OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 27
Capítulo 27
LEVAN A PAULO PRESO A ROMA
Camiño de Roma
- 1Cando se decidiu que embarcásemos para Italia, confiaron a Paulo e outros presos a un centurión chamado Xulio, da cohorte Augusta.
- 2Embarcamos nunha nave de Adramitio, que estaba a punto de levantar áncora para as costas de Asia e saímos para o mar, levando connosco a Aristarco, macedonio de Tesalónica.
- 3Para o outro día chegamos a Sidón; e Xulio, tratando a Paulo con humanidade, permitiulle visitar os seus amigos e recibir atencións por parte deles.
- 4Desde alí saímos para o mar e navegamos ao abeiro de Chipre, porque os ventos eran contrarios;
- 5despois, atravesando os mares de Cilicia e da Panfilia, chegamos a Mira de Licia.
- 6Alí, o centurión atopou unha nave alexandrina, que se dirixía a Italia, e fíxonos subir a bordo.
- 7Durante moitos días navegamos lentamente, e con traballos chegamos fronte a Cnido; como o vento non nos era favorable, navegamos bolinando ao amparo de Creta por Salmona;
- 8logo de costeala con traballos, chegamos a un sitio chamado Bos-Portos, cerca da cidade de Lasea.
- 9Pasando bastante tempo e correndo perigo a navegación, pois xa pasara o tempo do xaxún, Paulo
- 10avisounos:
__Amigos, paréceme que imos ter navegación perigosa e con mal para a carga e tamén para as nosas vidas.
- 11Pero o centurión fiábase máis do piloto e do patrón do barco ca das palabras de Paulo;
- 12e, como o porto non era axeitado para invernar, a maioría foi do parecer de largar de alí e ver de chegar a Fenice, porto de Creta volto cara ao suroeste e o noroeste.
- 13E levantándose un ventiño livián do sur, coidaron poder realizar o seu proxecto. Levantaron a áncora e comezaron a costear Creta sempre cerca de terra.
Tempestade e naufraxio
- 14Aos poucos, por iso, levantouse da illa unha ventada chamada euraquilón
- 15e arrastrou o barco; como non podiamos facerlle fronte ao vento, deixámonos levar por el.
- 16Avanzando protexidos por unha pequena illa chamada Cauda, conseguimos con moitos traballos apoderarnos do bote;
- 17izado a bordo, botaron man de recursos de emerxencia, cinguindo a nave con cables; por medo de bater contra os baixos de Sirte, arriaron velas e deixáronse ir á deriva.
- 18Como o temporal nos abalaba con furia, ao outro día alixeiraron a carga;
- 19e ao terceiro guindaron no mar os aparellos coas súas propias mans.
- 20Por moitos días non vimos sol nin estrelas e, como a tempestade non amainaba, iamos perdendo a esperanza de nos salvarmos.
- 21Levabamos moito tempo sen comer, cando Paulo, de pé no medio deles, díxolles:
__Amigos, se me fixésedes caso, non saïamos daquela de Creta e aforrabamos agora este perigo e esta perda.
- 22Pero agora pídovos que teñades azos, que ningún de vós vai perecer; só se perderá o barco;
- 23esta noite presentóuseme un anxo do Deus a quen pertenzo e a quen sirvo,
- 24dicindo: “Non temas, Paulo, tes que te presentar diante do César e Deus concedeuche a vida de todos os que navegan contigo”.
- 25Polo tanto, ánimo!, que eu confío en Deus que sucederá como se me dixo.
- 26Temos que ir dar nalgunha illa.
- 27A décima cuarta noite de andarmos á deriva polo Adriático, no medio da noite, ventaron os mariñeiros que había terra cerca.
- 28Botaron a sonda e eran vinte brazas; pouco despois, botárona de novo e xa eran quince.
- 29Por medo de ir bater contra algúns cons, botaron catro áncoras por popa esperando con ansia pola chegada do día.
- 30Os mariñeiros, co pretexto de iren botar as áncoras de proa, arriaban o bote ao mar, querendo fuxir da nave.
- 31Entón díxolles Paulo ao centurión e aos soldados:
__Se eses homes non fican no barco, vós non vos poderedes salvar.
- 32Daquela os soldados cortaron as amarras do bote e deixárono caer.
- 33Paulo, conforme ía abrindo o día, ía animando a todos para que tomasen alimento, dicíndolles:
__Con hoxe son catorce días que estades á expectativa, en xaxún, sen pasar bocado.
- 34Recoméndovos que vos alimentedes: iso axudará á vosa salvación, pois ninguén de vós perderá un pelo da cabeza.
- 35Dito isto, tomou pan, deu grazas a Deus diante de todos e partíndoo, comezou a comer.
- 36Animáronse todos e tamén eles tomaban alimento.
- 37Entre todos eramos no barco duascentas setenta e seis almas.
- 38Logo de se fartaren, alixeiraron o barco, botando o trigo ao mar.
- 39Cando se fixo día, non recoñeceron a terra. Só vían unha enseada cunha praia e decidiron varar alí a nave, se é que podían.
- 40Soltaron as áncoras, que abandonaron no mar, e afrouxaron as amarras dos peltres que facían de temón; logo, izaron a vela de popa e puxeron proa á praia.
- 41Pero, indo bater nun baixo con mar por ambos os lados, encallaron o barco; a proa, ben chantada, non se movía, pero a popa foise desconxuntando coa forza das ondas.
- 42Os soldados tomaron a decisión de matar os presos, para que non fuxise ningún a nadar.
- 43Pero o centurión, querendo salvar a Paulo, impedíullelo e mandou que os que sabían nadar chegasen a terra, botándose a auga os primeiros;
- 44e despois os restantes, uns en táboas e outros en restos do barco. Deste xeito, chegaron todos sans e salvos a terra.