EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 7
Capítulo 7
A fe do centurión (Mt 8, 5-13; Xn 4, 46-54)
- 1Cando lle acabou de falar á xente, entrou en Cafarnaúm.
- 2Había un centurión que tiña un criado enfermo, a quen estimaba moito e que estaba á morte.
- 3Como tiña oído falar de Xesús, mandou onda el uns anciáns dos xudeus, para lle rogaren que fose salvar o criado.
- 4Eles, presentáronse a Xesús e suplicábanlle encarecidamente:
__Merece que lle fagas isto,
- 5pois ama o noso pobo, e el mesmo nos construíu a sinagoga.
- 6Xesús foi con eles; mais cando xa estaba preto da casa o centurión mandou uns amigos a dicirlle:
__Señor, non te molestes, pois non son digno de que entres baixo o meu teito;
- 7por iso coidei que non era digno de ir ao teu encontro. Abonda cunha palabra túa e o meu criado quedará curado.
- 8Pois eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes, e dígolle a este: “Vai”, e vai; a aqueloutro: “Ven”, e vén; e ao meu criado: “Fai isto”, e faino.
- 9Oíndo aquilo, Xesús ficou abraiado, e virándose díxolle á xente que o seguía: __Asegúrovos que nin en Israel atopei tanta fe.
- 10E, ao volveren á casa, os mandados atoparon san o criado.
Resucita ao fillo dunha viúva
- 11Despois disto foi a unha vila, chamada Naín, acompañado dos seus discípulos e outra moita xente.
- 12Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar a un morto, fillo único de súa nai, que era viúva; ía acompañada por moita xente da vila.
- 13Ao vela, o Señor compadeceuse e díxolle:
__Non chores.
- 14E achegándose, tocou o cadaleito e os que o levaban pararon, e el mandou:
__Rapaz, falo contigo: érguete!
- 15O morto incorporouse e empezou a falar; e Xesús entregoullo á súa nai.
- 16Todos quedaron impresionados e loaban a Deus, dicindo:
__Un gran profeta xurdiu entre nós; Deus visitou o seu pobo.
- 17E por toda a Xudea e a súa comarca correron estes comentarios.
Pregunta do Bautista e resposta de Xesús (Mt 11, 2-19)
- 18Os discípulos de Xoán informárono de todo isto. Entón Xoán, chamando a dous deles,
- 19mandounos onda o Señor a lle preguntar:
__Es ti o que ten que vir, ou esperaremos por outro?
- 20Presentáronse, logo, onda el os dous homes e dixeron:
__Xoán o Bautista mándanos a ti, para preguntarche: “Es ti quen ten que vir, ou esperaremos por outro?”.
- 21Naquela mesma hora curou a moitos de doenzas, padecementos e malos espíritos, e devolveulles a vista a moitos cegos.
- 22E logo deulles a resposta:
__Ide e contádelle a Xoán o que acabades de ver e oír: os cegos ven, os coxos andan, os gafos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e aos pobres estáselles anunciando a Boa Nova.
- 23É ditoso quen non se escandalice de min.
- 24Ao que se foron os mensaxeiros de Xoán, comezou Xesús a falarlle de Xoán á xente:
__Que fostes ver no deserto? Unha canivela abaneada polo vento?
- 25Ou que fostes ver, logo? Un home vestido con roupas finas? Pero os que visten elegantemente e con luxo están nos palacios reais.
- 26Pois logo, que fostes ver? Un profeta? Si, e asegúrovos que moito máis ca un profeta.
- 27Este é de quen está escrito:
- Olla, mando o meu mensaxeiro
- diante de ti
para que prepare o camiño ante ti.
- 28E dígovos: Aínda non naceu de muller ninguén meirande do que Xoán o Bautista, aínda que o máis pequeno no Reino de Deus é meirande ca el.
- 29(A xente toda escoitábao, e mesmo os recadadores de tributos recoñecían a graza de Deus, facéndose bautizar co bautismo de Xoán.
- 30En troques os fariseos e mais os xuristas frustraron o plan de Deus ao refugaren o seu bautismo).
- 31__Con quen vos compararei este tipo de xente? A quen se asemellan?
- 32Semellan eses rapaciños que, sentados nos rueiros, rifan entre eles dicindo:
“Tocamos a frauta e non bailastes
fixemos o pranto e non chorastes”.
- 33Porque aparece Xoán o Bautista, que non come nin bebe, e dicides: “Ten o demo no corpo!”;
- 34e aparece o Fillo do Home, que come e bebe, e dicides: “Mira que larpeiro, que bebedor e que amigo de recadadores e pecadores!”.
- 35Con todo, a sabedoría de Deus quedou ben acreditada por aqueles que son fillos dela.
O fariseo e a pecadora (Mc 14, 3-9; Xn 12, 3)
- 36Un fariseo convidouno a comer; Xesús entrou na casa del e púxose á mesa.
- 37Unha muller, coñecida na vila como pecadora, sabedora de que estaba alí, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra,
- 38botouse por detrás aos pés del chorando, e comezou a regarllos coas bágoas, secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume.
- 39Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo para si: “Se este fose un profeta, coñecería quen é, e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora”.
- 40Xesús tomou a palabra e díxolle:
__Simón, teño algo que che dicir.
El contestou:
__Pois dío, Mestre.
- 41__Un prestamista tiña dous debedores, un debíalle cincocentos denarios, e o outro cincuenta.
- 42Como non tiñan con que lle pagar, perdooulles aos dous. A ver, quen deles o amará máis?
- 43Respondeulle Simón:
__Supoño que aquel a quen máis lle perdoou.
El contestou:
__Ben dito.
- 44E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:
__Ti ves esta muller? Entrei na túa casa, e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos;
- 45non me deches o bico, pero ela desde que entrou non parou de me bicar os pés;
- 46non me unxiches a cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume.
- 47Por iso che digo: Moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.
- 48E díxolle a ela:
__Os teus pecados están perdoados.
- 49Entón os demais convidados empezaron a comentar entre eles:
__Quen é este, que mesmo pretende perdoar os pecados?
- 50Pero el díxolle á muller:
__Salvoute a túa fe, vai en paz.