OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 23
Capítulo 23
- 1Paulo entón, ollando para o Sanedrín, dixo:
__Irmáns, ata hoxe en todo me comportei con boa conciencia diante de Deus.
- 2Pero o xefe dos sacerdotes Ananías, mandou aos que o custodiaban que lle batesen na boca.
- 3Entón Paulo díxolle:
__Hache pegar Deus a ti, parede caleada! Sentas para xulgarme conforme á Lei e mandas que me peguen violando a Lei?
- 4Os que o custodiaban dixéronlle:
__Insultas ao Sumo Sacerdote de Deus?
- 5Paulo respondeu:
__Irmáns, non sabía que fose Sumo Sacerdote. Si, a Escritura di: Non dirás mal do xefe do teu pobo.
- 6Sabendo Paulo que unha parte deles eran saduceos e outra fariseos, berrou en medio do Sanedrín:
__Irmáns, eu son fariseo, fillo de fariseos, e quero dicir que é por causa da nosa esperanza na resurrección dos mortos, polo que se me xulga.
- 7Cando dixo isto, armouse unha disputa entre os fariseos e os saduceos e dividiuse a asemblea,
- 8porque os saduceos non admiten nin resurrección nin anxos nin espíritos, mentres que os fariseos cren nestas tres cousas.
- 9Fíxose un gran rebumbio, erguéronse algúns escribas do partido dos fariseos e dicían afoutos:
__Non atopamos nada malo neste home: e se é certo que lle falou un espírito ou un anxo?
- 10A liorta ía a maiores, e o tribuno, temendo que esnaquizasen a Paulo, ordenou á tropa que baixase a quitalo do medio deles para o levar ao cuartel.
- 11A noite seguinte, aparecéuselle o Señor e díxolle:
__Ánimo, que así como deches testemuño de min en Xerusalén, cómpre tamén que o deas en Roma.
Conspiración dos xudeus para mataren a Paulo
- 12Ao raiar o día, os xudeus fixeron unha conspiración e conxuráronse a non comer nin beber ata mataren a Paulo.
- 13Eran máis de corenta os conxurados,
- 14e fóronse presentar aos xefes dos sacerdotes e aos senadores para dicirlles:
__Xuramos, baixo pena de maldición, non probar nada ata que matemos a Paulo.
- 15Vós, logo de acordo co Sanedrín, pedídelle ao tribuno que volo traia diante de vós, como para examinardes máis a fondo o seu caso; pola nosa banda, estamos dispostos a matalo antes de que chegue.
- 16Pero o fillo da irmá de Paulo, soubo da trapela, foi e entrou no cuartel e contoullo a Paulo.
- 17Este chamou ao centurión e díxolle:
__Acompaña a este rapaz cabo do tribuno, pois ten algo que lle comunicar.
- 18O centurión tomouno e levouno ao tribuno e díxolle:
__O preso Paulo chamoume para me pedir que che trouxese este mozo, que ten que falarche unha palabra.
- 19O tribuno colleuno pola man, levouno á parte e preguntoulle:
__Que tes para me dicir?
- 20E díxolle:
__Os xudeus concordaron en pedirche que mañá baixes a Paulo diante do Sanedrín, coa escusa de examinaren o caso con máis información.
- 21Ti non te fíes: máis de corenta homes deles prepáranlle unha celada e comprometéronse baixo xuramento a non comeren cousa nin beberen ata que o maten; e xa están dispostos, agardando polo teu consentimento.
- 22O tribuno, entón, despediu ao rapaz, recomendándolle que non dixese que o avisara.
PAULO PROCESADO EN CESAREA
Proceso ante Fiz
- 23Despois mandou chamar a dous dos centurións e díxolles:
__Tede preparados para iren a Cesarea douscentos soldados, setenta homes de a cabalo e douscentos auxiliares, a partir das nove da noite;
- 24que haxa tamén cabalos para montar a Paulo e levalo san e salvo ao gobernador Fiz.
- 25E escribiu unha carta nestes termos:
- 26“Claudio Lisias, ao moi excelente gobernador Fiz, saúde!
- 27A este home collérano os xudeus e íano matar, cando aparecín eu coa tropa e libereino, ao saber que era romano.
- 28Querendo saber de que o acusaban, fíxeno baixar diante do Sanedrín.
- 29Resulta que as acusacións eran por cuestión da Lei deles, sen ningún cargo que merecese a morte ou a cadea.
- 30Avisado de que preparan unha conxura para o mataren, mándocho sen agardar máis, e notifico aos seus acusadores que presenten no teu tribunal o que teñan contra el”.
- 31Os soldados, tal como se lles ordenara, colleron a Paulo e levárono de noite a Antípatris.
- 32Para o outro día, deixando que os de a cabalo fosen con el, volveron ao cuartel.
- 33Chegados os cabaleiros a Cesarea, entregáronlle a carta ao gobernador e presentáronlle tamén a Paulo.
- 34Lida a carta, o gobernador preguntou de que provincia era, e cando soubo que de Cilicia, díxolle:
- 35__Escoitarei cando veñan os teus acusadores.
E mandou que o gardasen no pazo de Herodes.