EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 18
Capítulo 18
A PAIXÓN
Xesús entrégase
- 1En dicindo isto, saíu cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mais os seus discípulos.
- 2Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos.
- 3Xudas, que levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas.
- 4Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:
__A quen buscades?
- 5Respondéronlle:
__A Xesús de Nazaré.
Díxolles el:
__Eu son!
Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba.
- 6Cando lles dixo, “Eu son”, botáronse para atrás e caeron ao chan.
- 7Entón, preguntoulles outra vez:
__A quen buscades?
Eles contestaron:
__A Xesús de Nazaré.
- 8Xesús respondeulles:
__Díxenvos que son eu: así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.
- 9Así cumpriuse a palabra que dixera: “Non perdín ningún dos que me deches!”.
- 10Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu ao garda do sumo sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco.
- 11Pero Xesús díxolle a Pedro:
__Mete a espada na vaíña. E, logo, non hei beber o cáliz que me deu o Pai?
- 12Entón a patrulla, o tribuno e mais os gardas dos xudeus, agarraron a Xesús e prendérono.
Interrogatorio de Xesús
- 13Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o sumo sacerdote daquel ano.
- 14(Era Caifás aquel que lles dera aos xudeus o consello: “Convén que un home morra polo pobo”).
- 15Simón Pedro e mais outro discípulo seguían a Xesús. Este discípulo, por ser coñecido do sumo sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do sumo sacerdote.
- 16Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo __o coñecido do sumo sacerdote__, falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro.
- 17A porteira preguntoulle a Pedro:
__Non es tamén ti dos discípulos dese home?
El contestou:
__Non son.
- 18Estaban os criados e os gardas facendo unha fogueira, porque facía frío, e aquecíanse. Estaba tamén Pedro con eles, de pé, aquecéndose.
- 19Entón o sumo sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina.
- 20Xesús respondeulle:
__Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan todos os xudeus, e non falei nada ás agachadas.
- 21Por que me preguntas a min? Pregúntalles aos que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.
- 22Ao dicir isto, un dos gardas alí presentes, deulle unha labazada a Xesús, dicindo:
__Así lle respondes ao sumo sacerdote?
- 23Xesús replicoulle:
__Se falei mal, demóstrame en que; e se falei ben, por que me pegas?
- 24Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o sumo sacerdote.
- 25Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:
__Non es tamén ti dos seus discípulos?
El negouno, dicindo:
__Non son.
- 26Un dos criados do sumo sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle:
__E logo non te vin eu na horta con el?
- 27Pedro negou outra vez; e naquel momento empezou a cantar un galo.
Xesús perante Pilatos
- 28Levaron entón a Xesús de onda Caifás ao Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen comer a Pascua.
- 29Saíu entón fóra Pilatos, onda eles, e preguntou:
__Que acusación traedes contra este home?
- 30Eles responderon:
__Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.
- 31Díxolles entón Pilatos:
__Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.
Os xudeus contestáronlle:
__Non nos é lícito matar a ninguén.
- 32Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.
- 33Entón entrou Pilatos outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:
__Es ti o Rei dos Xudeus?
- 34Xesús respondeu:
__Dis ti iso pola túa conta, ou dixéroncho outros de min?
- 35Pilatos replicou:
__E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?
- 36Xesús contestoulle:
__O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
- 37Díxolle entón Pilatos:
__Logo ti es rei?
Xesús respondeu:
__Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.
- 38Pilatos preguntoulle:
__Que é a verdade?
E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:
__Eu non atopo nel culpa ningunha.
- 39Hai entre vós o costume de que eu vos solte alguén pola Pascua. Queredes, logo, que vos solte ao Rei dos Xudeus?
- 40Berraron entón outra vez, dicindo:
__Non. A ese non, a Barrabás. (O tal Barrabás era un bandido).