OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 13
Capítulo 13
PRIMEIRA VIAXE DE PAULO
O Espírito e a Igrexa de Antioquía mandan a Bernabé e Paulo á primeira viaxe misioneira
- 1Había na Igrexa de Antioquía profetas e mestres: Bernabé, Simeón chamado Níxer, Lucio de Cirene, Menahén __compañeiro de infancia do tetrarca Herodes__, e Saulo.
- 2Estando nunha reunión litúrxica con xaxún, dixo o Espírito Santo:
__Apartade a Bernabé e Saulo para a obra á que os teño chamados.
- 3Entón, logo de xaxuaren e oraren, impuxéronlles as mans e despedíronos.
En Chipre. O meigo e a conversión do procónsul
- 4Por tanto, mandados polo Espírito Santo, baixaron a Seleucia e desde alí embarcaron para Chipre.
- 5Chegados a Salamina, comezaron a anunciar a palabra de Deus nas sinagogas dos xudeus, levando a Xoán de axudante.
- 6Despois de atravesaren toda a illa ata Pafos, atoparon alí un xudeu, meigo e falso profeta, chamado Barxesús,
- 7que estaba co procónsul Serxio Paulo, home prudente. Este mandou chamar a Bernabé e Saulo, ansiando escoitar a palabra de Deus.
- 8Pero Elimas, “o meigo” (que así se traduce o seu nome), opúxoselles, procurando arredar o procónsul da fe.
- 9Entón Saulo, tamén chamado Paulo, cheo do Espírito Santo, fixando nel os seus ollos,
- 10exclamou:
__Estás cheo de andrómenas e de ruindade, fillo do demo, inimigo de todo o bo: non deixarás de torcer os camiños rectos do Señor?
- 11Pois agora vai vir sobre ti a man do Señor; ficarás cego, e non verás a luz do sol por algún tempo.
E no instante caeron enriba del a escuridade e as tebras e, tentando ao arredor, buscaba quen o guiase pola man.
- 12Entón o procónsul, vendo o sucedido, abrazou a fe, impresionado pola doutrina do Señor.
- 13Paulo e os seus compañeiros embarcaron en Pafos, e dirixíronse a Perxe de Panfilia. Pero Xoán deixounos e deu volta para Xerusalén.
A predicación de Paulo aos xudeus en Antioquía de Pisidia
- 14Eles, desde Perxe, seguiron a Antioquía de Pisidia. Un día de sábado entraron na sinagoga e sentaron.
- 15Despois da lectura da Lei e dos Profetas, os xefes da sinagoga mandáronlles dicir:
__Irmáns, se tedes algunha palabra para animar ao pobo, falade.
- 16Paulo entón, levantándose, acenoulles coa man e dixo:
__Israelitas e os que seguides ao noso Deus, escoitade:
- 17o Deus deste pobo de Israel escolleu a nosos pais e engrandeceu este pobo durante o seu exilio na terra de Exipto; despois tirounos de alí coa forza do seu brazo.
- 18Durante corenta anos soportounos no deserto,
- 19e, despois de destruír sete nacións na terra de Canaán, deulles en posesión a súa terra:
- 20isto durou uns catrocentos cincuenta anos. Despois diso deulles xuíces ata o profeta Samuel;
- 21logo pediron un rei, e Deus deulles durante corenta anos a Xaúl, fillo de Quix, da tribo de Benxamín;
- 22despois que o refugou, deulles por rei a David, de quen testemuñou dicindo: Atopei a David, fillo de Iexé, home conforme ao meu corazón, que fará en todo a miña vontade.
- 23Da súa descendencia é da que Deus, segundo a promesa, mandou un Salvador para Israel: Xesús.
- 24Antes da súa chegada, Xoán tiña proclamado a todo o pobo de Israel un bautismo de conversión,
- 25e cando estaba rematando o seu camiño, dicía: “Non son eu quen vós pensades; pero mirade, vén despois de min un de quen non son digno nin de desamalloarlle o calzado dos pés”.
- 26Irmáns, descendentes de Abraham e os que seguides ao noso Deus: é a nós a quen se nos manda esta mensaxe de salvación.
- 27É certo que os veciños de Xerusalén e os seus gobernantes descoñeceron a Xesús e, condenándoo, cumpriron as palabras dos profetas, que se len todos os sábados.
- 28Aínda que non atoparon nel nada que merecese a morte, pedíronlle a Pilatos que o mandase matar.
- 29E, cando cumpriron todo o que acerca del estaba escrito, baixárono do madeiro e puxérono nun sepulcro.
- 30Pero Deus resucitouno de entre os mortos;
- 31e durante moitos días apareceuse aos que subiran con el de Galilea para Xerusalén, que son agora as súas testemuñas diante do pobo.
- 32E nós anunciámosvos a boa nova de que a promesa feita aos nosos pais
- 33a cumpriu en nós, os seus fillos, resucitando a Xesús, conforme estaba escrito no salmo segundo: Ti es o meu Fillo: eu xereite hoxe.
- 34E que o resucitou de entre os mortos, para non volver nunca mais á morte, díxoo así: Heivos conceder os beneficios asegurados a David.
- 35Por iso di noutra pasaxe: Non permitirás que o teu Santo experimente a corrupción.
- 36Ora ben, David, logo de cumprir no seu tempo o plan de Deus, morreu, xuntouse con seus pais e experimentou a corrupción,
- 37mentres que aquel que Deus resucitou non coñeceu corrupción ningunha.
- 38Sabede, logo, irmáns, que por medio del se vos anuncia o perdón dos pecados, e que de todo aquilo do que vós non vos puidestes xustificar mediante a Lei de Moisés,
- 39 mediante el pode xustificarse todo o que cre.
- 40Moito coidadiño de que non vos pase o que din os Profetas:
- 41Mirade, os escépticos,
- para que vos pasmedes e caledes,
- vou facer nos vosos días tal obra,
- que, se vola contan, non a credes!
- 42Ao saíren, pedíanlles que, para o outro sábado, lles seguisen falando do mesmo asunto.
- 43Cando se desfixo a asemblea, moitos xudeus e prosélitos practicantes seguiron a Paulo e Bernabé, que, falando con eles, os animaban a perseverar na graza de Deus.
Paulo e Bernabé diríxense aos pagáns de Antioquía de Pisidia
- 44O outro sábado xuntouse case toda a cidade para escoitar a palabra de Deus;
- 45pero os xudeus enchéronse de envexa, ao veren tanta xente, e opoñíanse con insultos ao que Paulo dicía.
- 46Entón Paulo e Bernabé dixeron ousadamente:
__Tiñamos que anunciarvos a palabra de Deus primeiro a vós; pero, visto que a refugades e non vos considerades dignos da vida eterna, volvémonos cara aos pagáns,
- 47pois así nolo mandou o Señor:
- Púxente como luz dos xentís,
- para levares a salvación
ata os confíns da terra.
- 48Os pagáns, sentindo isto, enchíanse de alegría, loando a mensaxe do Señor; e todos os que estaban destinados á vida eterna, creron.
- 49Deste xeito a palabra de Deus espallábase por toda a bisbarra.
- 50Pero os xudeus encirraron ás señoras de alta categoría que eran devotas e aos principais da cidade e promoveron unha persecución contra Paulo e Bernabé, expulsándoos do seu territorio.
- 51Estes, sacudindo contra eles o po dos seus pés, marcharon para Iconio,
- 52mentres os discípulos ficaban cheos de alegría e do Espírito Santo.