viu as vendas soas; e, todo abraiado polo acontecido, volveu para a súa casa.
Camiño de Emaús (Mc 16, 12-13)
- 13Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén.
- 14Ían falando de canto pasara.
- 15E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles.
- 16Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren.
- 17Entón preguntoulles:
__De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun rostro moi tristeiro,
- 18e Cleofás, un deles, respondeulle:
__Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
- 19El preguntou:
__De que, logo?
Eles contestaron:
__Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo;
- 20de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron a morte e o crucificaron.
- 21Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas.
- 22Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro
- 23e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive.
- 24E algúns dos nosos alá foron ao sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
- 25Entón díxolles:
__Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas!
- 26E logo non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
- 27E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
- 28Ao achegarse á aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante.
- 29Pero eles porfiáronlle, dicindo:
__Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou con eles.
- 30E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo.
- 31Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu.
- 32E dixeron:
__Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?
- 33E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes,
- 34que dicían:
__É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
- 35Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan.
Aparición aos apóstolos (Mt 28, 16-20; Mc 16, 14-18; Xn 20, 20-23; Feit 1, 6-8)
- 36Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles:
__A paz sexa convosco!
- 37Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito.
- 38Pero el díxolles:
__Por que estades asustados e a que veñen esas dúbidas?
- 39Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.
- 40E dicindo isto, mostroulles as mans e mais os pés.
- 41Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:
__Tedes por aí algo que comer?
- 42Déronlle un anaco de peixe asado.
- 43El colleuno e comeuno diante deles.
- 44Logo díxolles:
__A isto me refería eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.
- 45E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras.
- 46E engadiu:
__Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día,
- 47e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén.
- 48Vós seredes testemuñas de todo isto.
- 49E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Mentres tanto seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.
Ascensión de Xesús (Mc 16, 19-20; Feit 1, 9-11)
- 50Despois levounos para fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendiciunos.
- 51E mentres os bendicía, foise separando deles, e foi elevado ao ceo.
- 52Eles, despois de se prostraren ante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría.
- 53E seguían decote, no templo, bendicindo a Deus.