EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 3
Capítulo 3
PREPARACIÓN DO MINISTERIO DE XESÚS
Predicación de Xoán o Bautista (Mt 3, 1-12; Mc 1, 1-8; Xn 1, 19-28)
- 1No ano quince do reinado do emperador Tiberio César, sendo Poncio Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea; sendo Filipo, seu irmán, tetrarca de Iturea e mais da Traconítide, e Lisanias, tetrarca de Abilene;
- 2durante o pontificado de Anás e Caifás, chegoulle a Palabra de Deus a Xoán, fillo de Zacarías, no deserto.
- 3Entón el percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para acadar o perdón dos pecados,
- 4conforme está escrito no libro do profeta Isaías:
- Unha voz chama no deserto:
- Preparade os camiños do Señor,
- reparade os seus vieiros.
- 5Todo barranco se encherá
- todo monte e outeiro se rebaixará,
- os camiños tortos hanse endereitar
- e os fragosos hanse achanzar.
- 6E todos verán a salvación de Deus.
- 7 Ía onda el moita xente a que os bautizase, e el dicíalles:
__Camada de víboras!, quen vos ensinou a fuxir do castigo que está a chegar?
- 8Dade froitos dignos dunha verdadeira conversión, e non empecedes a dicir entre vós: “Somos fillos de Abraham”. Asegúrovos que destas mesmísimas pedras pode sacar Deus fillos de Abraham.
- 9Xa está a machada posta na raíz das árbores, e toda árbore que non dea bo froito, será cortada e botada no lume.
- 10E a xente preguntáballe:
__E logo, que temos que facer?
- 11El respondíalles:
__O que teña dúas túnicas, que as reparta con quen non teña ningunha; e que faga o mesmo o que teña que comer.
- 12Foron tamén uns recadadores a se bautizar, e preguntáronlle:
__Mestre, que temos que facer?
- 13El contestoulles:
__Non esixades nada máis do que vos está mandado.
- 14Tamén uns soldados lle preguntaron:
__E nós, que temos que facer?
El contestoulles:
__Non asoballedes nin saqueedes a ninguén, e contentádevos coas vosas pagas.
- 15Como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán;
- 16pero el declarou diante de todos:
__Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume.
- 17Porque trae a forcada na man, para limpar a súa eira e recoller na hucha o seu trigo; mais a palla ha de queimala no lume que nunca apaga.
- 18Con esta e outras moitas exhortacións anunciáballe a Boa Nova á xente.
- 19Pero Herodes, o tetrarca, a quen Xoán reprendía por causa de Herodías, súa cuñada, e por outros crimes,
- 20colmounos todos facendo aínda este: meteu a Xoán na cadea.
Bautismo de Xesús (Mt 3, 13-17; Mc 1, 9-11)
- 21Durante un bautismo xeral, e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres oraba abriuse o ceo
- 22e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz desde o ceo:
__Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto; en ti me comprazo.
Xenealoxía de Xesús
- 23Este era Xesús, que tiña trinta anos ao empezar; fillo, segundo se pensaba, de Xosé, que o era de Helí,
- 24o de Matat, o de Leví, o de Melquí, o de Xanaí, o de Xosé,
- 25o de Matatías, o de Amós, o de Nahum, o de Eslí, o de Nagai,
- 26o de Máhat, o de Matatías, o de Semeín, o de Ioseh, o de Iodá,
- 27o de Iohanán, o de Resá, o de Zerubabel, o de Xealtiel, o de Nerí,
- 28o de Melquí, o de Adí, o de Casam, o de Elmadam, o de Er,
- 29o de Xesús, o de Eliezer, o de Iozim, o de Matat, o de Leví,
- 30o de Simeón, o de Xudá, o de Xosé, o de Ionam, o de Eliaquim,
- 31o de Meleá, o de Mená, o de Matatá o de Natán, o de David,
- 32o de Iexé, o de Iobed, o de Boaz, o de Salá, o de Naasón,
- 33o de Aminadab, o de Admín, o de Arní, o de Esrón, o de Peres, o de Xudá,
- 34o de Xacob, o de Isaac, o de Abraham, o de Tara, o de Nacor,
- 35o de Seruc, o de Ragau, o de Pélec, o de Éber, o de Salá,
- 36o de Cainam, o de Arfaxad, o de Xem, o de Noé, o de Lámec,
- 37o de Metuxalem, o de Henoc, o de Iáret, o de Malelel, o de Cainam,
- 38o de Enox, o de Xet, o de Adán, o de Deus.