EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 13
Capítulo 13
O LIBRO DA GLORIA
A DERRADEIRA CEA
O lavado dos pés
- 1Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara aos seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.
- 2E mentres ceaban __xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase__,
- 3sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus,
- 4ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela.
- 5Despois, botou auga nunha almofía e comezou a lavarlles os pes aos discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida.
- 6Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
__Señor, vasme lavar os pés ti a min?
- 7Xesús respondeulle:
__O que eu fago, ti non o entendes agora: halo comprender despois.
- 8Pedro replicoulle:
__Ti non me lavarás os pés a min endexamais.
Xesús respondeulle:
__Se non te lavo, non terás parte comigo.
- 9Exclamou Simón Pedro:
__Señor, daquela os pés, as mans e mais a cabeza.
- 10Dille Xesús:
__Quen se bañou, non precisa máis que lavar os pes, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.
- 11Sabía quen o había de entregar, por iso dixo: “Non todos estades limpos”.
- 12Despois que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:
__Comprendedes o que fixen convosco?
- 13Vós chamádesme Mestre e Señor, e dicides ben porque o son.
- 14Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros.
- 15Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós.
- 16Con toda verdade volo aseguro: o servo non é meirande ca o seu Señor, nin o mensaxeiro é meirande ca quen o mandou.
- 17Se sabedes estas cousas, seredes felices, con tal de que as cumprades.
- 18Non o digo por todos vós: eu sei ben a quen escollín; pero para que se cumpra a Escritura: O que come comigo o pan, levantou contra min o seu pé.
- 19Dígovolo desde agora, antes de que suceda, para que cando suceda, creades que eu son.
- 20Con toda verdade volo aseguro: quen acolla a aquel que eu mande, acólleme a min; e quen me acolle a min, acolle a quen me mandou.
Xesús anuncia a traizón
- 21Dito isto, Xesús turbouse no seu interior e declarou abertamente:
__Con toda verdade volo digo: un de vós hame de entregar.
- 22Os discípulos miraban uns para outros, sen saberen de quen falaba.
- 23Estaba recostado no peito de Xesús un dos seus discípulos, aquel a quen Xesús amaba.
- 24Entón Simón Pedro fíxolle un aceno, para que lle preguntase a quen aludía.
- 25Daquela el, así apoiado no peito de Xesús, preguntoulle:
__Señor, quen é?
- 26Xesús respondeulle:
__É aquel a quen eu lle vou dar o pan mollado.
E mollando o pan, deullo a Xudas, o de Simón Iscariote.
- 27E naquel instante, xunto co pan, entrou nel Satanás. Entón díxolle Xesús:
__O que vas facer, faino axiña.
- 28Ningún dos que estaban sentados á mesa comprendeu por que lle dixera isto.
- 29Algúns coidaban que, ao ter Xudas a bolsa do diñeiro, dicíalle Xesús: Merca o que precisamos para a festa, ou que lles dese algo aos pobres.
- 30El, collendo o pan, saíu axiña. Era de noite.
O mandamento novo
- 31Cando saíu, dixo Xesús:
__Agora queda glorificado o Fillo do Home e Deus queda glorificado nel.
- 32Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña.
- 33Meus fillos: só un pouquiño estarei convosco. Haberédesme buscar, pero, como lles dixen aos xudeus, dígovolo a vós agora: onde vou eu, vós non podedes vir.
- 34Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros: como eu vos amei, amádevos tamén entre vós.
- 35Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos, se vos tedes amor uns a outros.
Predición da negación de Pedro
- 36Simón Pedro preguntoulle:
__Señor, onde vas?
Xesús respondeulle:
__Onde eu vou non podes ti seguirme agora, seguirasme despois.
- 37Pedro replicoulle:
__Por que non podo seguirte agora? Estou disposto a dar a miña vida por ti.
- 38Xesús respondeulle:
__Que ti darás a túa vida por min? Con toda verdade cho aseguro: non cantará o galo, antes de que me negues tres veces.