EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 20
Capítulo 20
RESURRECCIÓN DE XESÚS
O sepulcro baleiro
- 1O día primeiro da semana María a Magdalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda estaba escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada.
- 2Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo a quen amaba Xesús, díxolles:
__Colleron do sepulcro ao Señor, e non sabemos onde o puxeron.
- 3Pedro e mais o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro.
- 4Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ao sepulcro.
- 5Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou.
- 6Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí;
- 7pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar.
- 8Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro ao sepulcro, viu e creu.
- 9(Pois aínda non coñecían a Escritura, segundo a cal debía resucitar de entre os mortos).
- 10Entón os discípulos volveron para a casa.
Aparición á Magdalena
- 11Mentres tanto, María quedara ao pé do sepulcro, na parte de fóra, chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro.
- 12Viu dous anxos de branco, sentados, un á cabeceira e outro aos pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús.
- 13Eles preguntáronlle:
__Muller, por que choras?
Ela respondeulles:
__Porque colleron ao meu Señor e non sei onde o puxeron.
- 14Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era Xesús.
- 15Xesús preguntoulle:
__Muller, por que choras? A quen buscas?
Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle:
__Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.
- 16Xesús díxolle:
__María!
Ela, virándose, exclamou en hebreo:
__Rabbuni! (que quere dicir “Mestre”).
- 17Xesús díxolle:
__Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: “Subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus”.
- 18María Magdalena foilles contar aos discípulos que vira o Señor, e que lle dixera estas cousas.
Aparición aos discípulos
- 19Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:
__A paz convosco!
- 20Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.
- 21El díxolles outra vez:
__A paz convosco!: como o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
- 22E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
__Recibide o Espírito Santo:
- 23a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Aparición a Tomé
- 24Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.
- 25Dicíanlle entón os outros discípulos:
__Vimos o Señor.
Pero el contestoulles:
__Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
- 26Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
__A paz convosco!
- 27Despois díxolle a Tomé:
__Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado, e non sexas incrédulo, senón home de fe.
- 28Tomé respondeulle:
__Meu Señor e meu Deus!
- 29Xesús díxolle:
__Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!
EPÍLOGO
Remate do Libro da Gloria: finalidade do Evanxeo
- 30Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro.
- 31Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.