OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 11
Capítulo 11
A Igrexa de Xerusalén acolle os pagáns conversos
- 1Os apóstolos e os irmáns da Xudea sentiron dicir que tamén os pagáns recibiran a palabra de Deus.
- 2Cando Pedro subiu a Xerusalén, os da circuncisión botábanlle na cara:
- 3__Ti fuches á casa de incircuncisos e comiches con eles!
- 4Entón Pedro explicóullelo punto por punto.
- 5__Estaba eu na cidade de Iope, orando, cando tiven en éxtase unha visión: era un obxecto talmente coma un gran lenzo, que baixaba do ceo pendurado polas catro puntas e chegou onda min.
- 6Mirando para el e observando con atención, vin os cuadrúpedes da terra, as feras, os réptiles e os paxaros do ceo;
- 7e sentín unha voz que me dicía: “Érguete, Pedro, mata e come!”.
- 8Pero eu dixen: “De ningunha maneira, Señor, porque nunca levei á boca nada profano ou impuro”.
- 9Por segunda vez sentín a voz do ceo: “O que Deus purificou, non o chames ti profano”.
- 10Isto pasou tres veces, e despois retirouse todo para o ceo.
- 11E, fixádevos, nisto preséntanse na casa onde estabamos tres homes que mandaran desde Cesarea en busca miña.
- 12Díxome entón o Espírito que fose con eles sen reparos. Viñeron tamén comigo estes seis irmáns, e entramos na casa do home,
- 13que nos contou como vira ao anxo presentárselle na súa casa e dicir: “Manda alguén a Iope a por Simón, chamado Pedro;
- 14el hache dicir palabras polas que te salvarás ti e todos os da túa casa”.
- 15E cando comezaba eu a falar, veu o Espírito Santo sobre eles talmente como veu sobre nós ao comezo.
- 16Lembrei entón as palabras do Señor, cando dicía: “Xoán bautizou con auga, pero vós bautizarédesvos co Espírito Santo”.
- 17E pois, se Deus lles concedeu o mesmo don ca a nós, por creren no Señor Xesús Cristo, quen era eu para me opoñer a Deus?
- 18Ao sentiren isto, acougaron e glorificaron a Deus, comentando:
__Daquela, Deus tamén concedeu aos pagáns o arrepentimento, para acadaren a vida!
EXPANSIÓN DA IGREXA FÓRA DE PALESTINA
A Igrexa en Antioquía. Unión coa comunidade de Xerusalén
- 19Os que se dispersaran fuxindo da persecución orixinada por causa de Estevo, chegaron ata a Fenicia, Chipre e Antioquía, sen predicaren a ninguén a palabra, agás aos xudeus.
- 20Con todo, houbo algúns de entre eles, homes de Chipre e de Cirene, que chegados a Antioquía comezaron a falar tamén cos gregos, anunciándolles a Boa Nova do Señor Xesús.
- 21A man do Señor estaba con eles e moitos creron e convertéronse ao Señor.
- 22Chegaran estas novas aos oídos da Igrexa de Xerusalén, e mandaron a Antioquía a Bernabé.
- 23Cando chegou e viu a graza de Deus, encheuse de alegría e animaba a todos a se conservaren unidos ao Señor co corazón firme,
- 24pois era un home bo, cheo de Espírito Santo e de fe. E foi moita a xente que se uniu ao Señor.
- 25Daquela, Bernabé foi a Tarso en busca de Saulo;
- 26e, cando o atopou, levouno para Antioquía. Durante un ano enteiro estiveron xuntos naquela Igrexa, adoutrinando a moita xente. Foi en Antioquía onde por primeira vez aos discípulos lles chamaron “cristiáns”.
- 27Por aqueles días baixaron a Antioquía uns profetas de Xerusalén.
- 28Un deles, chamado Agabo, ergueuse e, movido polo Espírito, anunciou que ía haber unha gran fame por toda a terra (foi a que houbo no tempo de Claudio).
- 29Os discípulos ordenaron de mandar un auxilio aos irmáns de Xudea, cadaquén conforme aos seus posibles.
- 30E así o fixeron, mandándollelo aos responsables pola man de Bernabé e de Saulo.