OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 20
Capítulo 20
Regreso de Paulo a Siria, pasando por Macedonia
- 1Cando pasou o boureo, Paulo mandou chamar polos discípulos, animounos, despediuse deles e marchou cara a Macedonia.
- 2Despois de percorrer aquela bisbarra, animándoos moito, chegou a Grecia,
- 3onde botou tres meses. Cando estaba para embarcar cara a Siria, como os xudeus lle argallaran unha emboscada, resolveu volver por Macedonia.
- 4Levaba de compañeiros a Sópatro, fillo de Pirro, natural de Berea, aos tesalonicenses Aristarco e Segundo, Gaio de Derbe, Timoteo e os asiáticos Tíquico e Trófimo.
- 5Estes adiantáronse e esperaron polos outros en Tróade.
- 6Pola nosa banda, embarcamos en Filipos despois das festas da Pascua, e logo de cinco días fomos dar con eles en Tróade, quedando alí sete días.
En Tróade: o rapaz accidentado
- 7O domingo estabamos reunidos para partir o pan. Paulo, que ía marchar para o outro día, comezou a falar con eles e prolongou a prédica ata a media noite.
- 8Había moitas lámpadas no cuarto alto, onde estabamos reunidos.
- 9A un rapaz, chamado Eutiquio, que estaba sentado na fiestra, foille pegando o sono, mentres Paulo alongaba a súa leria; e así que adormeceu de vez, caeu en baixo desde o terceiro piso e recollérono morto.
- 10Paulo baixou, botouse sobre el e, apertándoo, dixo:
__Non vos asustedes, que aínda alenta.
- 11Subiu, partiu o pan e comeuno e, despois de conversar aínda ben tempo ata o amencer, marchou.
- 12Entón levaron o rapaz vivo e tiveron un gran consolo.
- 13Pola nosa banda, adiantámonos a embarcar rumbo a Asos, onde tiñamos que recoller a Paulo, pois el dispuxera facer a viaxe por terra.
- 14Cando nos alcanzou en Asos, recollémolo a bordo, e chegamos a Mitilene;
- 15de alí fixémonos á vela, e ao outro día chegamos fronte a Quíos. Para o outro día navegamos a Samos, e para o outro chegamos a Mileto.
Despedida dos presbíteros de Éfeso en Mileto
- 16Paulo tiña decidido pasar por Éfeso de largo, para non perder tempo en Asia. Apuraba por ver de estar en Xerusalén o día de Pentecoste.
- 17Desde Mileto, mandou chamar polos responsables da Igrexa de Éfeso.
- 18Cando chegaron cabo del, díxolles:
__Ben sabedes como me portei convosco desde o primeiro día que cheguei a Asia,
- 19servindo ao Señor con toda humildade no medio das bágoas e probas que me viñeron das maquinacións dos xudeus;
- 20non tiven reparo en instruírvos e predicarvos, publicamente e polas casas, todo o que vos fose de proveito,
- 21insistindo solemnemente a xudeus e gregos que se convertesen a Deus pola fe no noso Señor Xesús.
- 22E agora vouvos a Xerusalén, obrigado polo Espírito, sen saber o que me espera;
- 23só sei que o Espírito Santo me avisa de cidade en cidade que me agardan cadeas e tribulacións.
- 24Pero non estimo en nada a miña vida, con tal que poida rematar a miña carreira e o servizo que me encomendou o Señor Xesús: dar testemuño da Boa Nova da graza de Deus.
- 25Sei que ninguén de vós, entre os que pasei predicando o Reino, me volverá ver.
- 26Por iso, asegúrovos hoxe que non me sinto responsable da perdición de ninguén,
- 27porque non me gardei de anunciarvos todo o plan de Deus.
- 28Coidade de vós e de todo o rabaño do que o Espírito Santo vos constituíu inspectores, para pastoreardes a Igrexa que Deus comprou co sangue do seu propio Fillo.
- 29Xa sei que despois da miña marcha se han meter entre vós lobos carniceiros, que non terán mágoa do rabaño.
- 30E incluso de entre vós mesmos sairán homes que ensinarán cousas perversas, para arrastraren os discípulos tras eles.
- 31Por iso, vixiade, lembrándovos que, por tres anos, día e noite, non parei de vos aconsellar con bágoas a cada un de vós.
- 32Eu déixovos nas mans de Deus e da súa palabra de graza: El ten poder para construír e darvos a herdanza entre todos os santificados.
- 33Non cobicei de ninguén prata, ouro nin roupa:
- 34ben sabedes todos que para as miñas necesidades e as dos meus compañeiros gañaron abondo estas miñas mans.
- 35En todo vos mostrei que é, traballando así, como cómpre valerlles aos necesitados, recordando as palabras do Señor Xesús, que dixo: “É máis felicidade dar que recibir”.
- 36En dicindo isto, axeonllouse con todos eles, e rezou.
- 37Todos choraron moito e, dábanlle apertas e bicos a Paulo,
- 38aflixidos, sobre todo porque lles dixera que non o ían ver máis. E foron con el ata o barco.