EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 10
Capítulo 10
Xesús, porta do curral e Bo Pastor
- 1Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido.
- 2En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas.
- 3A ese ábrelle o porteiro, e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra.
- 4Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz.
- 5Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
- 6Díxolles Xesús esta alegoría mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender.
- 7Entón díxolles de novo:
__Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas.
- 8Todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron.
- 9Eu son a porta: se alguén entra por min, salvarase, entrará e sairá, e atopará pasto.
- 10O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.
- 11Eu son o Bo Pastor. O Bo Pastor dá a súa vida polas ovellas.
- 12O contratado, que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas,
- 13porque el anda ao xornal e as ovellas non lle importan.
- 14Eu son o Bo Pastor: coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min,
- 15igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas.
- 16Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas as teño que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un só rabaño e un único pastor.
- 17Por iso ámame o Pai: porque eu dou a miña vida, para tomala de novo.
- 18Ninguén ma quita, non, douna eu voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do meu Pai.
- 19Fíxose de novo unha división entre os xudeus por estas palabras.
- 20Moitos deles dicían:
__Ten o demo e está tolo. Por que o escoitades?
- 21Pero outros replicaban:
__Estas palabras non son dun tolo endemoñado; ou é que un demoño pode darlles a vista aos ollos dos cegos?
Xesús rexeitado polos xudeus na festa da Dedicación
- 22Era xa inverno e celebrábase daquela en Xerusalén a festa da Dedicación.
- 23Xesús paseaba polo templo no Pórtico de Salomón.
- 24Rodeárono entón os xudeus e preguntáronlle:
__Ata que día nos terás en suspenso? Se es ti o Mesías, dínolo abertamente.
- 25Xesús respondeulles:
__Xa volo dixen e mais non credes: as obras que eu fago no nome de meu Pai son o meu aval.
- 26Pero vós non credes, porque non sodes das miñas ovellas.
- 27As miñas ovellas escoitan a miña voz, eu coñézoas e elas séguenme;
- 28eu doulles vida eterna, e non se perderán para sempre, ninguén mas quitará da man.
- 29Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode repañalas da man do Pai.
- 30Meu Pai e mais eu somos un.
- 31Colleron outra vez pedras os xudeus, para o apedraren.
- 32Xesús replicoulles:
__Moitas boas obras fixen diante de vós de parte de meu Pai. Por cal delas me apedrades?
- 33Respondéronlle os xudeus:
__Non te apedramos por ningunha obra boa, senón por blasfemia, pois ti, sendo home, faste Deus.
- 34Xesús replicoulles:
__Non está escrito na vosa Lei, Eu dixen: sodes deuses?
- 35Se lles chamou deuses a aqueles sobre os que veu a palabra de Deus __e non pode errar a Escritura__,
- 36por que me acusades de blasfemia a min, a quen o Pai santificou e mandou ao mundo, por dicir que son Fillo de Deus?
- 37Se non fago as obras de meu Pai, seguide sen crerme.
- 38Pero se as fago, aínda que non creades en min, crede nas obras, para que comprendades e recoñezades que o Pai está en min e eu estou no Pai.
- 39Unha vez máis trataban entón de o prender; pero Xesús liscóuselles das mans.
- 40E foi de novo á outra banda do Xordán, ao sitio onde estivera Xoán bautizando ao comezo e permaneceu alí.
- 41E acudiron moitos onda el e dicían:
__Xoán non fixo ningún sinal, mais todo canto Xoán dixo acerca deste, era verdade.
- 42E moitos comezaron a crer nel alí.