OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 18
Capítulo 18
Paulo en Corinto. Problemas cos xudeus
- 1Despois disto Paulo deixou Atenas e foise para Corinto.
- 2Alí atopou un xudeu chamado Áquila, natural do Ponto, que acababa de chegar de Italia con Priscila, a súa muller, por cousa dun edicto de Claudio, que mandaba que todos os xudeus marchasen de Roma. Xuntouse con eles,
- 3e como eran do mesmo oficio, quedou a traballar na casa deles (eran tecedores de lonas).
- 4Cada sábado discutía na sinagoga, tratando de convencer a xudeus e a gregos.
- 5Cando Silas e Timoteo chegaron de Macedonia, Paulo dedicouse de cheo á palabra, atestando perante os xudeus que Xesús é o Mesías.
- 6Pero como eles se lle repoñían xurando, díxolles, sacudindo a roupa:
__Que o voso sangue veña sobre a vosa cabeza! Eu non teño culpa. De agora en diante voume aos pagáns.
- 7E marchando de alí, foi á casa dun tal Ticio Xusto, seguidor do xudaísmo, que vivía a carón da sinagoga.
- 8Crispo, o xefe da sinagoga, creu no Señor con toda a súa familia, e moitos corintios que escoitaban a Paulo abrazaron a fe e bautizáronse.
- 9Unha noite, en visión, díxolle o Señor a Paulo:
__Non recees, sigue falando e non cales;
- 10que eu estou contigo e ninguén arremeterá contra ti, que teño un pobo numeroso nesta cidade.
- 11Entón botou alí ano e medio, ensinándolles a palabra de Deus.
- 12Sendo Galión procónsul de Acaia, os xudeus todos á xunta foron contra Paulo e levárono diante do tribunal,
- 13dicindo:
__Este home anda a convencer na xente para que dean culto a Deus dun xeito contrario á Lei.
- 14Aínda Paulo non abrira a boca e Galión díxolles aos xudeus:
__Se se tratase dalgunha inxustiza ou delito grave, sería de razón atendervos con paciencia;
- 15pero como é cuestión de palabras, de nomes e da vosa Lei, amañádevos vós. Eu non quero ser xuíz desas cousas.
- 16E mandounos saír do tribunal.
- 17Entón, botaron man de Sóstenes, o xefe da sinagoga, e déronlle unha malleira diante do tribunal, pero Galión non quixo saber nada.
Regreso a Antioquía por Éfeso
- 18Paulo aínda botou alí ben días. Despois despediuse dos irmáns e embarcou para Siria en compaña de Priscila e Áquila. En Céncreas rapou a cabeza, porque se ofrecera.
- 19Chegaron a Éfeso e alí separáronse. Entrou na sinagoga e discutía cos xudeus;
- 20pedíronlle que ficase máis tempo, pero el non quixo,
- 21e despediuse, dicindo:
__Hei volver onda vós, se Deus quere.
E marchou de Éfeso.
- 22Logo de desembarcar en Cesarea, subiu a saudar á Igrexa e baixou a Antioquía.
TERCEIRA VIAXE DE PAULO
- 23Pasado algún tempo, marchou e percorreu sucesivamente o país gálata e a Frixia, fortalecendo a todos os discípulos.
Predicación de Apolo en Éfeso e Corinto
- 24Chegou a Éfeso un xudeu chamado Apolo, natural de Alexandría, que falaba moi ben e dominaba as Escrituras.
- 25Instruírase no camiño do Señor e con espírito afouto predicaba e ensinaba con exactitude no tocante a Xesús, aínda que só coñecía o bautismo de Xoán.
- 26Púxose a falar barilmente na sinagoga. Priscila e Áquila, que o sentiran, levárono consigo e expuxéronlle con máis precisión o camiño de Deus.
- 27Como el quería ir para Acaia, os irmáns animárono e escribíronlles aos discípulos, para que o acollesen. De chegado, foilles de gran axuda aos que pola graza abrazaran a fe,
- 28pois con forza refutaba en público aos xudeus, demostrando polas Escrituras que Xesús era o Mesías.