OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 26
Capítulo 26
Discurso de Paulo defendéndose diante do rei Agripa
- 1Agripa díxolle a Paulo:
__Tes consentimento para falares na túa defensa.
Entón Paulo, estendendo a man, principiou a súa defensa.
- 2__Considérome feliz, rei Agripa, de poderme defender diante de ti de todo o que me acusan os xudeus,
- 3maiormente por seres coñecedor de todos os costumes e controversias que hai entre os xudeus. Por iso pídoche que me escoites con paciencia.
- 4A miña vida a partir da mocidade, que pasei desde o comezo entre o meu propio pobo, en Xerusalén, sábena todos os xudeus.
- 5Eles coñécenme desde hai moito tempo e, se quixesen, poderían atestar que vivín como fariseo, o partido máis rigoroso da nosa relixión.
- 6Curiosamente é pola esperanza na promesa feita por Deus aos nosos pais polo que me atopo aquí en xuízo;
- 7promesa que as doce tribos esperan acadar servindo decote a Deus, noite e día. Por esa esperanza, maxestade, acúsanme os xudeus!
- 8Por que coidades incrible que Deus resucite os mortos?
- 9En canto a min, crinme obrigado a combater con todos os medios contra o nome de Xesús de Nazaré.
- 10Iso foi o que fixen en Xerusalén: co poder que me deran os sumos sacerdotes, eu mesmo metín no cárcere moitos cristiáns e, cando os mataban, dábao por ben feito.
- 11Moitas veces, polas sinagogas, con torturas, obrigábaos a blasfemar e, cheo de carraxe contra eles, perseguíaos mesmo nas cidades de fóra.
- 12Foi así, que, indo a Damasco con poder e permiso dos sumos sacerdotes,
- 13á mediodía, maxestade, vin no camiño unha luz baixada do ceo e máis brillante ca o sol, que resplandecía arredor de min e dos meus compañeiros de viaxe.
- 14Todos caemos ao chan e sentín unha voz que me dicía en lingua hebrea: “Saulo, Saulo, por que me persegues? Non gañas nada con dares couces contra o aguillón”.
- 15Eu preguntei: “Quen es, Señor?”. E o Señor respondeu: “Eu son Xesús, a quen ti persegues.
- 16Pero érguete e ponte dereito, pois aparecinme a ti para te poñer como servidor e testemuña do que de min viches e do que che amosarei,
- 17librándote do pobo e dos pagáns aos que te mando,
- 18para que lles abras os ollos, a fin de que volvan das tebras á luz e do poder de Satanás a Deus e, pola fe en min, reciban o perdón dos pecados e mais a herdade entre os santos”.
- 19E non desobedecín, rei Agripa, a visión celestial.
- 20Ao contrario, primeiro aos de Damasco, despois aos de Xerusalén, e en toda a rexión da Xudea e por fin aos pagáns, prediqueilles que se arrepintan e que se convertan a Deus e que vivan como corresponde á conversión.
- 21Por este motivo prendéronme os xudeus no templo e tentaron de me matar.
- 22Pero coa axuda de Deus mantéñome ata hoxe dando testemuño a pequenos e grandes, sen me saír do que predixeron Moisés e mais os Profetas:
- 23que o Mesías tiña que padecer e que, resucitado o primeiro de entre os mortos, anunciaríalles a luz ao noso pobo e aos pagáns.
- 24Estando neste punto da súa defensa, exclamou Festo:
__Estás tolo, Paulo: tanto saber revirouche o xuízo!
- 25Pero Paulo díxolle:
__Non estou tolo, excelentísimo Festo: as miñas palabras son verdadeiras e asisadas.
- 26O rei sabe moito destas cousas e por iso fálolle francamente, pois non creo que as ignore, dado que non ocorreron nun recanto.
- 27Cres nos profetas, rei Agripa? Ben sei que cres.
- 28Agripa respondeulle a Paulo:
__A pouco máis convéncesme para me facer cristián!
- 29E Paulo dixo:
__Deus queira que, en moito ou en pouco, non só ti senón todos os que hoxe me escoitan se fixesen coma min, fóra estas cadeas, claro.
- 30O rei, o gobernador, Berenice e os que estaban sentados con eles, erguéronse.
- 31Ao se retiraren, comentaban:
__Este home non cometeu cousa que sexa merecente nin de morte nin de cadeas.
- 32E Agripa díxolle a Festo:
__Este home xa podía estar ceibo, se non apelase ao César.