OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 22
Capítulo 22
Discurso de Paulo aos xudeus de Xerusalén
- 1__Irmáns e pais, escoitade agora a miña defensa diante de vós.
- 2(Ao sentilo falarlles en hebreo, aínda gardaron máis silencio).
Paulo continuou:
- 3__Eu son xudeu, nado en Tarso da Cilicia, pero criado nesta cidade, instruído aos pés de Gamaliel en todo o rigor da Lei dos nosos pais, acérrimo defensor de Deus, coma vós agora.
- 4Eu perseguín a morte este Camiño, prendendo e metendo na cadea a homes e mulleres,
- 5tal como o poden atestar o Sumo Sacerdote e todo o Senado. De parte deles recibín cartas para os irmáns de Damasco e púxenme en camiño para traer presos a Xerusalén aos de alí, para castigalos.
- 6Pero sucedeu que cando ía de camiño, cerca de Damasco e polo mediodía, unha gran luz do ceo lostregou arredor de min.
- 7Caín ao chan e sentín unha voz que me dicía: “Saulo, Saulo, por que me persegues?”.
- 8Eu respondín: “Quen es, Señor?”. E díxome: “Eu son Xesús de Nazaré, a quen ti persegues”.
- 9Os que ían comigo tamén viron a luz, pero non sentiron a voz do que me falaba.
- 10Entón dixen: “Que debo facer, Señor?”. E o Señor díxome: “Érguete, vai a Damasco e alí diráseche todo o que se che pide que fagas”.
- 11E, como non vía cousa por culpa da fogaxe daquela luz, cheguei a Damasco pola man dos meus compañeiros.
- 12Entón un tal Ananías, home devoto conforme a Lei, apreciado por todos os xudeus de alí,
- 13veume ver e, ao chegar onda min, díxome: “Saulo, irmán, recobra a vista!”; e naquel mesmo instante puiden velo.
- 14E díxome: “O Deus dos nosos pais destinoute para que coñeceses a súa vontade, para veres o Xusto e sentires a voz da súa boca;
- 15porque lle has ser testemuña diante de todos os homes do que viches e sentiches.
- 16E agora a que agardar? Érguete, recibe o bautismo e lávate dos teus pecados, invocando o seu nome”.
- 17Xa de volta a Xerusalén, aconteceume que un día, rezando no templo, tiven unha éxtase,
- 18e vino a El, que me dicía: “Sae axiña de Xerusalén, porque non recibirán o teu testemuño acerca de min”.
- 19Eu dixen: “Señor, eles ben saben que eu andaba polas sinagogas a prender e azoutar nos que crían en Ti,
- 20e que cando foi derramado o sangue de Estevo, a túa testemuña, eu tamén estaba alí, dándoo por ben feito e gardando os mantos dos que o mataban”.
- 21Pero el contestoume: “Vai, que te hei de mandar lonxe, aos pagáns”.
Paulo no cuartel romano
- 22Fórono escoitando ata chegar a estas palabras; pero entón deron en berrar:
__Quita da terra a ese, que non merece vivir!
- 23E como berraban, abaneaban os mantos e botaban po ao aire,
- 24o tribuno mandou que metesen a Paulo no cuartel e ordenou que o interrogasen a vergalladas para dar sabido por que berraban así contra el.
- 25Cando xa estaba ben atado polas correas, díxolle Paulo ao centurión que estaba alí:
__E vós, podedes azoutar a un cidadán romano que non foi condenado?
- 26Ao sentir isto, o centurión foille avisar ao tribuno:
__Que vas facer? Ese home, disque é romano.
- 27Foi entón o tribuno e díxolle:
__Dime unha cousa: ti es romano?
El respondeulle:
__Son.
- 28Engadiu o tribuno:
__A min esa cidadanía custoume moitos cartos.
Paulo replicoulle:
__Pois eu nacín con ela.
- 29En seguida marcharon os que o ían interrogar, e o tribuno, ao saber que era romano, colleu medo porque o tivera encadeado.
Paulo comparece diante das autoridades xudías
- 30Para o outro día, querendo saber con certeza de que o acusaban os xudeus, desatouno, mandou reunir os xefes dos sacerdotes e todo o Sanedrín e, levando a Paulo, presentóullelo.