EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 9
Capítulo 9
Misión dos Doce (Mt 10, 5-15; Mc 6, 7-13)
- 1Despois de convocar aos Doce, deulles autoridade e poder sobre todos os demos e para curar doenzas.
- 2E mandounos a predicar o Reino de Deus e a sandar enfermidades,
- 3avisándoos:
__Non levedes nada para o camiño, nin tan sequera un caxato, nin alforxa, nin pan, nin diñeiro, nin dúas túnicas por persoa.
- 4Na casa onde entredes, quedade ata que marchedes.
- 5Cando non vos acollan, saíde daquela vila e sacudide o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.
- 6Eles colleron camiño e percorreron as aldeas, anunciando a Boa Nova e curando en todas partes.
Desconcerto de Herodes (Mt 14, 1-2; Mc 6, 14-16)
- 7Ao saber Herodes, o tetrarca, todo o que pasaba, estaba perplexo, xa que algúns dicían:
__Resucitou Xoán de entre os mortos.
- 8E outros:
__Apareceu Elías.
E outros:
__Un profeta dos antigos resucitou.
- 9Pero Herodes dicía:
__A Xoán mandeino eu decapitar, quen é, logo, ese de quen oio tales cousas?
E buscaba a maneira de ver a Xesús.
Multiplicación do pan (Mt 14, 13-21; Mc 6, 30-44; Xn 6, 1-15)
- 10Cando volveron os apóstolos, contáronlle todo canto fixeran. E, colléndoos consigo, retirouse a unha vila chamada Betsaida.
- 11Pero cando a xente o descubriu, foino seguindo; el acolleunos, faláballes do Reino de Deus e curaba a cantos o necesitaban.
- 12E como empezaba a caer o día, achegáronse os Doce e dixéronlle:
__Despide a xente, para que vaian ás vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e para que poidan tamén comprar algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado.
- 13Pero el replicoulles:
__Dádelles vós de comer!
Eles contestaron:
__Pero se non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes! A non ser que vaiamos nós mercar mantenza para toda esta xente.
- 14Eran uns cinco mil homes. Mais el díxolles aos seus discípulos:
__Colocádeos en grupos de cincuenta.
- 15Dixéronllelo e sentaron todos.
- 16El, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos aos discípulos, para que llelos servisen á xente.
- 17Comeron todos a fartar e coas sobras encheron aínda doce cestas.
Confesión de Pedro e primeiro anuncio da paixón (Mt 16, 13-23; Mc 8, 27-33)
- 18Unha vez que estaba en oración nun lugar apartado, acompañado dos seus discípulos, preguntoulles:
__Quen di a xente que son eu?
- 19Eles responderon:
__Uns, que Xoán o Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas antigos que está resucitado.
- 20Insistiu:
__E vós quen dicides que son eu?
Respondeu Simón Pedro:
__O Mesías de Deus.
- 21Entón el prohibiulles dicir nada a ninguén.
- 22E engadiu:
__Cómpre que o Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e que o executen, e que ao terceiro día resucite.
Como seguir a Xesús (Mt 16, 24-28; Mc 8, 34-9, 1)
- 23Despois dirixiuse a todos:
__Se alguén me quere seguir, que renuncie a si mesmo, que cargue coa cruz de cada día, e que me siga.
- 24Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo.
- 25Pois de que lle serve ao home gañar o mundo enteiro, se el se perde ou arruína?
- 26Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, tamén o Fillo do Home se avergonzará del, cando veña na súa gloria, na do seu Pai e mais na dos santos anxos.
- 27E tede por seguro que algúns dos aquí presentes non morrerán sen antes veren chegar o Reino de Deus.
A transfiguración (Mt 17, 1-9; Mc 9, 2-10)
- 28Oito días despois desta conversa, colleu a Pedro, a Xoán e mais a Santiago e subiu ao monte a orar.
- 29Mentres estaba orando, cambiou o aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes.
- 30De súpeto apareceron dous homes falando con el; eran Moisés e mais Elías.
- 31Tiñan un aspecto glorioso e falaban do seu éxodo que remataría en Xerusalén.
- 32Pedro e mais os outros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e os dous homes que o acompañaban.
- 33Cando eles se arredaban, díxolle Pedro a Xesús:
__Mestre, que ben que esteamos nós aquí! Queres que vos fagamos tres tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías?
Pero non sabía o que dicía.
- 34E mentres falaba, unha nube cubriunos coa súa sombra; eles quedaron moi asustados ao entraren nela.
- 35Entón unha voz dixo desde a nube:
__Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo!
- 36Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. E eles gardaron silencio. E non lle dixeron a ninguén nada do que viran naqueles días.
O neno epiléptico (Mt 17, 14-18; Mc 9, 14-27)
- 37Ao outro día, baixando do monte, saíulle moita xente ao encontro
- 38e un home exclamou:
__Mestre, suplícoche que repares no meu fillo, que é o único que teño.
- 39Un espírito apodérase del, berrando e retorcéndoo entre escumallos, e cústanos moito que o deixe, e queda acorando.
- 40Pedinlles aos teus discípulos que llo botasen fóra, pero non llo deron botado.
- 41El contestou:
__Oh xeración incrédula e perversa! Ata que día vou ter que estar convosco e aturarvos? Tráeme aquí ese teu fillo.
- 42E cando llo levaban, o demo retorceuno e zapateouno no chan. Pero Xesús berroulle ao espírito inmundo e curou o neno, devolvéndollo a seu pai.
- 43Todos quedaron abraiados da grandeza de Deus.
Novo anuncio da súa paixón (Mt 17, 22-23; Mc 9, 30-32)
- Admirado por todos, polas cousas que facía, Xesús díxolles aos seus discípulos:
- 44__Quédevos isto ben gravado: ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes.
- 45Pero eles non entendían o que dicía, porque lles estaba velado; e non ousaron pedirlle unha aclaración.
Quen é o máis importante (Mt 18, 1-5; Mc 9, 33-37)
- 46Entón empezaron a discutir sobre quen deles era o máis importante.
- 47Xesús léndolles o pensamento, achegou un neno a si
- 48e díxolles:
__Quen acolle a este neno no meu nome, acólleme a min, e aquel que me acolle a min, acolle a quen me mandou; porque o que é máis pequeno entre vós, ese é o máis importante.
Quen non está contra vós, está convosco (Mc 9, 38-40)
- 49Tomando entón a palabra Xoán, dixo:
__Mestre, vimos un que botaba demos fóra no teu nome e tratamos de llo impedir, porque non é dos nosos.
- 50Xesús contestoulles:
__Pois non llo privedes, que quen non está contra vós, está convosco.
CAMIÑO DE XERUSALÉN
Rexeitan a Xesús en Samaria
- 51Cando se ía cumprir o tempo de que o levantasen deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén.
- 52Mandou mensaxeiros por diante. Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada,
- 53non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén.
- 54Ao veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:
__Señor, queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?
- 55Pero el volveuse e rifoulles.
- 56E foron para outra aldea.
Seguir a Xesús (Mt 8, 19-22)
- 57Polo camiño, díxolle un:
__Seguireite, vaias onde vaias.
- 58Respondeulle Xesús:
__As raposas teñen tobeiras, e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.
- 59Díxolle a outro:
__Sígueme.
Pero el contestoulle:
__Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.
- 60Respondeulle:
__Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anunciar o Reino de Deus.
- 61Outro díxolle tamén:
__Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.
- 62Contestoulle:
__Quen despois de pór a man no arado, mira para atrás, non é apto para o Reino de Deus.