EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 5
Capítulo 5
Curación do paralítico da piscina
- 1Despois disto había unha festa dos xudeus. E Xesús subiu a Xerusalén.
- 2Hai en Xerusalén, onda a Porta das Ovellas, unha piscina, chamada en hebreo Bezsazá, que ten cinco pórticos.
- 3Neles había unha chea de enfermos, cegos, coxos, tolleitos, agardando o movemento da auga,
- 4(pois de vez en cando baixaba un anxo á piscina e remexía a auga; entón, o primeiro que entrase despois da axitación da auga, quedaba curado de calquera mal que tivese).
- 5Había alí un home que levaba trinta e oito anos enfermo.
- 6Xesús, ao velo deitado e sabendo que levaba xa moito tempo, preguntoulle:
__Ti queres quedar san?
- 7Respondeulle o enfermo:
__Señor, eu non teño a ninguén que me bote na piscina cando se remexe a auga; e, mentres eu veño, sempre baixa outro máis axiña ca min.
- 8Xesús díxolle:
__Érguete, colle o teu leito e anda!
- 9No intre púxose bo aquel home, colleu a súa padiola e botou a andar. Pero aquel día era sábado.
- 10Entón dicíanlle os xudeus ao que quedara curado:
__É sábado, non tes dereito a levar o leito!
- 11Mais el respondeulles:
__O que me curou, díxome el mesmo: “Colle o teu leito e anda!”.
- 12Eles preguntáronlle:
__Quen é o home que che dixo: “Cólleo e anda”?
- 13Pero o curado non o sabía, pois Xesús escapara do xentío que había naquel sitio.
- 14Máis tarde atopouno Xesús no templo e díxolle:
__Mira que estás san; non volvas pecar, para que non che veña algo peor.
- 15Foise o home e contoulles aos xudeus que fora Xesús quen o curara.
As razóns polas que actúa Xesús
- 16Por este motivo os xudeus perseguían a Xesús, por facer estas cousas en sábado.
- 17Xesús replicoulles:
__Meu Pai ata o presente está sempre a traballar, e eu tamén traballo.
- 18Por iso os xudeus tiñan máis interese en matalo, porque non só violaba o sábado, senón que dicía que Deus era seu Pai, facéndose a si mesmo igual a Deus.
- 19Xesús saíulles ao paso, dicindo:
__Con toda verdade volo aseguro: o Fillo non pode facer en por si nada, só o que lle ve facer a seu Pai. O que este fai, faino tamén o Fillo,
- 20pois o Pai ama ao Fillo, e móstralle todas as cousas que el fai, e mostraralle obras meirandes ca estas, para que vos pasmedes.
- 21Pois, así como o Pai resucita os mortos e lles dá vida, así tamén o Fillo dá vida aos que el quere.
- 22Pois nin sequera o Pai xulga a ninguén, senón que delegou no Fillo todo o poder de xulgar,
- 23para que todos honren o Fillo como honran o Pai. O que non honra o Fillo, non honra o Pai, que o mandou.
- 24Dígovos a verdade: quen escoita a miña palabra e cre no que me mandou, ten vida eterna e non comparecerá a xuízo, senón que pasará da morte á vida.
- 25Con toda verdade volo aseguro: chega a hora ou, mellor dito, xa é esta a hora en que os mortos escoitarán a voz do Fillo de Deus, e os que a escoiten vivirán.
- 26Pois así como o Pai ten vida en si mesmo, así tamén lle deu ao Fillo ter vida en si mesmo;
- 27e deulle tamén poder para xulgar, pois é o Fillo do Home.
- 28Non vos pasme isto, porque chega o momento en que todos os que están nos sepulcros escoitarán a súa voz;
- 29e sairán os que fixeron o ben a unha resurrección de vida, e os que obraron o mal a unha resurrección de condena.
Testemuños en favor de Xesús
- 30Eu nada podo facer pola miña conta: conforme oio, xulgo, e o meu xuízo é xusto, porque non procuro a miña vontade senón a vontade de quen me mandou.
- 31Se eu fose testemuña en causa propia, o meu testemuño non tería validez.
- 32Pero é outro o que testemuña a favor de min e eu sei que é válido o testemuño que dá de min.
- 33Vós mandastes xente a preguntarlle a Xoán e el deu testemuño da verdade.
- 34Non é que eu apele ao testemuño dos homes, pero lémbrovos isto pola vosa salvación.
- 35Xoán era o facho que ardía e alumaba, e vós quixestes gozar un instante da súa luz.
- 36Pero eu teño un testemuño máis importante ca o de Xoán, pois as obras que o Pai me encargou de levar a cabo, esas obras que eu fago, testemuñan que o Pai me enviou.
- 37E o Pai, que me mandou, dá testemuño en favor de min. Pero vós nin oístes nunca a súa voz, nin vistes o seu rostro,
- 38e tampouco conservades a súa palabra en vós, porque non credes naquel que El enviou.
- 39Escrutade as Escrituras, pois ensinades que tedes nelas vida eterna: pois elas son as que testemuñan a meu favor;
- 40e non queredes vir a min, e así ter vida.
- 41Non é que eu espere gloria dos homes;
- 42pero ben me decato de que vós non tedes dentro o amor de Deus.
- 43Eu veño no nome do meu Pai e non me recibides; se outro vén no seu propio nome, a ese habédelo recibir.
- 44Como ides poder crer vós, que vos dades honra os uns aos outros e non procurades a gloria que vén do único Deus?
- 45Non coidedes que vos hei acusar ao Pai: quen vos acusa é Moisés, ese no que vós tedes a esperanza.
- 46Pois se vós lle crerades a Moisés, habiades crer tamén en min, xa que de min escribiu el.
- 47Mais se non fiades nos seus escritos, como ides crer nas miñas palabras?