OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 10
Capítulo 10
O Espírito abre as portas da Igrexa aos pagáns: conversión de Cornelio
- 1Había en Cesarea un home chamado Cornelio, capitán da compañía chamada Itálica.
- 2Era piadoso e seguidor da relixión xudía, así coma todos os da súa casa. Dáballe moitas esmolas ao pobo e decote oraba a Deus.
- 3A iso das tres da tarde, tivo unha visión e viu claramente o anxo do Señor entrar cabo del e dicirlle:
__Cornelio!
- 4Cheo de medo, e mirando fixo para el, respondeu:
__Que é, Señor?
O anxo respondeulle:
__As túas oracións e as túas esmolas subiron diante de Deus e tenas presentes;
- 5envía, logo, uns homes a Iope e pásalle recado a un certo Simón, tamén chamado Pedro.
- 6Está parando en cas dun tal Simón, curtidor, que ten a casa á beira do mar.
- 7Cando marchou o anxo, chamou a dous criados e un soldado piadoso dos que lle eran máis fieis,
- 8contoulles todo e mandounos a Iope.
- 9Para o outro día, indo eles de camiño e xa cerca da cidade, subiu Pedro á azotea a orar. Era polo mediodía,
- 10e sentindo fame, quixo tomar algo. Mentres llo preparaban, tivo unha éxtase:
- 11viu o ceo aberto e coma un gran lenzo, que, pendurado polas catro puntas, baixaba cara á terra.
- 12Había nel toda clase de cuadrúpedes e réptiles da terra e de todos os paxaros do ceo.
- 13Unha voz díxolle:
__Érguete, Pedro, mata e come!
- 14Mais Pedro respondeu:
__De ningunha maneira, Señor, porque nunca comín cousa impura ou profana.
- 15De novo, por segunda vez, chegoulle unha voz:
__O que Deus purificou, non o chames ti profano.
- 16Isto sucedeu por tres veces, e, de súpeto, aquel obxecto volveuse para o ceo.
- 17Estaba Pedro moi sorprendido, cavilando que quería dicir aquela visión que tivera, cando os homes mandados por Cornelio, ao acertaren coa casa de Simón, presentáronse na porta,
- 18e, dando un berro, preguntaron se paraba alí Simón, o chamado Pedro.
- 19Estando Pedro matinando na visión, díxolle o Espírito:
__Hai aí uns homes que te buscan:
- 20baixa e vaite con eles sen escrúpulos, porque os mandei eu.
- 21Pedro baixou ao encontro deles e díxolles:
__Son eu o que buscades, que é o que vos trae?
- 22Eles responderon:
__O centurión Cornelio, home cabal e adepto ao xudaísmo, moi estimado por toda a nación xudía, recibiu aviso dun santo anxo para que te mandase chamar á súa casa e que te escoitase.
- 23Entón Pedro fíxoos entrar e deulles pousada. Para o outro día levantouse e marchou con eles, acompañado por algúns irmáns de Iope,
- 24e chegou a Cesarea o día seguinte. Cornelio, que xuntara os seus parentes e amigos máis íntimos, xa os estaba agardando.
- 25Cando Pedro ía entrar, foi Cornelio á porta e botándoselle os pés, prostrouse.
- 26Pero Pedro levantouno, dicíndolle:
__Érguete, que eu tamén son un home.
- 27E, falando con el, entrou. Encontrou moita xente xunta
- 28e díxolles:
__Vós sabedes que non se lle permite a un xudeu ter trato cun estranxeiro ou entrar na súa casa; pero Deus ensinoume que non se debe chamar profano ou impuro a home ningún.
- 29Por iso, ao me chamardes, vin sen reparos. E pregúntovos, logo: Por que me mandastes chamar?
- 30Respondeulle Cornelio:
__Hai catro días, ás tres da tarde, estaba eu rezando na miña casa, cando se presentou un home con vestiduras brancas que relucían
- 31e dixo: “Cornelio, a túa oración escoitouse, e as túas esmolas recórdanse diante de Deus;
- 32manda, logo, uns homes a Iope, e manda buscar un tal Simón, tamén chamado Pedro, que para en cas Simón o curtidor, a rentes do mar”.
- 33Mandeiche axiña recado e tiveches a amabilidade de vir. Agora, todos nós estamos na presenza de Deus para oírmos todo o que o Señor che mandou.
- 34Tomou entón Pedro a palabra e dixo:
__Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas,
- 35senón que acepta ao que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.
- 36El mandoulles a súa palabra aos fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos.
- 37Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou:
- 38como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaré, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban asoballados por Satán, pois Deus estaba con el.
- 39E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro.
- 40A este resucitouno Deus ao terceiro día e concedeulle que se deixase ver,
- 41non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós que comemos e bebemos con el, logo de que resucitou de entre os mortos.
- 42E mandounos que predicásemos ao pobo e atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos.
- 43El é de quen todos os profetas dan este testemuño: cantos crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados.
- 44Aínda Pedro estaba a dicir estas cousas, cando o Espírito Santo veu sobre todos os que escoitaban a palabra.
- 45Os crentes da circuncisión, que viñeran con Pedro, ficaron cheos de asombro, ao veren que o don de Espírito Santo tamén se espallaba sobre os pagáns,
- 46pois sentíanos falar en linguas e loar a Deus. Entón Pedro dixo:
- 47__Pode alguén negarlle a auga do bautismo aos que recibiron o Espírito Santo o mesmo ca nós?
- 48E mandou que os bautizasen no nome de Xesús Cristo. Entón pedíronlle que quedase con eles algúns días.