EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 5
Capítulo 5
Primeiros discípulos (Mt 4, 18-22; Mc 1, 16-20)
- 1Estando el á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ao seu arredor, escoitando a Palabra de Deus,
- 2viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas, lavaban o aparello.
- 3Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e desde a barca, sentado, ensinaba á xente.
- 4Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
__Voga lago a dentro, e larga o aparello para pescar.
- 5Respondeu Simón:
__Mestre, pasamos a noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.
- 6Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba.
- 7Fixéronlles entón acenos aos compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas, tanto que, a pouco máis, van a pique.
- 8Vendo isto, Simón Pedro botóuselle aos pés a Xesús, dicindo:
__Señor, arreda de min, que eu son un pecador.
- 9Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como colleran naquel lance.
- 10O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:
__Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes.
- 11Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.
Curación dun gafo (Mt 8, 2-4; Mc 1, 40-45)
- 12Dunha vez estaban nunha vila, e un home todo cuberto de lepra, vendo a Xesús, botouse rostro en terra e rogoulle:
__Señor, ti, se queres, pódesme limpar.
- 13El estendeu a man e tocouno, dicindo:
__Pois quero, queda limpo.
E no intre desapareceu a laceira.
- 14Logo mandoulle que non lle dixese nada a ninguén, e engadiu:
__Vai, preséntate ao sacerdote e ofrece pola túa purificación o ordenado por Moisés, para que lles sirva de testemuño.
- 15Pero a súa sona espallábase a cada paso máis, xuntándose moita xente para escoitalo e para que lles curase as súas doenzas.
- 16Mais el retirábase aos lugares arredados para orar.
Cura a un tolleito (Mt 9, 2-8; Mc 2, 1-12)
- 17Un día que estaba ensinando, había sentados algúns fariseos e letrados que chegaran de todas as aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. E, co poder do Señor, el facía curacións.
- 18Nisto uns homes trouxeron nunha padiola a un tolleito, mirando como metelo dentro para poñelo diante del.
- 19Pero, non atopando por onde o meteren, debido á moita xente que había, subiron ao tellado e baixárono co leito por entre as tellas, ata deixalo no medio, diante de Xesús.
- 20Vendo a fe que tiñan, dixo:
__Home, quédanche perdoados os teus pecados.
- 21Os letrados e mais os fariseos empezaron a razoar:
__Pero quen é este, que así blasfema? Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?
- 22Decatándose Xesús do que pensaban, díxolles:
__Que cavilades nos vosos adentros?
- 23Que é máis fácil dicir: Perdoados quedan os teus pecados, ou érguete e anda?
- 24Pois, para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados __díxolle ao tolleito__: Érguete, colle a padiola e vaite para a casa!
- 25E así foi: erguéndose no intre diante deles, colleu a padiola e foise para a súa casa, loando a Deus.
- 26Todos ficaron pasmados, e cheos de temor loaban a Deus, dicindo:
__Hoxe si que vimos cousas nunca vistas!
Vocación de Mateo (Mt 9, 9-13; Mc 2, 13-17)
- 27Despois disto, cando saíu, viu un recadador de impostos chamado Leví, sentado no telonio, e díxolle:
__Sígueme.
- 28El, deixando todo, levantouse e seguiuno.
- 29Leví ofreceulle na súa casa un gran banquete, e había moitos recadadores e outra xente sentados á mesa con eles.
- 30E os fariseos e os seus letrados refungaban, dicíndolles aos discípulos:
__Por que comedes e bebedes cos recadadores e pecadores?
- 31Xesús respondeulles:
__Non son os sans, senón os enfermos, os que precisan médico.
- 32Eu non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores, para que se convertan.
Discusión acerca do xaxún (Mt 9, 14-17; Mc 2, 18-22)
- 33Mais eles replicáronlle:
__Os discípulos de Xoán xaxúan e rezan a miúdo, como tamén fan os dos fariseos, pero os teus comen e beben.
- 34Xesús contestoulles:
__E ides facer xaxuar os convidados á voda, mentres está con eles o esposo?
- 35Xa chegará o día no que lles leven o esposo; daquela si que xaxuarán.
- 36Tamén lles propuxo esta parábola:
__Ninguén racha un vestido novo para lle botar un remendo a un vestido vello, porque quedaría roto o novo, e no vello tampouco diría ben un remendo de pano novo.
- 37E tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, deitarían o viño e estragaríanse os pelellos.
- 38Xa sabedes: viño novo quere pelellos novos.
- 39E ninguén que proba o viño vello, quere o novo, pois dirá: é mellor o vello.