EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 6
Capítulo 6
O asunto das espigas no sábado (Mt 12, 1-8; Mc 2, 23-28)
- 1Pasando un sábado por unhas leiras sementadas, os seus discípulos arrincaban espigas e comíanas, despois de refregalas coas mans.
- 2Entón dixeron algúns fariseos:
__Como facedes o que non está permitido facer no sábado?
- 3Respondeulles Xesús:
__Seica non sabedes o que fixo David cando sentiu fame, el e mais os seus acompañantes?
- 4Entrou na casa de Deus e colleu o pan das ofrendas, comeu el e deulles aos seus acompañantes, iso que non lles estaba permitido comelos a eles, senón só aos sacerdotes.
- 5E engadiu:
__O Fillo do Home é o Señor do sábado.
O home da man tolleita (14, 1-6; Mt 12, 9-14; Mc 3, 1-6)
- 6Outro sábado entrou na sinagoga a ensinar, e atopou un home que tiña unha man tolleita, a dereita.
- 7Os letrados e mais os fariseos estaban á espreita a ver se se atrevía a curalo en pleno sábado, para o poderen acusar.
- 8Pero el, coñecendo os seus pensamentos, díxolle ao home que tiña a man tolleita:
__Érguete e ponte no medio!
El ergueuse e púxose no medio.
- 9Entón Xesús díxolles:
__Fágovos unha pregunta. Que está permitido facer no sábado: o ben ou o mal, salvar a vida ou perdela?
- 10E botándolles a todos unha ollada chea de indignación, díxolle ao home:
__Estende a túa man!
El fíxoo e a man quedoulle curada.
- 11Pero eles, todos enrabechados, discutían entre si o que poderían facer con Xesús.
Elección dos Doce (Mt 10, 1-14; Mc 3, 13-19)
- 12Por aqueles días foi rezar ao monte, e pasou a noite orando a Deus.
- 13Cando se fixo de día, chamou aos seus discípulos e escolleu doce entre eles, aos que chamou apóstolos:
- 14Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e André seu irmán, Santiago, Xoán, Felipe, Bartolomeu,
- 15Mateo, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Celote,
- 16Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.
- 17E baixando con eles, detívose nunha valgada cun bo grupo de discípulos e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e mais de toda a ribeira de Tiro e Sidón,
- 18que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. Os atormentados por espíritos inmundos quedaban curados;
- 19e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todos.
Bendicións e maldicións (Mt 5, 1-12)
- 20Xesús, coa mirada posta nos seus discípulos, dixo:
__Ditosos vós os pobres,
porque voso é o Reino de Deus.
- 21Ditosos os que agora pasades fame,
porque Deus vos fartará.
Ditosos os que agora chorades,
porque riredes.
- 22Ditosos vós,
cando vos aborrezan os homes,
vos expulsen e vos aldraxen,
cando poñan nas listas negras
o voso nome por causa do Fillo do Home:
- 23alegrádevos nese día,
brincando de gozo,
porque grande será
a vosa recompensa no ceo,
pois así mesmo foi como os pais deles
lles fixeron aos profetas.
- 24Pero, ai de vós, os ricos,
porque xa acadastes a vosa satisfacción!
- 25Ai de vós, os que agora estades fartos:
xa pasaredes fame!
Ai de vós, os que agora rides:
xa choraredes e xa laiaredes!
- 26Ai, cando todos falen ben de vós:
o mesmo fixeron os seus pais
cos falsos profetas!
Amor aos inimigos (Mt 5, 38-48; 7, 1-2. 12)
- 27Pero a vós, que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelles ben aos que vos odian,
- 28bendicide aos que vos maldín e rogade polos que vos calumnian;
- 29ao que che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e ao que che leve o manto, non lle prives de levar tamén a túnica.
- 30Ao que che pida, dálle; e ao que che leve o teu, non lle reclames nada.
- 31Así que tratade á xente tal como queredes que vos traten a vós.
- 32Se amades aos que vos aman, que facedes de máis? Os pecadores tamén aman a quen os aman a eles.
- 33E se lles facedes ben aos que vos fan ben, que mérito tedes? Os pecadores fan outro tanto.
- 34E, se non emprestades máis que cando esperades cobrar, poucas grazas! Os pecadores tamén se emprestan entre eles para cobraren despois outro tanto.
- 35Vosoutros non; vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha gran recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é bo cos malos e desagradecidos.
- 36Sede compasivos coma o voso Pai é compasivo.
- 37Non xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non vos condenarán; perdoade, e hanvos perdoar.
- 38Dade, e darásevos a vós: unha boa medida __acugulada, rebordada, apertada__ seravos botada no voso regazo; pois coa medida que midades hanvos medir a vós.
Comportamento dos discípulos (Mt 7, 3-5. 17-20; 12, 33-35; 15, 14)
- 39E púxolles unha comparanza:
__E logo poderá un cego guiar a outro cego? Non caerán os dous na fochanca?
- 40Non está o discípulo por enriba do mestre; aínda que todo discípulo que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre.
- 41Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo?
- 42Como lle poderás dicir a teu irmán: Irmán, deixa que che quite o lixo que tes no ollo, sen reparar na trabe que tes no teu? Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo, e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.
- 43Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos.
- 44Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas.
- 45O home bo saca o ben da bondade do seu propio corazón, e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o corazón fala a boca.
Obras e non palabras (Mt 7, 21. 24-27)
- 46Por que me chamades Señor, Señor!, e non facedes o que eu vos digo?
- 47Todo aquel que, achegándose a min, escoita as miñas palabras e as pon en práctica, vouvos dicir a quen se parece:
- 48Parécese a un home que, ao edificar unha casa, cavou fondo e puxo os alicerces sobre rocha. Cando o río foi por fóra, bateu a enchente contra aquela casa, pero non a puido abanear, porque estaba ben construída.
- 49Pero quen as escoita e non as pon en práctica, é coma aquel home que edificou unha casa sobre terra, sen cimentos: ao romper contra ela a enchente, xa se derrubou e converteuse nunha grande ruína.