EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 19
Capítulo 19
Xesús condenado a morte
- 1Entón Pilatos colleu a Xesús e mandouno azoutar.
- 2Os soldados, tecendo unha coroa con espiños, puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura,
- 3e, inclinándose diante del, dicíanlle:
__Salve, Rei dos Xudeus!
E dábanlle labazadas.
- 4Pilatos saíu outra vez fóra e díxolles:
__Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de que non atopo nel culpa ningunha.
- 5Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños e o manto de púrpura. Pilatos díxolles:
__Velaquí o home.
- 6Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas berraron:
__Crucifícao, crucifícao!
Pilatos respondeulles:
__Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo culpa nel.
- 7Os xudeus replicaron:
__Nós temos unha Lei, e conforme a Lei debe morrer, por se facer Fillo de Deus.
- 8Cando Pilatos oíu estas palabras, colleu moito medo,
- 9entrou outra vez no Pretorio e preguntoulle a Xesús:
__De onde es ti?
Pero Xesús non lle deu unha fala.
- 10Entón Pilatos insistiu:
__Non falas comigo? Non sabes que teño poder para soltarte e poder para crucificarte?
- 11Xesús respondeulle:
__Non terías ningún poder sobre min, se non cho desen de arriba. Por iso, o que me entregou a ti ten maior pecado.
- 12Despois disto Pilatos procuraba liberalo. Pero os xudeus berraban:
__Se soltas a ese, non es amigo do César: todo o que se fai rei, oponse ao César.
- 13Pilatos, oídas estas palabras, levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal, no sitio nomeado O Lousado, en hebreo Gábaza.
- 14(Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as doce do día). Díxolles aos xudeus:
__Velaquí o voso rei!
- 15Pero eles berraban:
__Fóra, fóra! Crucifícao!
Pilatos preguntoulles:
__Pero como vou crucificar o voso rei?
Os sumos sacerdotes insistiron:
__Non temos máis rei ca o César.
- 16Daquela, entregóullelo para que o crucificasen.
Crucifixión de Xesús
Entón colleron a Xesús. - 17Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo.
- 18Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio.
- 19Escribiu Pilatos un título e púxoo na cruz. O escrito era: “Xesús o Nazareno, o Rei dos Xudeus”.
- 20Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego.
- 21Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilatos:
__Non escribas: “O Rei dos Xudeus”; senón: “El dixo: Son o Rei dos Xudeus”.
- 22Pilatos respondeu:
__O escrito, escrito está.
- 23Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del __e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado__, e mais a túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo.
- 24E falaron entre eles:
__Non a rachemos: sorteémola a ver a quen lle toca.
Así cumpriuse a Escritura, que di:
- Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica.
Tal fixeron os soldados.
- 25Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena.
- 26Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
__Muller, velaí o teu fillo!
- 27Despois díxolle ao discípulo:
__Velaí túa nai!
E, desde aquela hora, o discípulo acolleuna con el.
Morte de Xesús
- 28Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:
__Teño sede!
- 29Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca.
- 30Cando probou Xesús o vinagre dixo:
__Está cumprido!
E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.
- 31Entón os xudeus, como era o día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado __pois era grande aquel día de sábado__, rogáronlle a Pilatos que lles rompesen as pernas e os retirasen.
- 32Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlles as pernas ao primeiro e mais ao outro que crucificaran con el.
- 33Pero ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas,
- 34senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.
- 35Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; e el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades.
- 36Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: Non lle crebarán óso ningún.
- 37E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron.
Sepultura de Xesús
- 38Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús __aínda que ás agachadas, por medo aos xudeus__, rogoulle a Pilatos que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilatos accedeu. Foi e retirou o corpo.
- 39Foi tamén Nicodemo __aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite__, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.
- 40Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas.
- 41No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén.
- 42Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.