EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 1
Capítulo 1
PRÓLOGO
- 1No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus
e a Palabra era Deus.
- 2Ela estaba no principio onda Deus.
- 3Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
- 4Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
- 5a luz aluma na tebra
e a tebra non a deu apagado.
- 6Houbo un home
mandado por Deus:
o seu nome era Xoán.
- 7Este veu de testemuña
para dar testemuño da luz,
para que todos cresen por el.
- 8Non era el a luz,
senón que veu para dar
testemuño da luz.
- 9(A Palabra) era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
- 10Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
- 11Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
- 12Pero a cantos a recibiron,
–aos que cren no seu nome–
deulles o poder
de seren fillos de Deus.
- 13Estes, non naceron do sangue
nin da vontade da carne,
senón de Deus.
- 14E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vimos a súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de graza e de verdade.
- 15Xoán dá testemuño del,
exclamando:
“Este évos de quen eu dixen:
O que vén detrás miña,
pasa diante miña,
pois existía primeiro ca min”.
- 16E da súa abundancia
recibimos todos nós
graza e máis graza.
- 17Pois a Lei deuse
por medio de Moisés;
a graza e a verdade
realizáronse por Xesucristo.
- 18A Deus ninguén o viu:
o Unixénito, que está no seo do Pai,
foi quen nolo revelou.
O LIBRO DOS SIGNOS
Dobre testemuño do Bautista
- 19E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el, para lle preguntar:
__Ti quen es?
- 20El declarou e non negou. Declarou:
__Eu non son o Cristo.
- 21Preguntáronlle:
__Entón quen es ti? Es Elías?
Contestou:
__Non son.
__Es o profeta?
Respondeu:
__Non.
- 22Daquela dixéronlle:
__E, logo, quen es?, para que lles poidamos dar unha resposta aos que nos mandaron. Que dis de ti mesmo?
- 23El dicía:
__Eu son a voz do que clama no deserto: “Endereitade o camiño do Señor!” (como escribira o profeta Isaías).
- 24Algúns dos mandados eran fariseos,
- 25e preguntáronlle:
__Entón por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?
- 26Xoán respondeulles:
__Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes;
- 27o que vén detrás miña e eu non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia.
- 28Todo isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.
- 29Ao outro día, vendo a Xesús, que viña cara a el, dixo:
__Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo!
- 30Este é de quen eu dixen: “Detrás miña vén un home que pasa diante miña, pois existía primeiro ca min”.
- 31Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para llo mostrar a Israel.
- 32E Xoán seguiu testemuñando:
__Eu vin o Espírito baixar do ceo coma unha pomba e pousar enriba del.
- 33Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: “Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo”.
- 34E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.
Os primeiros discípulos de Xesús: André e Pedro
- 35Ao outro día estaba de novo Xoán con dous dos seus discípulos
- 36e, vendo a Xesús que camiñaba, dixo:
__Velaquí o Año de Deus.
- 37Cando os dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús.
- 38Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles:
__Que buscades?
Eles respondéronlle:
__Rabbí (que quere dicir “Mestre”), onde paras?
- 39El díxolles:
__Vide e veredes.
E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde.
- 40Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era André, o irmán de Simón Pedro.
- 41Vai e ao primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille:
__Encontramos o Mesías (que quere dicir “Cristo”).
- 42E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
__Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti haste chamar Cefas (que quere dicir Pedro).
Felipe e Natanael
- 43Ao outro día decidiu Xesús saír para a Galilea; atopou a Felipe e díxolle:
__Sígueme.
- 44Felipe era de Betsaida, da vila de André e mais de Pedro.
- 45Atopou Felipe a Natanael e díxolle:
__Encontramos a aquel de quen escribiron Moisés na Lei e mais os Profetas: a Xesús, o fillo de Xosé, o de Nazaré.
- 46Contestoulle Natanael:
__E de Nazaré pode saír algo bo?
Felipe díxolle:
__Ven e verás!
- 47Viu Xesús a Natanael, que se achegaba, e dixo del:
__Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
- 48Preguntoulle Natanael:
__E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
__Antes de que Felipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.
- 49Respondeulle Natanael:
__Rabbí, ti es o Fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
- 50Díxolle entón Xesús:
__Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
- 51E concluíu:
__Con toda verdade volo aseguro: haberedes ver o ceo aberto, e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.