OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 2
Capítulo 2
O día de Pentecoste os Apóstolos reciben o Espírito Santo
- 1Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio.
- 2De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento, que encheu toda a casa onde estaban;
- 3e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles.
- 4Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.
- 5Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra.
- 6Ao se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua.
- 7Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros:
__Olla! E todos estes que están aí a falar non son galileos?
- 8E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo?
- 9Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia,
- 10Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos,
- 11cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus.
- 12Estaban todos pasmados de admiración e dicíanlles uns a outros:
__Que será isto?
- 13Outros facían riso deles e dicían:
__Están cheos de viño!
Discurso de Pedro
- 14Pero Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e díxolles:
__Xudeus e todos os que habitades en Xerusalén: Entendede ben e escoitade as miñas palabras.
- 15Non é que estes estean bebidos, como vós pensades, sendo como son as nove da mañá;
- 16senón que isto é o que dixera o profeta Xoel:
- 17Acontecerá, nos derradeiros días,
- di o Señor,
- que espallarei o meu Espírito
- sobre toda carne:
- os vosos fillos e as vosas fillas profetizarán,
- os vosos mozos terán visións
e os vosos vellos terán soños.
- 18Neses días espallarei o meu Espírito
- sobre os meus servidores e servidoras
- e profetizarán.
- 19Farei marabillas, enriba nos ceos,
- e sinais embaixo na terra:
- Sangue e lume e bafaradas de fume.
- 20O sol converterase en tebras
- e a lúa en sangue,
- antes que chegue o día do Señor,
- grande e glorioso;
- 21e todo o que invoque
o nome do Señor será salvo.
- 22Israelitas, escoitade: Fálovos de Xesús de Nazaré, home acreditado por Deus ante vós por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por el entre vós, como vós mesmos sabedes;
- 23a este, entregado conforme ao plan establecido e á previsión de Deus, matástelo crucificándoo por man de impíos.
- 24Pero Deus resucitouno, librándoo das dores da morte, pois non era posible que ficase baixo o seu dominio.
- 25Xa David di del:
- Eu vía decote o Señor diante miña,
- xa que está á miña dereita,
- para que eu non vacile;
- 26por iso alegrouse o meu corazón
- e aledouse a miña lingua,
- e mesmo a miña carne
- acougará esperanzada;
- 27porque non abandonarás
- a miña alma no sitio dos mortos
- nin permitirás que o teu santo
- vexa a corrupción.
- 28Déchesme a coñecer camiños de vida,
encherasme de gozo coa túa presenza.
- 29Irmáns, permitide que vos diga claramente que o patriarca David morreu e enterrárono e o seu sepulcro aínda está hoxe entre nós.
- 30Pero, como el era profeta e sabía que Deus lle asegurara con xuramento que un descendente do seu sangue había sentar no seu trono,
- 31en visión profética falou da resurrección do Mesías, que nin quedou abandonado entre os mortos nin a súa carne viu a corrupción.
- 32A este Xesús resucitouno Deus, cousa da que todos nós somos testemuñas.
- 33E agora, engrandecido pola dereita de Deus e recibido do Pai o prometido Espírito Santo, espallouno, que é o que vós vedes e sentides.
- 34Porque David non subiu ao ceo, e sen embargo di:
- Díxolle o Señor ao meu Señor:
- senta á miña dereita,
- 35ata que poña os teus inimigos
coma estrado para os teus pés.
- 36Saiba, logo, con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este Xesús a quen vós crucificastes.
Primeiros bautizos
- 37Ao sentiren isto, quedaron moi impresionados e dixéronlle a Pedro e aos outros apóstolos:
__Irmáns, que debemos facer?
- 38Pedro respondeulles:
__Arrepentídevos e que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiredes o don do Espírito Santo.
- 39Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para todos os que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus.
- 40Con moitas outras palabras testificaba e animábaos, dicindo:
__Salvádevos desta xeración ruín!
Vida dos primeiros cristiáns
- 41Os que recibiron a súa palabra foron bautizados: e ese mesmo día xuntáronselles arredor de tres mil almas.
- 42Eran perseverantes en escoitar a ensinanza dos apóstolos, na comuñón da vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións.
- 43Apoderouse de todos o respecto, pois os apóstolos facían moitas marabillas e sinais.
- 44Todos os crentes vivían unidos e tiñan todo en común:
- 45vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme ás necesidades de cada un.
- 46Todos a unha asistían diariamente ao templo, partían o pan nas casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón;
- 47loaban a Deus, e eran ben vistos por todo o pobo. Cada día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ao grupo.