EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 8
Capítulo 8
- 1E Xesús saíu para o monte das Oliveiras.
- 2Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e veu onda el toda a xente; el sentou e empezou a ensinar.
- 3Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e
- 4preguntáronlle:
__Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio.
- 5Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. Ti que dis?
- 6Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra.
- 7Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
__Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra.
- 8E, abaixándose outra vez, escribía na terra.
- 9Pero eles, ao que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio.
- 10Ergueuse entón e preguntoulle:
__Muller, onde van? Ninguén te condenou?
- 11Ela respondeulle:
__Ninguén, Señor.
Díxolle Xesús:
__Tampouco eu non te condeno. Vaite e desde agora non peques máis.
Xesús, a luz do mundo
- 12Xesús faloulles outra vez:
__Eu son a luz do mundo: quen me segue, non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida.
- 13Dixéronlle entón os fariseos:
__Ti fas de testemuña en causa propia: o teu testemuño non vale.
- 14Xesús replicoulles:
__Aínda que eu faga de testemuña en causa propia, o meu testemuño é válido, porque eu ben sei de onde vin e a onde vou, mentres que vós non sabedes de onde veño nin onde vou.
- 15Os vosos xuízos seguen normas humanas, mentres que eu non xulgo a ninguén.
- 16E aínda que eu xulgase, o meu xuízo sería válido, porque non sería eu só a xulgar, senón eu e mais quen me mandou.
- 17E na vosa Lei está escrito que o testemuño de dúas testemuñas é válido.
- 18Eu dou testemuño de min mesmo, pero tamén o dá o Pai que me enviou.
- 19Entón eles preguntáronlle:
__Onde está teu Pai?
Xesús respondeulles:
__Nin me coñecedes a min, nin a meu Pai: se me coñecésedes a min, coñeceriades tamén a meu Pai.
- 20Estas cousas díxoas el cando ensinaba no templo, no adro do tesouro; e ninguén o prendeu, porque aínda non chegara a súa hora.
A onde vou eu, vós non podedes vir
- 21Díxolles outra vez:
__Eu voume e haberédesme buscar e morreredes no voso pecado: onde eu vou, vosoutros non podedes vir.
- 22Dicían entón os xudeus:
__El irase matar, porque di: “Onde vou eu, vosoutros non podedes vir”?
- 23El seguiulles dicindo:
__Vós sodes de aquí abaixo, eu son de alá arriba; vós sodes deste mundo, eu non son deste mundo.
- 24Díxenvos que haberedes morrer nos vosos pecados: como non creades que Eu son, morreredes nos vosos pecados.
- 25Preguntáronlle entón:
__Pero, logo, ti quen es?
Xesús contestoulles:
__O que vos veño dicindo desde o comezo.
- 26Moito tería que falar de vós e xulgalo; mais quen me enviou é veraz e eu só lle falo ao mundo do que lle oín a El.
- 27Pero eles non coñeceron que lles falaba do Pai.
- 28Entón Xesús continuou:
__Cando ergades o Fillo do Home, entón comprenderedes que Eu son, e que non fago nada pola miña conta, senón que falo do que o Pai me ensinou.
- 29E quen me mandou está comigo: non me deixou só, pois eu fago sempre o que a El lle agrada.
- 30Ao dicir estas cousas, moitos creron nel.
A verdade faravos libres
- 31E aos xudeus que creran nel, dicíalles Xesús:
__Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus;
- 32e coñeceredes a verdade e a verdade faravos libres.
- 33Eles respondéronlle:
__Somos semente de Abraham e endexamais non fomos escravos de ninguén; como, logo, dis ti “seredes libres”?
- 34Respondeulles Xesús:
__Con toda verdade volo aseguro: quen comete o pecado é escravo.
- 35E o escravo non queda para sempre na casa; o fillo queda para sempre.
- 36Logo, se o Fillo vos libera, seredes libres de verdade.
- 37Ben sei que sodes semente de Abraham, pero tratades de me matar, porque a miña palabra non prende en vós.
- 38Eu falo do que vin onda o Pai; e vós facedes o que oístes de voso pai.
Voso pai é o demo
- 39Eles respondéronlle:
__O noso pai é Abraham.
Xesús replicoulles:
__Se fósedes fillos de Abraham fariades as obras de Abraham,
- 40mais agora procurades matarme, a min, que vos dixen a verdade que oín de Deus: iso non o fixo Abraham.
- 41Vós facedes as obras de voso pai.
Dixéronlle:
__Nós non nacemos da prostitución: temos un pai, Deus.
- 42Contestoulles Xesús:
__Se o voso pai fose Deus, amariádesme a min, porque eu saín e veño de Deus, pois non vin por min mesmo, senón que El me enviou.
- 43Por que non comprendedes a miña fala? Porque non podedes escoitar a miña palabra.
- 44Vós sodes de voso pai o Satán, e queredes realizar os desexos de voso pai. Este foi asasino desde o comezo e non afincou na verdade, pois non hai verdade nel. Se fala falsidade, fala do seu, pois é mentireiro e pai da mentira.
- 45Polo contrario, a min, porque vos digo a verdade, non me credes.
- 46Veña! Que probe un de vós que estou en pecado! Se vos falo a verdade, por que non me credes?
- 47Quen é de Deus, escoita as palabras de Deus; por iso vós non escoitades, porque non sodes de Deus.
- 48Os xudeus replicáronlle:
__Non dicimos con razón que ti es un samaritano e que tes o demo no corpo?
Xesús, anterior a Abraham
- 49Xesús respondeulles:
__Eu non teño demo ningún: eu respecto a meu Pai, e vós estádesme inxuriando.
- 50Eu non procuro o meu prestixio: hai quen o fai xa, e El fará xustiza.
- 51Con toda verdade volo aseguro: quen fai caso da miña palabra, non morrerá endexamais.
- 52Entón dixéronlle os xudeus:
__Agora si que vemos que tes o demo. Abraham morreu e os profetas tamén, e ti dis: “Quen fai caso da miña palabra, non morrerá endexamais”.
- 53Seica es ti máis do que noso pai Abraham, que morreu? E os profetas tamén morreron. Por quen te queres facer pasar?
- 54Xesús respondeu:
__Se eu me dou gloria a min mesmo, a miña gloria nada vale; pero quen me dá gloria é meu Pai, de quen vós dicides que é voso Deus.
- 55Pero non o coñecedes, mentres que eu si o coñezo. Se dixese que non o coñezo, sería un mentireiro, coma vós; pero eu coñézoo e axústome á súa palabra.
- 56Voso pai Abraham encheuse de ledicia na esperanza de ver o meu día; viuno e alegrouse.
- 57Dixéronlle entón os xudeus:
__Aínda non tes cincuenta anos e xa viches a Abraham?
- 58Xesús contestoulles:
__Con toda verdade volo aseguro: antes que Abraham chegase a existir, Eu son.
- 59Entón colleron pedras para llas tiraren, pero Xesús agachouse e saíu do templo.