OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 21
Capítulo 21
A viaxe a Xerusalén
- 1Despois de nos separarmos deles, embarcamos e fomos dereitos cara a Cos; ao día seguinte, a Rodas; e de alí, a Pátara.
- 2Encontramos un barco que ía facer a travesía a Fenicia, embarcamos nel e seguimos a viaxe.
- 3Chegando a dexergar Chipre, que deixamos á esquerda, navegamos para Siria e chegamos a Tiro, pois alí tiña que descargar o barco.
- 4Atopamos os discípulos e paramos alí sete días. Eles, movidos polo Espírito, dicíanlle a Paulo que non subise a Xerusalén.
- 5Pasados aqueles días, partimos. Todos, xunto coas mulleres e mais os fillos, nos acompañaron ata as aforas da cidade e, postos de xeonllos na praia, rezamos.
- 6Despois de nos despedirmos uns dos outros, nosoutros embarcamos e eles volveron para as súas casas.
- 7Nós, rematando a travesía, fomos de Tiro a Ptolemaida, saudamos os irmáns e quedamos un día con eles.
- 8Marchamos para o outro día. Chegamos a Cesarea e, entrando na casa do evanxelista Filipe, un dos Sete, paramos onda el.
- 9Filipe tiña catro fillas virxes, que falaban inspiradas.
- 10Botamos alí bastantes días e baixou de Xudea un profeta, chamado Agabo,
- 11que nos veu ver e, tomando o cinto de Paulo, atouse de pés e mans, dicindo:
__Isto di o Espírito Santo: “Así atarán os xudeus en Xerusalén ao dono deste cinto e entregarano nas mans dos pagáns”.
- 12Ao sentirmos isto, nós e os do lugar insistiámoslle a Paulo que non subise a Xerusalén.
- 13Daquela respondeu Paulo:
__A que vén tanto pranto? Seica me queredes desmoralizar? Eu estou disposto non só a deixarme atar, senón tamén a morrer en Xerusalén polo nome do Señor Xesús.
- 14E, como non se deixaba convencer, desistimos, dicindo:
__Que se faga a vontade do Señor!
PAULO PRESO EN XERUSALÉN
- 15Pasados aqueles días e feitos os preparativos, subimos a Xerusalén.
- 16Viñeron connosco algúns discípulos de Cesarea, e leváronnos a pousar á casa dun certo Nasón, chipriota, discípulo desde o comezo.
- 17Chegados a Xerusalén, os irmáns recibíronnos con alegría.
Visita a Santiago
- 18Para o outro día, foi Paulo connosco cabo de Santiago, e estaban presentes todos os responsables.
- 19Logo de os saudar, contoulles unha por unha as cousas que Deus fixera entre os pagáns polo seu ministerio.
- 20Ao sentilo, glorificaron a Deus, pero dixéronlle:
__Xa ves, irmán, os milleiros de xudeus que abrazaron a fe, e todos son celosos defensores da Lei;
- 21pero de ti sentiron dicir que ensinas a todos os xudeus que están entre os pagáns a se apartaren de Moisés, dicindo que non circunciden os seus fillos nin sigan as tradicións.
- 22Que imos facer agora? Todos saberán que chegaches.
- 23Fai logo o que che dicimos: hai aquí catro homes que están ofrecidos;
- 24lévaos canda ti, purifícate con eles e paga por eles para que rapen a cabeza e que todos saiban que non hai nada do que se di, senón que ti mesmo es un practicante da Lei.
- 25No que toca aos pagáns que abrazaron a fe, mandámoslles por escrito a nosa decisión: que se garden das carnes sacrificadas aos ídolos, do sangue, das carnes sen desangrar e das unións deshonestas.
- 26Entón Paulo, para o outro día, levou consigo aqueles catro homes, purificouse xunto con eles e entrou no templo para avisar cando acababan os días da purificación e tocaba presentar a ofrenda por cada un deles.
Motín contra Paulo e detención
- 27Cando estaban para se cumprir os sete días, os xudeus da Asia, que o viran no templo, encirraron a todo o persoal e botáronlle as mans,
- 28berrando:
__Israelitas, axudádenos! Este é o home que por todos os sitios anda ensinando a todos en contra do pobo, da Lei e deste lugar; e para máis meteu uns gregos no templo, profanando este lugar santo.
- 29(Vírano antes pola cidade co efesio Trófimo e coidaban que Paulo o metera no templo).
- 30O boureo correuse por toda a cidade, e apareceu xente por todas as partes. Agarraron a Paulo, arrastrárono fóra do templo e pecharon as portas.
- 31Estaban para o mataren, cando lle chegou a noticia ao xefe da gornición militar de que toda Xerusalén estaba en revolta.
- 32Decontado colleu soldados e oficiais e baixou correndo cara a eles. Estes, ao velos, deixaron de mallar en Paulo.
- 33Cando chegou, o tribuno colleuno, mandouno prender con dúas cadeas e preguntoulles quen era e o que fixera.
- 34Pero de entre a xente cada un berraba súa cousa. Non podendo saber nada seguro, debido ao balbordo, mandouno levar para o cuartel.
- 35Ao chegaren ás escadas, era tal a violencia da xente, que o tiveron que levar en peso os soldados,
- 36pois a xente seguía a berrar:
__Que morra!
- 37Cando o ían meter no cuartel, díxolle Paulo ao tribuno:
__Podo falarche unhas palabras?
El preguntoulle:
__Sabes grego?
- 38Entón ti non es o exipcio que hai pouco sublevou e levou ao deserto catro mil guerrilleiros?
- 39Respondeulle Paulo:
__Eu son un xudeu de Tarso, cidadán dunha coñecida cidade de Cilicia. Rógoche que me permitas falarlle á xente.
- 40Deulle permiso, e Paulo, de pé nas escadas, acenou coa man pedíndolle silencio á xente. Fíxose un gran silencio e díxolles isto en lingua hebrea.