OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 1
Capítulo 1
Prólogo
- 1O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo,
- 2ata o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo aos apóstolos que escollera.
Aparicións de Xesús resucitado e a súa ascensión
- 3Aos mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.
- 4E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que escoitastes de min:
- 5porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
- 6Os que estaban reunidos preguntábanlle:
__Señor, é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?
- 7El respondeulles:
__Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder.
- 8Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaria e ata os confíns da terra.
- 9En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista.
- 10E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos,
- 11que dixeron:
__Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ao ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.
A Igrexa en Xerusalén
- 12Entón volveron para Xerusalén desde o chamado monte das Oliveiras, que está cerca de Xerusalén: distante o camiño que se pode facer en sábado.
- 13Logo que chegaron, subiron ao cuarto de arriba, onde residían Pedro, Xoán, Santiago, André, Filipe, Tomé, Bartolomeu, Mateo, Santiago o de Alfeo, Simón o Celote e Xudas o de Santiago.
- 14E todos eles dedicábanse conxuntamente á oración, con algunhas mulleres e mais María a nai de Xesús e cos seus irmáns.
Elección de Matías para o lugar de Xudas
- 15Por aqueles días, Pedro, erguéndose en medio dos irmáns (había alí un grupo de xente de case cento vinte persoas), dixo:
- 16__Irmáns, conviña que se cumprise a Escritura, onde por boca de David falou o Espírito Santo acerca de Xudas, que se fixo guía dos que prenderon a Xesús:
- 17el, que foi un de nós e que tomara parte neste servizo.
- 18E velaí que comprou unha leira coa paga do crime, caeu de cabeza e, rebentando polo medio, saíronlle para fóra as entrañas.
- 19A cousa foi coñecida por todos os de Xerusalén, a tal xeito que a aquela leira quedoulle o nome (na súa lingua) de haqueldamá, que quere dicir “leira de sangue”.
- 20Porque está escrito no libro do Salmos: que fiquen a campo os seus bens e que non haxa quen os habite; e tamén que outro reciba o seu cargo.
- 21Cómpre, pois, que dos homes que nos acompañaron todo o tempo que o Señor Xesús estivo connosco,
- 22comezando desde o bautismo de Xoán ata o día en que foi levado de entre nós, un deles sexa connosco testemuña da súa resurrección.
- 23E presentaron dous: Xosé, o chamado Barsabás e por sobrenome o Xusto, e mais Matías.
- 24Daquela oraron así:
__Ti, Señor, que coñeces os corazóns de todos, amosa cal destes dous escolliches
- 25para ocupar neste servizo do apostolado o lugar que Xudas deixou para ir ao sitio que lle correspondía.
- 26Sortearon e correspondeulle a Matías, que formou grupo cos once Apóstolos.