OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 15
Capítulo 15
O CONCILIO DE XERUSALÉN
A fe en Xesús e a Lei de Moisés
- 1Algúns que baixaron desde Xudea ensinaban aos irmáns: se non vos circuncidades conforme á tradición de Moisés, non vos podedes salvar.
- 2Como se orixinou un desacordo e unha disputa non pequena de Paulo e Bernabé contra eles, acordaron que Paulo, Bernabé e algúns outros subisen a Xerusalén a tratar a cuestión cos apóstolos e os responsables.
- 3Así que a Igrexa deulles o preciso para a viaxe e eles atravesaron Fenicia e Samaria, relatando como se convertían os pagáns e alegrando así a todos os irmáns.
O concilio de Xerusalén: a cuestión da Lei
- 4Ao chegaren a Xerusalén, recibiunos a Igrexa, os apóstolos e os responsables e eles contaron todo o que Deus levaba feito con eles.
- 5Pero erguéronse algúns da seita dos fariseos, que creran, e dicían:
__Cómpre circuncidalos e mandarlles cumprir a Lei de Moisés.
- 6Entón os apóstolos e os responsables xuntáronse para examinaren a cuestión.
- 7E, despois de moito discutiren, ergueuse Pedro e díxolles:
__Irmáns, ben sabedes que desde os primeiros días me escolleu Deus de entre vós para que os pagáns oísen pola miña boca a palabra da Boa Nova e cresen.
- 8E Deus, que coñece os corazóns, testemuñou en favor deles, dándolles o Espírito Santo coma a nós.
- 9Non fixo ningunha discriminación entre eles e nós, pois purificou o seu corazón pola fe.
- 10Por que, logo, tentades a Deus, querendo cangar no pescozo dos discípulos un xugo que nin nosos pais nin nós fomos quen de aturar?
- 11Non: nós cremos que nos salvamos pola graza do Señor Xesús e que eles se salvan igualiño ca nós.
- 12Toda a asemblea ficou en silencio e escoitaban como Bernabé e Paulo contaban todos os sinais e prodixios realizados por Deus entre os pagáns por medio deles.
- 13Cando calaron, falou Santiago, dicindo:
__Irmáns, escoitádeme:
- 14Simeón contou como desde o principio Deus procurou entre os pagáns un pobo para si,
- 15e con isto cadran as palabras dos Profetas, conforme está escrito:
- 16Logo disto hei volver
- e reconstruirei a tenda caída de David,
- reedificarei as súas ruínas
- e poñereina en pé,
- 17para que o resto dos homes
- busquen ao Señor,
- así como todas as nacións
- que xa invocan o meu nome:
dío o Señor, - 18que deu a coñecer
estas cousas desde tempos antigos.
- 19Por iso coido que non se debe importunar aos que de entre os pagáns se converten a Deus;
- 20chega con escribirlles que se absteñan das contaminacións dos ídolos, das unións deshonestas, das carnes afogadas e do sangue;
- 21pois Moisés ten desde tempos antigos predicadores en cada cidade e todos os sábados o lemos nas sinagogas.
Resolución do Concilio
- 22Entón os apóstolos e os responsables, de acordo con toda a Igrexa, decidiron elixir algúns de entre eles e mandalos a Antioquía, xunto con Paulo e Bernabé: Xudas, chamado Barsabás, e Silas, homes que destacaban entre os irmáns.
- 23E por medio deles mandaron esta carta:
“Os irmáns apóstolos e responsables saúdan aos irmáns de orixe pagá, que están en Antioquía, Siria e Cilicia.
- 24Somos sabedores de que algúns, saídos de aquí e a quen non demos mandato ningún, andan por aí desacougándovos coas súas palabras;
- 25decidimos escoller uns delegados e mandárvolos, xunto cos nosos benqueridos Bernabé e Saulo,
- 26que teñen dedicado a súa vida á causa de noso Señor Xesús Cristo.
- 27Mandámosvos, logo, a Xudas e Silas, que vos dirán de palabra as mesmas cousas.
- 28Porque decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non impoñervos máis cargas ca as precisas:
- 29absterse de carnes ofrecidas aos ídolos, do sangue, de animais afogados e da unión deshonesta. Faredes ben en gardarvos destas cousas. Saúde”.
- 30Déronlles o encargo e baixaron a Antioquía, onde reuniron á xente e entregaron a carta;
- 31ao que a leron, alegráronse con aquel consolo.
- 32Xudas e Silas, que eran profetas, con moitas palabras, animaban e fortalecían a fe dos irmáns.
- 33Ao cabo dun tempo, os irmáns déronlles a paz de despedida, pois volvían onda quen os mandaron.
- 35Paulo e Bernabé quedaron en Antioquía, ensinando e predicando con moitos outros a palabra do Señor.
EXPANSIÓN DA IGREXA POLO MUNDO GREGO
SEGUNDA VIAXE DE PAULO
Separación de Paulo e Bernabé. Segunda viaxe misioneira
- 36De alí a uns días, díxolle Paulo a Bernabé:
__Volvamos visitar os irmáns en todas as cidades nas que anunciamos a palabra do Señor, para vermos como lles vai.
- 37Bernabé quería levar tamén a Xoán, o chamado Marcos,
- 38pero Paulo coidaba que non o debían levar, porque se separara deles na Panfilia e non participara no traballo.
- 39Alporizáronse a tal punto, que se apartaron un do outro: Bernabé colleu a Marcos con el, e embarcou para Chipre;
- 40Paulo, pola súa banda, escolleu a Silas e, encomendado polos irmáns á graza do Señor, marchou
- 41atravesando Siria e Cilicia e animando ás comunidades.