EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 11
Capítulo 11
A morte de Lázaro
- 1Había un enfermo, Lázaro de Betania, da aldea de María e da súa irmá Marta.
- 2María fora a que unxira ao Señor con perfume e lle enxugara os pés cos seus cabelos, e o seu irmán Lázaro era o enfermo.
- 3Por iso, as irmás mandaron a dicirlle a Xesús:
__Señor, mira, o que amas está enfermo.
- 4Ao oílo, dixo Xesús:
__Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.
- 5Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro.
- 6Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba.
- 7Despois disto, díxolles aos discípulos:
__Vaiamos outra vez á Xudea!
- 8Os discípulos replicáronlle:
__Mestre, aínda non hai nada que te querían apedrar os xudeus e vas ir outra vez alí?
- 9Xesús replicou:
__Non hai doce horas de día? Se alguén camiña de día, non tropeza, pois ve a luz deste mundo;
- 10mais se alguén camiña de noite, tropeza, pois non hai luz nel.
- 11En dicindo isto, proseguiu:
__Lázaro, o noso amigo, dorme; pero eu vouno espertar.
- 12Dixéronlle entón os discípulos:
__Señor: se dorme, curará.
- 13Xesús dicíao da morte. Pero eles coidaban que falaba do repouso do sono.
- 14Entón Xesús díxolles abertamente:
__Lázaro morreu,
- 15e alégrome por vós de non estarmos alí, para que creades. Así que vamos onda el!
- 16Díxolles entón Tomé __o chamado Xemelgo__ aos outros discípulos:
__Vaiamos tamén nós morrer con el!
Xesús é a Resurrección e a Vida
- 17Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro.
- 18Betania estaba preto de Xerusalén, a uns tres quilómetros.
- 19Moitos dos xudeus foran onda Marta e María para lles daren o pésame polo irmán.
- 20Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ao encontro. María, en cambio, quedou na casa.
- 21Díxolle entón Marta a Xesús:
__Señor, se ti estiveses aquí, meu irmán non morrería;
- 22pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.
- 23Xesús díxolle:
__Teu irmán resucitará.
- 24Marta respondeulle:
__Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.
- 25Díxolle Xesús:
__Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá;
- 26e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. Cres ti isto?
- 27Ela respondeu:
__Si, Señor: eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ao mundo.
Conmoción e pranto de Xesús
- 28E, ditas estas cousas, saíu e chamou por María, súa irmá, dicíndolle polo baixo:
__O Mestre está aquí e chama por ti.
- 29Ela, ao oílo, ergueuse decontado e foi onda el.
- 30(Aínda non chegara Xesús á aldea, senón que estaba no mesmo sitio onde o atopara Marta).
- 31Entón os xudeus que estaban con ela na casa para lle daren o pésame, vendo a María que se ergueu decontado e saíu, foron detrás dela, coidando que ía á sepultura para chorar alí.
- 32María chegou onde estaba Xesús e, ao velo, caeu aos seus pés, dicíndolle:
__Señor, se ti estiveses aquí, non morrería meu irmán.
- 33Ao ver Xesús que ela estaba chorando, e tamén os xudeus que viñeran con ela, apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido,
- 34preguntou:
__Onde o puxestes?
Contestáronlle:
__Señor, ven ver.
- 35E Xesús botouse a chorar.
- 36Entón comentaban os xudeus:
__Ai que ver como o quería!
- 37Pero algúns deles dixeron:
__E logo este, que deu vista aos ollos dun cego, non podía facer que non morrese?
Xesús devólvelle a vida a Lázaro
- 38Xesús estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova, e tiña unha pedra por riba.
- 39Xesús ordenou:
__Arredade a pedra.
Marta, a irmá do finado, díxolle:
__Señor, xa cheira, que leva catro días.
- 40Xesús contestoulle:
__Non che dixen que se cres, verás a gloria de Deus?
- 41Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:
__Meu Pai, douche as grazas porque me escoitaches.
- 42Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.
- 43E dito isto, gritou con voz forte:
__Lázaro, ven para fóra!
- 44Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
__Desenleádeo e deixádeo ir.
O Sanedrín decide quitarlle a vida a Xesús
- 45Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.
- 46Pero algúns deles foron onda os fariseos, e contáronlles o que fixera Xesús.
- 47Entón os sumos sacerdotes e os fariseos reuniron o Sanedrín e dicían:
__Que imos facer? Porque este home fai moitos signos.
- 48Se o deixamos así, todos crerán nel e virán os romanos e quitarannos o noso lugar santo e mais a nosa nación.
- 49Pero un deles, Caifás, que era o sumo sacerdote aquel ano, díxolles:
__Non entendedes nada.
- 50Non coidades que vos convén que morra un home polo pobo e non que pereza a nación enteira?
- 51Iso non o dixo pola súa conta, senón que, sendo sumo sacerdote aquel ano, profetizou que Xesús había de morrer pola nación;
- 52e non só pola nación, senón tamén para reunir os fillos de Deus que estaban dispersos.
- 53Por iso, desde aquel día, decidiron matalo.
Xesús retírase á espera da hora
- 54En consecuencia, Xesús xa non andaba á vista entre os xudeus. Marchou para a rexión limítrofe co deserto, a unha vila chamada Efraím, e alí permanecía cos seus discípulos.
- 55Estaba próxima a Pascua dos xudeus e subiron moitos daquela rexión a Xerusalén antes da Pascua, para se purificaren.
- 56Andaban entón buscando a Xesús, e cando estaban no templo, preguntábanse entre eles:
__Que vos parece? Non virá á festa?
- 57Pero os sumos sacerdotes e os fariseos tiñan dada orde de que, se alguén sabía onde estaba, que o comunicase para lle botaren man.