EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 12
Capítulo 12
María unxe a Xesús en Betania
- 1Seis días antes da Pascua foi Xesús a Betania, onde estaba Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos.
- 2Fixéronlle alí unha cea. Marta servía, mentres que Lázaro era un dos comensais.
- 3Entón María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os pés de Xesús e enxugoullos cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do perfume.
- 4Pero Xudas o Iscariote, un dos seus discípulos, o que o había de entregar, dixo:
- 5__Por que non se vendeu ese perfume por trescentos denarios, e non se lles deron aos pobres?
- 6Dixo isto non porque tivese interese polos pobres, senón porque era ladrón e, tendo el a bolsa, botaba man do que se metía nela.
- 7Pero Xesús replicou:
__Déixaa estar: que garde isto para o día do meu enterro,
- 8pois aos pobres sempre os tedes entre vós, mentres que a min non sempre me ides ter.
- 9Unha chea de xente de entre os xudeus soubo entón que el estaba alí e viñeron non só por Xesús, senón tamén para veren a Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos.
- 10Pero os sumos sacerdotes decidiron matar tamén a Lázaro,
- 11pois moitos, por causa del, fuxían dos xudeus e crían en Xesús.
Entrada triunfal en Xerusalén
- 12Ao outro día, a xente que chegara para a festa, oíndo que Xesús viña a Xerusalén,
- 13apañou ramas das palmeiras e saíulle ao encontro exclamando:
__Hosanna!:
- Bendito o que vén no nome do Señor,
o Rei de Israel!
- 14Xesús atopou un burriño, e montou nel, conforme está escrito:
- 15Non temas, filla de Sión,
- mira que vén o teu rei,
montado nun burriño.
- 16Ao comezo os seus discípulos non comprenderon estas cousas; pero cando Xesús foi glorificado, entón lembráronse de que estaban escritas del e que así llas fixeron.
- 17As persoas que estaban con el cando mandara a Lázaro saír da sepultura e o resucitara de entre os mortos, daban público testemuño.
- 18Tamén lle saíu ao encontro a xente, pois oíran que el fixera este sinal.
- 19Pero os fariseos dixeron entre eles:
__Vedes que non conseguides nada; mirade para aí: todo o mundo foi detrás del.
Sinais da proximidade da hora
- 20Algúns dos que subían a adorar no día da festa eran gregos.
- 21Achegáronse a Felipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle:
__Señor, queremos ver a Xesús!
- 22Foi Felipe e díxollo a André; e André e mais Felipe foron dicirllo a Xesús.
- 23Xesús respondeulles:
__Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home!
- 24Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito abondoso.
- 25Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna.
- 26Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honrar o Pai.
- 27Agora o meu espírito está turbado. E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? Pero se para iso cheguei a esta hora!
- 28Pai, glorifica o teu Nome.
Chegou entón unha voz do ceo:
__Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo!
- 29Ao oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono. Outros dicían:
__Faloulle un anxo.
- 30Xesús interveu dicindo:
__Esta voz non foi por min, senón por vós.
- 31Agora é o xuízo deste mundo; agora ao príncipe deste mundo vano botar fóra.
- 32E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.
- 33Dicía isto indicando de que morte había de morrer.
- 34Respondeulle entón a xente:
__Nós coñecemos pola Lei que o Mesías permanece para sempre. Como dis ti que ten que ser erguido o Fillo do Home?: quen é ese Fillo do Home?
- 35Xesús contestoulles:
__Aínda por un pouco estará a luz entre vós. Camiñade mentres tedes a luz, para que a tebra non vos atrape: quen camiña na tebra, non sabe para onde vai.
- 36Mentres tedes a luz, crede na luz, para que vos volvades fillos da luz.
Xesús en falando estas cousas, fuxiu e agachouse deles.
- Conclusión do ministerio público de Xesús
- 37Pero, mesmo facendo Xesús tantos dos seus signos diante deles, non creron nel,
- 38de xeito que se cumprise a palabra que dixo o profeta Isaías:
- Señor, quen creu na nosa predicación?
- E a quen se manifestou o brazo do Señor?
- 39Por iso non podían crer, pois tamén dixo Isaías:
- 40Cegou os seus ollos
- e endureceu os seus corazóns,
- non sexa que os seus ollos vexan
- e a súa mente entenda e se convertan
e eu os salve.
- 41Dixo isto Isaías, pois viu a súa gloria e falou del.
- 42Sen embargo, moitos, tamén de entre as autoridades, creran nel, mais por causa dos fariseos non o confesaban, para que non os apartasen da sinagoga,
- 43pois preferiron a gloria dos homes antes que a gloria de Deus.
- 44Xesús gritou:
__Quen cre en min, realmente non cre en min, senón naquel que me mandou;
- 45e quen me ve a min, ve a quen me mandou.
- 46Eu son a luz que veu ao mundo, para que todo o que cre en min non permaneza nas tebras.
- 47Se alguén escoita as miñas palabras e non as garda, eu non o xulgo, pois non vin para xulgar o mundo, senón para o salvar.
- 48Quen me despreza e non recibe as miñas palabras, ten quen o xulgue: a palabra que eu falei hao xulgar no derradeiro día.
- 49Porque eu non falei pola miña conta, senón que o mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda do que debo dicir e do que hei de falar.
- 50E eu sei que a súa encomenda é vida eterna. Por iso, as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o Pai.