EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 9
Capítulo 9
Curación dun cego de nacemento
- 1Ao pasar, viu a un cego de nacemento.
- 2Entón preguntáronlle os seus discípulos:
__Mestre, quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?
- 3Xesús respondeu:
__Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus.
- 4Precisamos facer as obras do que me mandou mentres é día; está a chegar a noite e daquela ninguén pode traballar.
- 5Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.
- 6Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego,
- 7dicíndolle:
__Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir “enviado”).
El foi, lavouse e volveu con vista.
- 8Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:
__Non é este o que estaba sentado pedindo?
- 9Uns dicían:
__Éche o mesmo.
Outros:
__Non, é un que se lle asemella.
E el dicía:
__Son eu.
- 10Entón preguntábanlle:
__Daquela como se che abriron os ollos?
- 11El respondeu:
__O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: “Vai a Siloé e lávate”. Entón fun e, ao que me lavei, comecei a ver.
- 12Preguntáronlle:
__Onde está ese?
El contestou:
__Non o sei.
- 13Levaron onda os fariseos ao que fora cego.
- 14(Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos).
- 15E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:
__Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.
- 16Algúns dos fariseos dicían:
__Este home non vén de Deus, que non garda o sábado.
Outros, en cambio, dicían:
__Como ía poder un home pecador facer estes sinais?
E había división entre eles.
- 17Entón preguntáronlle outra vez ao cego:
__A ti que che parece ese home que lles deu a vista aos teus ollos?
El contestou:
__Que é un profeta.
- 18Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos seus pais
- 19e lles preguntaron:
__É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo como é que agora ve?
- 20Os pais responderon:
__Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego:
- 21como é que agora ve, non o sabemos, nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos para falar en por si.
- 22(Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo aos xudeus, pois xa se puxeran de acordo en que, se alguén o recoñecía como Mesías, botábano da sinagoga.
- 23Por iso dixeron seus pais: “Ten idade, preguntádelle a el”).
- 24Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle:
__Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador.
- 25El entón respondeu:
__Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo.
- 26Dixéronlle entón:
__Pero que foi o que che fixo? Como che deu a vista?
- 27Respondeulles:
__Xa volo dixen e non me fixestes caso. Por que queredes oílo outra vez? Ou é que tamén queredes facervos discípulos del?
- 28Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle:
__Serás ti discípulo del: nós somos discípulos de Moisés.
- 29Nós sabemos que a Moisés lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é.
- 30O home replicoulles:
__Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e aos meus ollos deulles el a vista.
- 31Sabemos que Deus non escoita aos pecadores, pero se un é piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao.
- 32Endexamais non se soubo de ninguén que dese vista a un cego de nacemento:
- 33se este non viñese de Deus, non podía facer nada.
- 34Respondéronlle eles:
__Ti naciches todo metido en pecados e vasnos ensinar a nós?
E botárono fóra.
A cegueira espiritual
- 35Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
__Cres ti no Fillo do Home?
- 36El respondeulle:
__E quen é, Señor, para que crea nel?
- 37Díxolle Xesús:
__Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.
- 38El dixo:
__Creo, Señor.
E prostrouse diante del.
- 39Entón dixo Xesús:
__Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan, e os que ven se volvan cegos.
- 40Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle:
__E, logo, nós tamén estamos cegos?
- 41Xesús contestoulles:
__Se estivésedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso pecado permanece.