EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 4
Capítulo 4
As tentacións (Mt 4, 1-11; Mc 1, 12-13)
- 1Entón Xesús, cheo de Espírito Santo, volveu do Xordán, e o Espírito levouno deserto adiante,
- 2durante corenta días, e alí o tentou o Satán. Naqueles días non probou bocado, pero ao cabo deles sentiu fame.
- 3E díxolle o Satán:
__Se es o Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.
- 4Respondeulle Xesús:
__Está escrito: O home vive de algo máis ca de pan.
- 5Despois levouno a un outeiro e mostroulle nun intre todos os reinos do mundo.
- 6Díxolle o Satán:
__Dareiche todo o seu poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero:
- 7se me adoras, todo será teu.
- 8Respondeulle Xesús:
__Escrito está: Adorarás o Señor, o teu Deus, e só a El darás culto.
- 9Levouno logo a Xerusalén e plantouno no cumio do templo e díxolle:
__Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo,
- 10que está escrito: Mandará os seus anxos para que te garden; e tamén:
- 11Levarate nas súas mans para que non se manquen os teus pés nas pedras.
- 12Xesús respondeulle:
__Está mandado: Non tentarás o Señor, o teu Deus.
- 13E rematadas as tentacións, o Satán deixouno ata o tempo axeitado.
XESÚS EN GALILEA
Comeza a predicar. Xesús en Nazaré (Mt 4, 12-17; 13, 53-58; Mc 1, 14-15; 6, 1-6)
- 14Coa forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.
- 15Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
- 16Chegou a Nazaré, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para facer a lectura,
- 17e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
- 18O Espírito do Señor está sobre min
- porque El foi quen me unxiu
- para proclamarlles
- a Boa Nova aos pobres.
- Mandoume para lles anunciar
- a liberación aos presos
- e a vista aos cegos,
- para lles dar liberdade aos asoballados,
- 19e proclamar o ano de graza do Señor.
- 20Pechando o libro, devolveullo ao encargado, e sentou. Todos os ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel.
- 21Logo empezoulles a dicir:
__Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
- 22E todos se lle puxeron á contra, estrañados polas palabras de graza que saían da boca del. E dicían:
__Pero non é este o fillo de Xosé?
- 23El díxolles:
__Seguramente me recordaredes aquel refrán: “Médico, cúrate a ti mesmo”; todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra.
- 24Pero el continuou:
__Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra.
- 25Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país;
- 26e a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón.
- 27E moitos gafos había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o sirio.
- 28 Oíndo estas cousas, todos os que estaban na sinagoga puxéronse feitos unhas feras;
- 29así que, erguéronse, botárono fóra da vila, e levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o precipitaren embaixo.
- 30Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.
Curación dun endemoñado (Mc 1, 21-28)
- 31Baixou entón a Cafarnaúm, vila de Galilea, e os sábados adoitaba ensinar.
- 32Todos estaban sorprendidos do seu ensino, porque falaba con autoridade.
- 33E aconteceu que había na sinagoga un home posuído polo espírito dun demoño inmundo, que pegou a berrar dando grandes voces:
- 34__Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? Seica viñeches para acabares connosco? Ben sei quen es ti: o Santo de Deus.
- 35Xesús ordenoulle:
__Cala a boca e bótate fóra dese home!
E o demo tirou co home no medio e medio e saíu del sen lle facer mal.
- 36Todos ficaron abraiados e falaban entre eles dicindo:
__Que terá a súa palabra? Con autoridade e poder manda nos espíritos malos, e eles fanlle caso.
- 37E a sona de Xesús estendeuse por todos os lugares daquela terra.
Curación da sogra de Pedro e doutros enfermos (Mt 8, 14-17; Mc 1, 29-34)
- 38Ao que saíu da sinagoga, entrou na casa de Simón. A sogra de Simón tiña unha febre moi alta, e pedíronlle por ela.
- 39Achegándose a onde estaba, ordenoulle á febre que a deixase, e deixouna. Deseguida ergueuse ela, e púxose a servilos.
- 40Á tardiña, cantos tiñan enfermos de calquera doenza leváronllos; el, impoñendo as mans sobre cada un deles, curounos a todos.
- 41De moitos saían os demos tremendo e dicindo: “Ti es o Fillo de Deus”. Pero el berráballes e non os deixaba falar, porque sabían que el era o Mesías.
Xesús abandona Cafarnaúm (Mc 1, 35-39)
- 42Ao abrir o día, saíu para un lugar arredado. Pero a xente buscouno, indo tras el e tratando de retelo para que non os deixase.
- 43Pero el díxolles:
__Tamén cómpre que anuncie o Reino de Deus noutras vilas, que para isto me mandaron.
- 44E andou predicando polas sinagogas de Xudea.