EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 7
Capítulo 7
Incredulidade dos parentes de Xesús
- 1E despois disto, andaba Xesús pola Galilea, e non quería andar pola Xudea, porque os xudeus queríano matar.
- 2Estaba a chegar a festa dos xudeus chamada das Cabanas.
- 3Dixéronlle entón seus irmáns:
__Sae de aquí e vai para Xudea, para que tamén os teus discípulos vexan as obras que fas;
- 4porque quen quere ser famoso non actúa ás agachadas. Se fas esas cousas, móstrate ao mundo.
- 5(Era visto que nin seus irmáns crían nel).
- 6Xesús contestoulles:
__O meu tempo aínda non chegou, pero o voso sempre está á man.
- 7Non pode o mundo aborrecervos a vós; pero a min aborréceme, porque eu testemuño contra el que as súas obras son ruíns.
- 8Subide vós á festa: eu non subo, que aínda non chegou o meu tempo.
- 9Despois desta conversa quedou na Galilea.
- 10Pero cando seus irmáns xa subiran á festa, entón tamén el subiu, non manifestamente, senón en secreto.
Xesús na festa das Cabanas
- 11Entón os xudeus buscábano na festa, e dicían:
__Onde está ese?
- 12E polo baixo a xente falaba moito del. Uns dicían:
__É un bo home.
Outros, ao revés:
__Nada, nada: é un impostor.
- 13Mais ninguén falaba del en público, por medo aos xudeus.
- 14A iso da metade da festa, subiu Xesús ao templo e púxose a ensinar.
- 15Admirábanse entón os xudeus, dicindo:
__Como é que este sabe todo o que sabe sen estudalo?
- 16Respondeulles Xesús:
__A miña doutrina non é miña, senón daquel que me mandou.
- 17Se alguén quere facer a vontade de Deus, distinguirá se esta doutrina vén de Deus ou se é que eu falo pola miña conta.
- 18Quen fala pola súa conta, busca a propia gloria; polo contrario, quen procura o prestixio de quen o mandou, ese é veraz e non hai inxustiza nel.
- 19Non vos deu Moisés a Lei? E, con todo, ningún de vós a garda. Por que me queredes matar?
- 20Respondeu a xente:
__Seica tes o demo! Quen te quere matar a ti?
- 21Xesús replicou:
__Fixen unha obra só, e todos vos marabillades.
- 22Vexamos, logo, unha cousa. Moisés deuvos a circuncisión (que, ben mirado, non vén de Moisés, senón dos Pais) e, aínda que sexa sábado, vós circuncidades un home.
- 23E se circuncidades un home en sábado, sen quebrantardes a Lei de Moisés, como é que vos alporizades comigo, porque curei en sábado a un home enteiro?
- 24Non xulguedes pola aparencia, non: xulgade conforme á xustiza.
- 25Algúns dos habitantes de Xerusalén comentaban:
__Non é a este ao que lle trataban de dar morte?
- 26Pois mira como fala á vista de todo o mundo e mais non lle din nada. Será que de verdade as autoridades chegaron a recoñecer que el é o Mesías?
- 27O caso é que este sabemos de onde é, mentres que o Mesías, cando veña, ninguén saberá de onde é.
- 28Gritou entón Xesús, mentres ensinaba no templo:
__Así que a min coñecédesme e sabedes de onde son? Pois non vos vin pola miña conta: a min mandoume o Veraz, a quen vós non coñecedes.
- 29Eu coñézoo, que de onda El son e foi El quen me mandou.
- 30Daquela trataban de prendelo; pero ninguén lle botou man: aínda non chegara a súa hora.
- 31Moita xente creu nel, e dicía:
__E o Mesías, cando veña, fará máis sinais ca este?
- 32Oíron os fariseos que o pobo andaba nestes falares e entón eles e mais os xefes dos sacerdotes mandaron gardas para o prenderen.
- 33Dixo entón Xesús:
__Aínda estarei un pouquiño máis entre vós, e despois voume onda Aquel que me mandou.
- 34Buscar buscarédesme, pero non me encontraredes, pois onde eu estea, vós non poderedes vir.
- 35Dixéronlles uns xudeus a outros:
__Para onde irá este, que non o poidamos atopar? Irá quizais para onda os emigrantes en terras dos gregos, predicarlles a eles?
- 36Que significará iso que dixo: “Buscar, buscarédesme, pero non me encontraredes, e onde estea eu, vós non poderedes vir?”.
- 37No derradeiro día, o máis grande da festa, púxose Xesús de pé, e gritou:
__Se alguén ten sede, que veña onda min, e beba quen cre en min.
- 38Como di a Escritura, deitaranlle do seu ventre regueiros de auga viva.
- 39(Isto dicíao do Espírito que habían recibir cantos creran nel: pois daquela non había Espírito, porque Xesús non fora aínda glorificado).
- 40Cando oíron isto, algúns de entre a xente, dicían:
__Este é verdadeiramente o Profeta.
- 41Outros:
__Este é o Mesías.
Outros, en cambio, dicían:
__Pero é que o Mesías vai vir da Galilea?
- 42Non di a Escritura que o Mesías ha vir da semente de David, e de Belén, a vila de onde era David?
- 43E houbo división no pobo, por causa del.
- 44Algúns queríano prender, pero ninguén lle puxo enriba as mans.
- 45Foron entón os gardas onda os xefes dos sacerdotes e os fariseos. Eles preguntáronlles:
__Por que non o trouxestes?
- 46Responderon os gardas:
__Endexamais falou ninguén coma este home.
- 47Respondéronlles os fariseos:
__Seica vos engaiolou tamén a vós?
- 48Vistes que algún dos maxistrados ou dos fariseos crese nel?
- 49Non. E a xente esa, que non coñece a Lei, son uns malditos.
- 50Un deles, Nicodemo, o que fora primeiro onda el, dixo:
- 51__Desde cando a nosa Lei xulga a un home sen antes escoitalo e investigar o que fixo?
- 52Respondéronlle:
__Tamén ti es da Galilea? Pois estuda e verás como da Galilea non sae profeta ningún.
Xesús perdoa a unha adúltera
- 53E fóronse cada un para a súa casa.