EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 16
Capítulo 16
Anuncio de persecucións
- 1Díxenvos estas cousas para que non vos escandalicedes.
- 2Hanvos expulsar das sinagogas; e mesmo chega a hora en que todo aquel que vos mate, coide que está dando culto a Deus.
- 3E farán iso, porque non coñeceron nin ao Pai nin a min.
- 4Mais díxenvos isto, para que, cando chegue a hora, recordedes que xa eu volo tiña dito.
A obra do Espírito
Non vos dixen isto desde o comezo, porque estaba convosco. - 5Pero agora voume onda o que me mandou e ningún de vós me pregunta: “Onde vas?”.
- 6Ao contrario, porque vos dixen estas cousas a tristura encheu os vosos corazóns.
- 7Pero eu dígovos a verdade: convenvos que eu me vaia, pois, se eu non me vou, non virá a vós o Paráclito; en cambio, se eu me vou, mandareino onda vós.
- 8E cando veña, culpará ao mundo de pecado, xustiza e condena:
- 9pecado, porque non cren en min;
- 10xustiza, porque vou onda o Pai e xa non me veredes;
- 11condena, porque o príncipe deste mundo xa resultou condenado.
- 12Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora.
- 13Cando veña El, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de pasar.
- 14El hame glorificar, pois recibirá do meu e interpretarávolo.
- 15Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo interpretará a vós.
A tristura volverase alegría
- 16Un pouquiño e xa non me veredes; e outro pouquiño, e volverédesme ver.
- 17Comentaron entón algúns dos seus discípulos:
__Que é isto que nos di: “Un pouquiño e xa non me veredes; e outro pouquiño, e volverédesme ver?”. E iso de: “Porque vou onda o Pai?”.
- 18E dicían:
__Que é ese “un pouquiño”? Non sabemos o que quere dicir.
- 19Coñeceu Xesús que lle querían preguntar, e díxolles:
__Matinades entre vós acerca disto que vos dixen: “Un pouquiño e xa non me veredes, e outro pouquiño e volverédesme ver”?
- 20Con toda verdade volo aseguro: choraredes e lamentarédesvos, mentres que o mundo se alegrará. Vós estaredes tristes, mais a vosa tristura volverase alegría.
- 21A muller, cando vai dar á luz, ten tristura, pois chegou a súa hora; pero cando deu á luz o neno, xa non lle acorda o apuro, pola alegría de que naceu un home para o mundo.
- 22Así, tamén vós tedes agora tristura; pero heivos ver de novo e o voso corazón alegrarase, e a vosa alegría ninguén vola poderá quitar.
- 23E aquel día xa non me preguntaredes nada. Con toda verdade volo aseguro: o que lle pidades ao Pai no meu nome, El hávolo dar.
- 24Ata agora non pedistes nada no meu nome. Pedide e recibiredes, de xeito que a vosa alegría sexa plena.
Eu vencín o mundo
- 25Díxenvos estas cousas en comparanzas. Vai chegar a hora en que xa non vos falarei en comparanzas, senón que vos falarei do Pai abertamente.
- 26Naquel día pediredes no meu nome. E non vos digo que eu rogarei por vós ao Pai,
- 27xa que o propio Pai vos ama, pois vós amástesme a min, e crestes que eu saín de Deus.
- 28Saín do Pai e vin ao mundo; de novo deixo o mundo e vou onda o Pai.
- 29Dixéronlle os seus discípulos:
__Mira, agora falas claro, sen andar con voltas.
- 30Agora sabemos que o sabes todo, e non precisas que ninguén che pregunte: por iso cremos que saíches de Deus.
- 31Xesús respondeulles:
__Agora credes?
- 32Mirade, vai chegar a hora, e xa chegou, en que vos espallaredes cada un pola súa banda, e a min deixarédesme só. Aínda que eu non estou só, pois está comigo o Pai.
- 33Díxenvos estas cousas para que teñades paz grazas a min. No mundo haberedes ter apuros; pero tede ánimo: eu vencín o mundo.