EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 8
Capítulo 8
Acompañantes de Xesús
- 1Despois disto púxose a percorrer vilas e aldeas, predicando e anunciando a Boa Nova do Reino de Deus. Ían con el os Doce
- 2e mais algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada a Magdalena, curada de sete demos,
- 3Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes, Susana e outras moitas que o servían cos seus bens.
Parábola do sementador (Mt 13, 1-9; Mc 4, 1-9)
- 4Como se xuntaba moita xente, chegada de moitas vilas, propúxolles esta parábola:
- 5__Unha vez saíu un labrador a sementar. E ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante, a xente pisouna e os paxaros comérona;
- 6outra caeu entre as pedras, pero aínda que xermolou, secou, por non ter lentura;
- 7outra caeu entre silvas, pero ao medrar a silveira, afogouna;
- 8outra caeu en boa terra e xermolou, dando o cento por un.
A continuación exclamou:
__Quen teña oídos para oír, que escoite!
O motivo das parábolas (Mt 13, 10-17; Mc 4, 10-12)
- 9Entón preguntáronlle os seus discípulos que significaba aquela parábola.
- 10El respondeu:
__A vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino de Deus, pero aos outros unicamente en parábolas, de xeito que
- vendo, non vexan
e escoitando, non entendan.
Explicación da parábola (Mt 13, 18-23; Mc 4, 13-20)
- 11A parábola significa isto: a semente é a Palabra de Deus;
- 12os do camiño son os que tan pronto como oen a Palabra, vén o Satán e repáñallela do seu corazón, non vaia ser que crean e se salven;
- 13os das pedras son aqueles que cando a oen, acollen con alegría a Palabra, pero, como non teñen raíz, cren por certo tempo, mais, cando vén a tentación, abandonan;
- 14os das silvas son os que a escoitan, pero por mor das preocupacións, riquezas e praceres da vida, non chega a madurecer;
- 15os da terra boa, son aqueles de bo e xeneroso corazón, que escoitando a Palabra, retéñena, producindo froito coa súa perseveranza.
Parábola do candil (11, 33; Mt 5, 15; Mc 4, 21-25)
- 16Agora ben, ninguén acende un candil para cubrilo cunha ola ou para metelo debaixo da cama, senón para poñelo nun candeeiro e alumar así a cantos entren.
- 17Porque non hai cousa oculta que non se chegue a saber nin segredo que non se chegue a descubrir e traer á luz pública.
- 18Atendede logo ben ao que estades escoitando, porque a quen ten, daráselle; pero a quen non ten, háselle quitar aínda o que cre ter.
A nai e os irmáns de Xesús (11, 27-28; Mt 12, 46-50; Mc 3, 31-35)
- 19Apareceron súa nai e mais seus irmáns, pero debido á moita xente, non se podían achegar a el.
- 20Entón avisárono:
__Túa nai e mais teus irmáns están fóra, e quérente ver.
- 21El respondeulles:
__A miña nai e mais os meus irmáns son os que escoitan a Palabra de Deus e a levan á práctica.
O temporal (Mt 8, 23-27; Mc 4, 35-41)
- 22Un día embarcou nun bote xunto cos seus discípulos e díxolles:
__Veña! Imos para a banda de alá do lago.
Desatracaron,
- 23e mentres navegaban, botouse a durmir. Nisto caeu sobre o lago un gran remuíño de vento, e a lancha anegábase, poñéndoos en perigo.
- 24Achegáronse a espertalo, dicíndolle:
__Mestre, que afogamos!
El espertou, e berroulles ao vento e ás ondas. Amainaron e veu unha gran calma.
- 25Díxolles despois:
__Onde está a vosa fe?
Eles, sorprendidos e admirados, dicían entre eles:
__Pero, quen é este, que manda nos ventos e na auga?
Curación dun endemoñado (Mt 8, 28-34; Mc 5, 1-20)
- 26Arribaron ao país dos xerasenos, que está en fronte de Galilea.
