EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 15
Capítulo 15
Xesús, a vide verdadeira
- 1Eu son a verdadeira vide, e meu Pai é o labrador.
- 2O bacelo que en min non leva froito, arríncao; e o que leva froito, límpao, para que leve máis froito aínda.
- 3Vós xa estades limpos, pola palabra que vos teño falado.
- 4Permanecede en min e eu en vós. Así como a vidra non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, vós tampouco, se non permanecedes en min.
- 5Eu son a vide; vós os bacelos. Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada.
- 6Se alguén non permanece en min, é coma as vidras arrincadas fóra, que secan; apáñanas, bótanas no lume e arden.
- 7Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer.
- 8Nisto é glorificado meu Pai: en que levedes froito abondoso e vos mostredes coma discípulos meus.
Permanecer no amor
- 9Como me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor.
- 10Se gardades os meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de meu Pai, e permanezo no seu amor.
- 11Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena.
- 12Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei.
- 13Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos.
- 14Vós sodes amigos meus, se facedes canto eu vos mando.
- 15Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor: a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer.
- 16Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós, e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza, de xeito que todo o que lle pidades a Pai no meu nome, volo conceda.
- 17Mándovos isto: que vos amedes uns a outros.
O odio do mundo
- 18Se o mundo vos aborrece, sabede que me aborreceu a min antes que a vós.
- 19Se fósedes do mundo, o mundo amaríavos coma cousa propia; pero, como eu vos escollín do mundo, por iso o mundo aborrécevos.
- 20Lembrádevos da palabra que vos dixen: “Non hai servo maior ca o seu señor”; se a min me perseguiron, hanvos perseguir tamén a vós; se gardaron a miña palabra, tamén gardarán a vosa.
- 21Todo isto hánvolo facer por causa miña, pois non coñeceron a quen me mandou.
- 22Se eu non viñese e non lles falase, non terían pecado; mais agora non teñen escusa polo seu pecado.
- 23Quen me aborrece a min, aborrece tamén a meu Pai.
- 24Se non fixese entre eles as obras que ningún outro fixo, non terían pecado; mais agora víronas, e aborrecéronme a min e a meu Pai,
- 25de xeito que se cumpra a palabra que está escrita na súa Lei: Aborrecéronme sen razón.
- 26Cando veña o Paráclito que eu vos hei mandar de onda o Pai, o Espírito da Verdade que vén do Pai, dará testemuño acerca de min;
- 27e tamén vós daredes testemuño, pois levades comigo desde o comezo.