OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 16
Capítulo 16
Timoteo únese á misión de Paulo
- 1Chegou tamén a Derbe e Listra. Había alí un discípulo, chamado Timoteo, fillo dunha xudía crente e de pai grego,
- 2do que falaban ben os irmáns de Listra e de Iconio.
- 3Paulo quixo que fose con el e circuncidouno por mor dos xudeus daquela bisbarra, pois todos sabían que o pai era grego.
- 4Polas cidades que pasaban transmitíanlles as decisións tomadas polos apóstolos e responsables en Xerusalén, para que as cumprisen.
- 5Deste xeito as Igrexas quedaban confirmadas na fe e medraban en número cada día.
- 6Impedidos polo Espírito Santo de predicar a mensaxe en Asia, atravesaron Frixia e a rexión de Galacia;
- 7chegados de fronte a Misia, tentaron de entrar en Bitinia; pero o Espírito de Xesús non llelo permitiu:
- 8así que, atravesando Misia, baixaron a Tróade.
- 9Durante a noite, Paulo tivo unha visión: estaba alí de pé un macedonio, suplicándolle:
__Pasa a Macedonia e axúdanos!
- 10Logo desta visión procuramos partir decontado para Macedonia, sabedores de que Deus nos chamaba a lles anunciar a Boa Nova.
Conversión de Lidia
- 11Embarcamos en Tróade, dereitos a Samotracia; para o outro día, a Neápolis,
- 12e de alí a Filipos, que era das principais cidades da rexión de Macedonia. Alí aínda botamos uns días.
- 13O día de sábado saímos fóra da porta cara á beira dun río, onde supoñiamos que había un lugar de oración; sentamos e comezamos a falar coas mulleres que se xuntaban alá.
- 14Unha delas, que se chamaba Lidia, tratante en púrpura, da cidade de Tiatira, que seguía o xudaísmo, púxose a escoitar, e o Señor abriulle o corazón, para que fixese caso do que dicía Paulo.
- 15Despois de se bautizar cos seus, rogábanos así:
__Se me tedes por unha fiel do Señor, vide parar na miña casa.
E obrigounos.
Prisión de Paulo e Silas
- 16Un día pasounos que, indo nós cara ao sitio da oración, atopamos unha escrava que tiña espírito de adiviña e dáballes moitos cartos aos seus amos coas súas adiviñacións.
- 17Seguíanos a Paulo e a nós, berrando:
__Estes homes son servos do Deus Altísimo, que vos anuncian o camiño da salvación.
- 18Levaba así moitos días. Entón Paulo, xa farto, volveuse e díxolle ao espírito:
__Ordénoche, no nome de Xesús Cristo, que saias desa muller!
E no mesmo instante saíu.
- 19Vendo os amos que se lles ía a esperanza do negocio, botaron man de Paulo e Silas e arrastráronos á praza pública á presenza dos xuíces.
- 20Presentáronos ás autoridades, dicindo:
__Estes homes andan perturbando a nosa cidade: son xudeus
- 21e predican uns costumes que como romanos non podemos admitir nin practicar.
- 22A xente arrepúxose en contra deles; e os pretores, despois de facer que os espisen, mandáronos azoutar con vergallos.
- 23Cando xa lles deran moitas vergalladas, metéronos na prisión, ordenándolle ao carcereiro que os gardase con moito tino.
- 24El, ao recibir tal orde, meteunos na cela de castigo e prendeulles os pés co cepo.
Conversión do carcereiro. Liberación e partida
- 25Pola media noite, Paulo e Silas oraban, cantando loanzas a Deus. Os outros presos escoitaban.
- 26De súpeto veu un terremoto tan grande que abalaron os alicerces da prisión; de golpe abríronse as portas todas e desprendéronse as cadeas de todos eles.
- 27Cando acordou o carcereiro e viu abertas as portas da prisión quitou a espada para se matar, coidando que os presos xa fuxiran;
- 28pero Paulo berroulle:
__Non te firas, que estamos todos aquí!
- 29El pediu unha luz, entrou dentro e, tremendo, botouse aos pés de Paulo e de Silas,
- 30levounos para fóra e díxolles:
__Señores, que teño que facer para me salvar?
- 31Respondéronlle:
__Cre no Señor Xesús e salvaraste ti e mais os da túa casa.
- 32E anunciáronlles a palabra do Señor, a el e mais a todos os da súa casa.
- 33E naquela mesma hora da noite levounos consigo, lavoulles as feridas e seguidamente bautizouse el e todos os seus.
- 34Despois fíxoos subir á súa casa, preparoulles a mesa, e celebraron unha festa por crer en Deus con todos os da súa casa.
- 35Ao facerse día, os pretores mandaron os alguacís para lle dicir ao carcereiro:
__Ceiba a eses homes!
- 36Entón o carcereiro transmitiu a Paulo a mensaxe:
__Os pretores mandan dicir que vos poña en liberdade; saíde, logo, e marchade en paz.
- 37Pero Paulo replicoulles:
__Ou sexa, que primeiro nos azoutan á vista de todo o mundo, despois métennos no cárcere sen xuízo, a nós, que somos cidadáns romanos, e agora quérennos botar ás agachadas? Pois non. Que nos veñan ceibar eles en persoa.
- 38Os alguacís fóronlles dar o recado aos pretores, que colleron medo ao sentiren dicir que eran cidadáns romanos.
- 39Fóronlles pedir desculpas e, acompañándoos para fóra, pedíronlles que marchasen da cidade.
- 40Ao saíren do cárcere, foron á casa de Lidia; viron aos irmáns, animáronos e marcharon.