- 27Ao desembarcaren, saíulle ao paso certo home endemoñado da vila, que desde había tempo vivía sen roupa e sen casa. Moraba nos sepulcros.
- 28Ao ver a Xesús, púxose a barullar e foi caer ao pé del berrando:
__Que teño eu que ver contigo, Xesús, Fillo do Deus Altísimo? Pídoche por favor que non me atormentes.
- 29E era que el lle estaba mandando ao espírito malo saír daquel home, xa que en moitas ocasións se apoderara del e tíñano que atar con cadeas e grillóns para contelo; pero tronzaba os ferrollos, e o demo turraba por el cara aos campos ermos.
- 30Xesús preguntoulle:
__Como te chamas?
El respondeu:
__Chámanme Lexión.
E é que eran moitos os demos que tiña no corpo.
- 31Suplicábanlle que non os mandase ir para o abismo.
- 32E cadrou que andaba unha boa manada de porcos comendo polo monte; entón eles rogáronlle que lles permitise entrar neles; el accedeu.
- 33E, saíndo do home, fóronse meter nos porcos, que se chimparon polo barranco abaixo, e foron afogar no lago.
- 34Vendo os porqueiros tal cousa, fuxiron, levando a novidade pola vila e polas aldeas.
- 35A xente veu ver o que pasara, achegándose a onde estaba Xesús. Alí atoparon o home, do que saíran os demos, vestido e cheo de xuízo, sentado aos pés de Xesús; e quedaron asustados.
- 36Os que viran o feito contáronlles como salvara ao posuído.
- 37Entón a xente toda da rexión veciña dos xerasenos rogoulle que saíse de alí, porque estaban cheos de pánico. El, embarcándose, deu volta.
- 38O home que tivera os demos pedíalle que o deixase ir con el; pero Xesús despediuno, dicíndolle:
- 39__Volve para a túa casa, e conta o moito que Deus fixo contigo.
E foise, pregoando pola vila enteira canto Xesús lle fixera.
A filla de Xairo e a muller con hemorraxias (Mt 9, 18-26; Mc 5, 21-43)
- 40Ao volver, Xesús foi recibido pola xente, pois todos estaban a agardar por el.
- 41Nisto chega un home chamado Xairo, que era o xefe da Sinagoga, bótase aos pés del e suplicáballe que entrase na súa casa,
- 42porque tiña a súa filla única de doce anos ás portas da morte. E indo para alá, a xente non paraba de apertalo.
- 43Unha muller que padecía de hemorraxias desde había doce anos, sen que ninguén a puidese curar,
- 44achegouse por detrás, tocoulle a orla da roupa e no instante cortóuselle a hemorraxia.
- 45Entón Xesús preguntou:
__Quen foi o que me tocou?
Todos dixeron que eles non foran, e Pedro replicou:
__Pero Mestre, a xente estate apertando por todos os lados!
- 46Pero Xesús porfiou:
__Alguén me tocou, que eu ben me decatei de que unha forza saía de min.
- 47Entón a muller, tremendo, veu caer ante el, manifestando diante de todo o pobo por que o tocara e como curara no instante.
- 48El díxolle:
__Filla, a túa fe sandoute, vai en paz.
- 49Estando aínda a falar, chegou un da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
__A túa filla morreu, non molestes máis ao Mestre.
- 50Mais Xesús escoitou aquilo é díxolle:
__Non teñas medo: ti ten fe, e a rapaza hase salvar.
- 51Ao chegar á casa, non permitiu a ninguén entrar con el agás Pedro, Xoán, Santiago e o pai e mais a nai da nena.
- 52Todos choraban moi aflixidos por ela. Pero Xesús dixo:
__Non choredes: non morreu, está a durmir.
- 53A xente facía risa del, sabendo ben que estaba morta.
- 54Entón El, colleuna pola man e chamouna dicindo:
__Acorda, rapaza!
- 55A rapaza recobrou o alento e coa mesma ergueuse; Xesús mandou que lle desen de comer á rapaza. Os pais quedaron admirados;
- 56pero Xesús mandoulles non contar nada do sucedido.