OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 17
Capítulo 17
En Tesalónica. Problemas cos xudeus
- 1Atravesando por Anfípolis e Apolonia, chegaron a Tesalónica, onde había unha sinagoga dos xudeus.
- 2Como de costume, Paulo foi para onda eles e durante tres sábados discutiron. Apoiándose nas Escrituras,
- 3explicáballes que o Mesías tiña que sufrir e resucitar de entre os mortos, e que “ese Mesías é Xesús, a quen eu vos anuncio”.
- 4Algúns deles convencéronse e uníronse a Paulo e Silas, así coma moitos gregos seguidores do xudaísmo e bastantes mulleres de categoría.
- 5Porén, os xudeus, cheos de envexa, xuntando algúns pillabáns dos peoriños, armaron un rebumbio na cidade, e presentáronse en casa de Iasón en busca deles, para levalos diante do pobo.
- 6Como non os encontraron, arrastraron a Iasón e algúns dos irmáns diante das autoridades locais, berrando:
__Eses, que andan revolucionando o mundo enteiro, tamén viñeron aquí,
- 7e Iasón recibiunos na súa casa. Todos van contra os decretos do emperador, dicindo que é rei un tal Xesús.
- 8Con isto desconcertaron ao pobo e ás autoridades locais que tal oían.
- 9Pero, despois de recibiren unha fianza de Iasón e dos demais, soltáronos.
En Berea. Boa acollida
- 10E axiña, de noite, os irmáns fixeron marchar a Paulo e Silas cara a Berea. Ao chegaren, dirixíronse á sinagoga dos xudeus.
- 11Estes eran máis nobres ca os de Tesalónica e recibiron a palabra con todo interese, investigando todos os días as Escrituras, para veren se aquilo era así.
- 12Moitos deles creron e tamén bastantes señoras gregas das máis distinguidas, así coma os homes.
- 13Cando os xudeus de Tesalónica souberon que tamén en Berea anunciara Paulo a palabra de Deus, foron alí enlizar e axitar á xente.
- 14Entón os irmáns, sen tardar, mandaron a Paulo cara ao mar. Silas e Timoteo ficaron alí.
Paulo en Atenas
- 15Os que conducían a Paulo, levárono a Atenas e volveron coa encomenda de que Silas e Timoteo fosen con todo o apuro onda el.
- 16Mentres Paulo agardaba por eles en Atenas, consumíase por dentro, vendo que a cidade estaba chea de ídolos.
- 17Comezou, logo, a discutir na sinagoga cos xudeus e os seguidores do xudaísmo, e na praza todos os días cos que aparecían por alí.
- 18Algúns filósofos epicúreos e estoicos conversaban con el; uns dicían:
__Que quererá dicir este lingoreteiro?
E outros:
__Parece ser un predicador de deuses estranxeiros. (É que anunciaba a Xesús e a resurrección).
- 19Entón levárono con eles ao Areópago, dicíndolle:
__Podemos saber que é esa nova doutrina que ensinas?
- 20Porque ti dis cousas que nos sorprenden e queremos saber de que se trata.
- 21(Os atenienses e estranxeiros que vivían alí pasaban o tempo contando ou escoitando a última novidade).
Discurso de Paulo no Areópago
- 22Entón Paulo, de pé no medio do Areópago, dixo:
__Atenienses, vexo en todo que sodes moi relixiosos,
- 23pois andando por aí e mirando para os vosos monumentos de culto, incluso atopei un altar con esta inscrición: “Ao deus descoñecido”. Ben, pois o que venerades sen o coñecer, é o que eu vos anuncio:
- 24o Deus que fixo o mundo e todo o que nel hai; o Señor do ceo e mais da terra, non habita en santuarios feitos pola man dos homes,
- 25nin o serven mans humanas, coma se precisase de cousa ningunha El, que a todos dá vida e alento.
- 26Dun só home quitou a raza humana, para que habitasen toda a terra, e estableceu os lindeiros dos seus tempos e mais dos seus territorios,
- 27para que o buscasen a El e o encontrasen, aínda que fose atoutiñando. En realidade non está lonxe de cada un de nós,
- 28posto que nel vivimos, nos movemos e existimos, como algúns dos vosos poetas dixeron: “porque somos incluso da súa caste”.
- 29Así que, sendo da liñaxe de Deus, non debemos pensar que a divindade sexa semellante ao ouro, á prata ou á pedra, traballados pola maña e a imaxinación do home.
- 30Ora ben, pasando por alto os tempos de ignorancia, agora manda Deus aos homes que todos e en todas partes se arrepintan.
- 31Porque estableceu un día no que ha xulgar o mundo con xustiza por medio do home que El determinou, dándonos a todos a garantía disto, resucitándoo de entre os mortos.
- 32Ao sentiren falar de resurrección de mortos, uns burlábanse e outros dicíanlle:
__Ben, home, ben! Diso xa te escoitaremos noutra ocasión.
- 33Con estas, Paulo marchou do medio deles.
- 34Mesmo así, xuntáronselle algúns homes e creron, entre eles Dionisio Areopaxita, unha muller chamada Dámaris e outros.