EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 6
Capítulo 6
Multiplicación do pan e dos peixes
- 1Despois disto foi Xesús á outra banda do mar de Galilea (ou de Tiberíades).
- 2Seguíao unha chea de xente, porque viran os sinais que facía nos enfermos.
- 3Subiu Xesús ao monte e sentou alí cos seus discípulos.
- 4Estaba a chegar a Pascua, a festa dos xudeus.
- 5Levantou a vista Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el, díxolle a Felipe:
__Onde imos mercar pan, para que coma esta xente?
- 6(Isto dicíao para tantealo, que el ben sabía xa o que ía facer).
- 7Respondeulle Felipe:
__Nin medio ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo.
- 8Un dos seus discípulos, André, o irmán de Simón Pedro, díxolle:
- 9__Hai aquí un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes; pero que é iso para tantos?
- 10Xesús ordenou:
__Facede sentar a xente!
Había moita herba naquel sitio. E sentaron coma uns cinco mil homes.
- 11Entón colleu Xesús os pans e, dando grazas, repartiu aos sentados canto quixeron e o mesmo os peixes.
- 12Cando se fartaron, díxolles aos seus discípulos:
__Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada.
- 13Entón xuntáronos e encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan de cebada, que lles sobraran aos que comeron.
- 14Ao veren aqueles homes o sinal que fixera, dicían:
__Este si que é o profeta que había de vir ao mundo!
- 15Entón Xesús, decatándose de que o ían vir coller para o proclamar rei, retirouse outra vez ao monte el só.
Xesús camiña sobre o mar
- 16Como xa caera a tarde, baixaron os seus discípulos ao mar,
- 17e, montando nun bote, dirixíanse cara á outra beira, a Cafarnaúm. Xa era noite pecha e Xesús aínda non chegara onda eles.
- 18O mar empezouse a picar, porque ventaba rexo.
- 19Despois de levaren vogado unhas tres millas, viron a Xesús camiñando por riba do mar e, conforme se ía achegando ao bote, empezaron a coller medo.
- 20Pero el díxolles:
__Son eu, non teñades medo!
- 21Entón queríano facer subir ao bote, pero naquel instante o bote quedou varado no sitio onde ían.
O discurso do pan da vida
- 22O día seguinte, a xente que quedara na outra banda do mar, decatouse de que alí non había máis ca un bote, e que Xesús non montara nel cos seus discípulos, senón que estes marcharan sos.
- 23Nisto chegaron algúns botes de Tiberíades, de cerca do sitio onde comeran o pan despois de o Señor dar grazas a Deus.
- 24Así que, en vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús.
- 25Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle:
__Rabbí, cando chegaches aquí?
- 26Xesús contestoulles:
__Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar.
- 27Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home: pois el é a quen o Pai Deus marcou co seu selo.
- 28Eles preguntáronlle:
__Que temos que facer para realizar as obras de Deus?
- 29Respondeu Xesús:
__Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.
- 30Replicáronlle:
__Que sinal fas ti, para que véndoo creamos en ti? Que podes facer?
- 31Os nosos pais comeron o maná no deserto, conforme está escrito: Deulles a comer pan do ceo.
- 32Entón díxolles Xesús:
__Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo,
- 33pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e dá vida ao mundo.
- 34Dixéronlle entón:
__Señor, dános sempre dese pan!
- 35Xesús respondeulles:
__Eu son o pan da vida: quen vén onda min, non pasará fame, e quen cre en min endexamais non terá sede.
- 36Pero xa vos dixen que, aínda que vistes, non credes.
- 37Todos os que o Pai me entregou, virán onda min; e a quen vén onda min, non o botarei fóra,
- 38pois eu baixei do ceo non para facer a miña vontade, senón a vontade daquel que me mandou.
- 39Esta é a vontade daquel que me mandou: que non perda a ningún dos que me entregou, senón que os resucite no derradeiro día.
- 40Esta é, polo tanto, a vontade do meu Pai: que todo aquel que ve ao Fillo e cre nel, teña vida eterna, e eu resucitareino no derradeiro día.
- 41Entón os xudeus comezaron a murmurar del, porque dixera: “Eu son o pan que baixou do ceo”,
- 42e dicían:
__Non é este Xesús, o fillo de Xosé? Non lle coñecemos o pai e mais a nai? Como di, logo: “Eu baixei do ceo”?
- 43Xesús respondeulles:
__Non esteades aí a murmurar.
- 44Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día.
- 45Está escrito nos Profetas: Todos serán ensinados por Deus. Todo aquel que escoita ao Pai e aprende, vén onda min.
- 46Non porque vise ao Pai alguén, se non o que estaba onda Deus ese viu ao Pai.
- 47Con toda verdade volo aseguro: quen cre, ten vida eterna.
- 48Eu son o pan da vida.
- 49Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron.
- 50Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra.
- 51Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.
- 52Discutían entón entre eles os xudeus:
__Como pode este darnos a comer a súa carne?
- 53Díxolles entón Xesús:
__Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós.
- 54Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día.
- 55Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida.
- 56Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel.
- 57Coma o Pai, que me mandou vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min.
- 58Este é o pan que baixou do ceo: non como comeron os pais, que morreron, quen come este pan vivirá para sempre.
- 59Dixo estas cousas ensinando na sinagoga, en Cafarnaúm.
- 60Cando tal oíron, moitos dos seus discípulos dixeron:
__Que dura é esta doutrina! Quen pode soportar tal cousa?
- 61Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:
__Escandalízavos iso?
- 62E logo se visedes o Fillo do Home subindo a onde estaba antes?
- 63O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada: as palabras que eu vos falei, son espírito e son vida.
- 64E, aínda así, hai algúns de vós que non cren.
Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non crían e mais quen o había de entregar.
- 65E proseguiu:
__Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.
- 66Desde aquela, moitos dos seus discípulos botáronse para atrás, e xa non andaban con el.
- 67Preguntoulles entón Xesús aos Doce:
__E vós tamén vos queredes ir?
- 68Respondeulle Simón Pedro:
__Señor: e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna,
- 69e nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
- 70Xesús dixo aínda:
__Non vos escollín eu aos Doce? E mais un de vós é un satán.
- 71(Falaba de Xudas, o de Simón o Iscariote, pois este, mesmo sendo un dos Doce, habíao de entregar).