OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 24
Capítulo 24
- 1Cinco días despois baixou o xefe dos sacerdotes Ananías con algúns senadores e un tal Tértulo, avogado, e presentaron queixa ao gobernador contra Paulo.
- 2Citado Paulo, Tértulo comezou a acusación nestes termos:
__A gran paz que gozamos grazas a ti e ás reformas que este país debe á túa providencia,
- 3recoñecémola en todo e en todas partes, excelentísimo Fiz, con suma gratitude.
- 4Pero, para non te incomodar demasiado, pídoche que nos escoites brevemente coa túa benevolencia.
- 5Nós descubrimos que este home é unha peste: fomenta enlizos entre todos os xudeus que hai polo mundo enteiro e é cabeza do partido dos nazarenos.
- 6Incluso intentou profanar o templo: entón nós prendémolo.
- 8Interrogándoo ti mesmo, poderás coñecer por el todas estas cousas de que o acusamos.
- 9Os xudeus apoiárono, asegurando que as cousas eran así.
Paulo deféndese
- 10O gobernador acenoulle para que falase e entón Paulo respondeu:
__Como sei que hai moitos anos es xuíz desta nación, vou facer confiadamente a miña defensa.
- 11Ti mesmo podes comprobar que non hai máis de doce días subín a Xerusalén para adorar,
- 12e que nin no templo, nin nas sinagogas nin pola cidade, ninguén me viu discutindo con ninguén nin revolvendo na xente.
- 13Eles non poden probar as cousas de que agora me acusan.
- 14Non obstante confésoche o seguinte: é seguindo o Camiño, que eles chaman dunha seita, como adoro ao Deus dos nosos pais, crendo todo o que está escrito na Lei e nos Profetas,
- 15tendo en Deus a esperanza que estes mesmos teñen: que haberá resurrección de xustos e inxustos.
- 16Por iso, esfórzome sempre en ter unha conciencia sen lixo diante de Deus e diante dos homes.
- 17Despois de moitos anos, vin traer esmolas aos da miña nación e ofrendas.
- 18Uns xudeus de Asia acháronme no templo, xa purificado, sen xuntanza nin algueirada:
- 19eles son os que tiñan que presentarse diante do teu tribunal e acusarme, se tiñan algo contra min.
- 20E, se non, que digan estes que crime descubriron cando comparecín diante do Sanedrín,
- 21como non sexa aquel berro que botei no medio deles: “É por causa da resurrección dos mortos, que se me xulga hoxe diante de vós”.
Sen xuízo definitivo, Paulo segue na cadea dous anos máis
- 22Entón Fiz, que coñecía bastante ben as cousas referentes ao Camiño, aprazoulles a causa, dicindo:
__Cando baixe o tribuno Lisias, decidirei o voso asunto.
- 23E ordenou ao centurión que o gardase, pero con consideración e sen o privar da asistencia dos seus.
- 24Algúns días despois chegou Fiz coa súa muller Drusila, que era xudía. Mandou chamar a Paulo e escoitouno acerca da fe en Cristo.
- 25Pero, como Paulo falaba da xustiza, do dominio de si e do Xuízo futuro, Fiz arrepiado dixo:
__Polo de agora vaite, cando teña máis tempo mandareite chamar.
- 26Contaba que tamén Paulo lle dese cartos: por iso mandábao chamar adoito e conversaba con el.
- 27Despois de dous anos, recibiu Fiz como sucesor a Porcio Festo. E querendo congraciarse cos xudeus, deixou preso a Paulo.