OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 28
Capítulo 28
Paulo cos navegantes na illa de Malta
- 1Xa a salvo en terra, soubemos que a illa se chamaba Malta.
- 2Os nativos tratáronos cunha humanidade pouco corrente: acenderon un lume e acolléronnos a todos, pois chovía e ía frío.
- 3Paulo xuntara algúns guizos de leña secos, e, ao botalos no lume, unha víbora que fuxía da calor enroscóuselle na man.
- 4Cando os indíxenas viron o animal pendurado na man dicían entre eles:
__Seguro que este home é un asasino: despois de se salvar do mar, a xustiza divina non o deixa vivir.
- 5Pero el botou o animal no lume e non sufriu mal ningún.
- 6Eles esperaban velo inchar ou caer morto de súpeto, pero logo de moito agardar, vendo que non lle pasaba nada novo, cambiaron de parecer e xa dicían que tiña que ser un deus.
- 7Nas proximidades de alí __por aquela parte__ tiña unha propiedade o gobernador da illa, que se chamaba Publio, quen nos recibiu e nos hospedou amablemente durante tres días.
- 8Cadrou que o pai de Publio estaba encamado con febre e disentería. Paulo foino ver, rezou, impúxolle as mans e curou.
- 9A consecuencia disto, comezaron a vir tamén os outros enfermos que había na illa e quedaban curados.
- 10Eles, pola súa banda, enchéronnos de atencións e, cando decidimos partir, déronnos de todo.
Proseguen a viaxe a Roma
- 11Tres meses despois embarcamos nun navío de Alexandría, que invernara na illa e que levaba a divisa dos Dióscuros.
- 12Atracamos en Siracusa, onde botamos tres días.
- 13Desde alí, costeando, chegamos a Rexio. Para o outro día levantouse o vento do sur e en dous días chegamos a Putéoli,
- 14onde atopamos irmáns que nos convidaron a pasar sete días con eles. E así chegamos a Roma.
- 15Os irmáns de alí, así que souberon de nós, viñéronnos recibir ata o Foro Apio e Tres Tabernas. Paulo, ao velos, deu grazas a Deus e animouse.
Paulo entrevístase cos xudeus de Roma
- 16Cando entramos en Roma, a Paulo autorizárono a ter domicilio particular, cun soldado que o vixiaba.
- 17Tres días despois, convocou os principais dos xudeus. Cando se reuniron, díxolles:
__Irmáns, sen ter feito nada contra o pobo nin contra os costumes paternos, entregáronme preso aos romanos en Xerusalén.
- 18Estes, logo de me interrogaren, queríanme ceibar, porque non había nada en min que merecese a morte.
- 19Pero, como os xudeus se opuñan, vinme obrigado a apelar ao César, sen pretender acusar en nada ao meu pobo.
- 20Por este motivo pedín vervos e falarvos, pois é pola esperanza de Israel que levo esta cadea.
- 21Eles dixéronlle:
__Non recibimos de Xudea ningunha carta sobre ti e ningún dos teus irmáns que chegou nos falou mal de ti.
- 22Pero si que nos gustaría sentir pola túa boca o que pensas, pois o que sabemos é que esa facción encontra oposición en todas as partes.
- 23Citáronse para un día e viñérono ver á súa casa bastantes máis. El comezou a súa exposición e daba testemuño do Reino de Deus, tentando de os convencer de quen era Xesús, partindo da Lei de Moisés e dos Profetas, desde a mañá á noite.
- 24Uns deixáronse convencer polo que dicía, pero outros non crían.
- 25Estando en desacordo uns cos outros, comezaban a separarse cando Paulo engadiu esta palabra final:
__Con razón díxolles o Espírito Santo a vosos pais, por medio do profeta Isaías,
- 26dicindo:
- Vai e dille a ese pobo:
- escoitar escoitaredes,
- pero non comprenderedes,
- ollar ollaredes, pero non veredes;
- 27porque está endurecido
- o corazón deste pobo;
- fixéronse duros de oído
- e pecharon os ollos:
- non fose que visen cos ollos,
- sentisen cos oídos,
- entendesen coa intelixencia
e se convertesen, para que eu os cure.
- 28Sabede, logo, que esta salvación de Deus ofrécese aos pagáns, e eles si que escoitarán.
Actividade de Paulo en Roma
- 30Paulo botou dous anos enteiros nunha casa alugada e recibía a todos os que o viñan visitar,
- 31predicando o Reino de Deus e ensinando o que se refire ao Señor Xesús Cristo, con audacia e sen impedimento ningún.