EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 2
Capítulo 2
O primeiro signo nas vodas de Caná
- 1O terceiro día houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús.
- 2Tamén foi convidado Xesús e mais os seus discípulos ao casamento.
- 3Chegou a faltar o viño e a nai de Xesús díxolle:
__Non che teñen viño.
- 4Replicoulle Xesús:
__Muller que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.
- 5Súa nai díxolles entón aos servidores:
__Facede o que el vos diga.
- 6Había alí seis píos de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ao pé de cen litros cada unha.
- 7E ordenoulles Xesús:
__Enchede de auga eses píos.
Eles enchéronos de todo.
- 8Díxolles entón:
__Collede agora e levádelle a proba ao mestresala.
Eles levárona.
- 9E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo
- 10e díxolle:
__Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixaches o viño bo para agora.
- 11Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.
Xesús en Cafarnaúm
- 12Despois disto baixou a Cafarnaúm, con súa nai, seus irmáns e mais os seus discípulos, e quedou alí uns poucos días.
Expulsa os mercadores do templo
- 13Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén.
- 14Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores, sentados;
- 15foi el e fixo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores;
- 16e aos que vendían as pombas, díxolles:
__Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.
- 17Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: O celo da túa casa devórame.
- 18Pola súa parte, os xudeus preguntáronlle:
__Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?
- 19Respondeulles Xesús:
__Derrubade este templo e erguereino en tres días.
- 20Replicáronlle os xudeus:
__Corenta e seis anos levou edificar este templo e halo erguer ti en tres días?.
- 21Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo.
- 22Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.
Fe imperfecta de moitos xudeus
- 23Estando Xesús en Xerusalén pola festa da Pascua, moitos creron nel, vendo os signos que facía.
- 24Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos.
- 25Non precisaba de que ninguén lle dese informacións de ninguén, que ben coñecía el o que había no home.