EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 4
Capítulo 4
Xesús deixa a Xudea
- 1Xesús decatouse de que os fariseos oíran que el facía máis discípulos e bautizaba máis ca Xoán
- 2(aínda que a verdade era que non bautizaba Xesús mesmo senón os seus discípulos).
- 3Entón deixou a Xudea e partiu outra vez para Galilea.
Conversa de Xesús coa Samaritana
- 4Necesitaba pasar pola Samaria.
- 5Chegou, logo, a unha cidade da Samaria chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob ao seu fillo Xosé.
- 6Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era ao pé do mediodía.
- 7Chegou unha muller da Samaria sacar auga. E Xesús díxolle:
__Dáme de beber.
- 8(Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).
- 9Preguntoulle entón a muller samaritana:
__Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).
- 10Respondeulle Xesús:
__Se coñeceses o don de Deus e quen é o que che di: “Dáme de beber”, ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.
- 11Replicoulle a muller:
__Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva?
- 12Seica es ti máis ca o noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mais o seu gando?
- 13Xesús contestoulle:
__Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez;
- 14pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca mais terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
- 15A muller suplicou:
__Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí sacala.
- 16Díxolle Xesús:
__Vai chamar polo teu marido e volve aquí.
- 17A muller contestou:
__Non teño marido.
Xesús díxolle:
__Falaches ben, dicindo: “Non teño marido”;
- 18pois tiveches cinco homes e o que tes agora non é teu marido. Desta si que falaches a verdade.
- 19A muller respondeu:
__Señor, vexo que ti es profeta.
- 20Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar.
- 21Xesús díxolle:
__Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai.
- 22Vós adorades o que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus.
- 23Pero chega a hora –e xa é agora– en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que o Pai busca.
- 24Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
- 25Respondeu a muller:
__Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos aclarar todo iso.
- 26Díxolle Xesús:
__Son eu!, o que está falando contigo.
- 27Nisto chegaron os seus discípulos e chamoulles a atención que falase cunha muller. Pero ningún lle preguntou: Que pretendes?, ou de que falas con ela?
- 28Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles aos veciños:
- 29__Vide ver un home que me dixo todo canto eu fixen. Non será el o Mesías?
- 30Eles saíron da vila e viñeron onda el.
- 31Mentres, os seus discípulos insistíanlle:
__Rabbí, come!
- 32Mais el díxolles:
__Eu teño para xantar unha comida que vós non sabedes.
- 33Dicíanse entón os discípulos, uns aos outros:
__Traeríalle alguén de comer?
- 34Xesús díxolles:
__A miña comida é facer a vontade daquel que me mandou e levar ao remate a súa obra.
- 35Non dicides vós que aínda faltan catro meses para que chegue a seitura? Ben, pois mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes que os campos están brancos para a seitura.
- 36O que sega recibe a paga e recolle froito para a vida eterna; de xeito que se alegran tanto quen sementa coma quen sega.
- 37Pois nisto é verdadeiro o dito de que “un é quen sementa e outro quen recolle”.
- 38Eu mandeivos recoller o que vós non traballastes: outros traballaron e vós recollestes o froito do seu traballo.
- 39Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, que declaraba:
__Díxome todo canto eu fixen.
- 40Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días.
- 41E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo.
- 42Dicíanlle despois á muller:
__Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.
Xesús en Caná: curación do fillo dun oficial
- 43Pasados os dous días, saíu de alí para Galilea
- 44(pois o mesmo Xesús afirmara que ningún profeta é honrado na súa patria).
- 45Entón, cando chegou a Galilea, fórono esperar os galileos, pois, como tamén eles foran á festa, viran todo canto el fixera en Xerusalén ese día.
- 46Volveu así de novo a Caná de Galilea, onde cambiara a auga en viño.
Había en Cafarnaúm un funcionario que tiña o fillo enfermo.
- 47Oíndo que Xesús viña da Xudea cara a Galilea, foino esperar, e rogáballe que baixase a curar o seu fillo, que estaba á morte.
- 48Díxolle entón Xesús:
__Se non vedes sinais e prodixios, non credes.
- 49O funcionario insistiu:
__Señor, baixa antes de que morra o meu meniño.
- 50Xesús contestoulle:
__Vaite, o teu fillo vive!
O home creu na palabra que lle dixera Xesús e foise.
- 51E, cando xa el baixaba, saíronlle ao encontro os seus servos, para lle dicir que o neno xa se puxera ben.
- 52Entón preguntoulles a que hora empezara a notar a melloría. Eles respondéronlle:
__Onte, a iso da unha, baixoulle a febre.
- 53Decatouse entón o pai de que aquela fora a hora na que lle dixera Xesús: “O teu fillo vive”; e creu el e mais toda a súa familia.
- 54Este segundo signo fíxoo Xesús cando volvía da Xudea para Galilea.