OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 3
Capítulo 3
Curación dun tolleito
- 1Pedro e Xoán subían ao templo para a oración das tres da tarde.
- 2Había alí un home tolleito de nacemento, que levaban e poñían todos os días cabo da porta chamada Fermosa, para que pedise esmola aos que entraban no templo.
- 3Vendo que Pedro e Xoán estaban para entrar, pediulles esmola.
- 4Pedro __e o mesmo fixo Xoán__ reparou nel e díxolle:
__Mira ben para nós.
- 5El ollaba para eles, esperando recibir algunha cousa.
- 6Entón Pedro díxolle:
__Non teño prata nin ouro, pero douche o que teño: en nome de Xesús Cristo de Nazaré, érguete e anda.
- 7Colleuno pola man dereita e levantouno. No instante afirmáronselle os pés e os nocellos;
- 8dun brinco púxose en pé e camiñaba. Entrou con eles no templo, andando, choutando e loando a Deus.
- 9Todo o pobo o viu camiñar loando a Deus,
- 10e, recoñecendo que era o mesmo que se sentaba na porta Fermosa pedindo esmola, ficaron pasmados e desconcertados polo que lle acontecera.
- 11Como el non deixaba a Pedro nin a Xoán, toda a xente, fóra de si, correu tras eles ao pórtico chamado de Salomón.
Pedro fálalle á xente
- 12Visto isto, Pedro dirixiuse ao pobo:
__Israelitas, por que vos admirades disto? Por que mirades así para nós, coma se fixésemos camiñar a este home polo noso propio poder ou santidade?
- 13O Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob, o Deus de nosos pais, glorificou ao seu servo Xesús, a quen vós entregastes e negastes diante de Pilatos, cando este estaba decidido a deixalo en liberdade.
- 14Pero vós rexeitastes o Santo e o Xusto; pedistes que indultasen a un asasino,
- 15mentres que matastes ao dono da vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos; disto nós somos testemuñas.
- 16Pola fe no seu nome, ese mesmo nome deu forza a este que vedes e coñecedes: esa fe que obra por el, restableceuno completamente diante de vós.
- 17Xa sei, irmáns, que obrastes por ignorancia, como tamén as vosas autoridades;
- 18pero Deus cumpriu así o que anunciara por boca dos profetas: que o seu Cristo padecería.
- 19Arrepentídevos, logo, e convertédevos, para que se borren os vosos pecados;
- 20a fin de que veñan os tempos do conforto de parte do Señor, e mande o Mesías que vos destinou, Xesús.
- 21A el convén que o ceo o conteña deica o tempo da restauración de todas as cousas, que Deus anunciou por boca dos seus santos profetas.
- 22Moisés así o dixo: O Señor Deus fará xurdir de entre vosos irmáns un profeta coma min: escoitarédelo en todo o que vos diga.
- 23E quen non escoite a este profeta, quedará excluído do pobo.
- 24E todos os profetas que falaron, desde Samuel en adiante, anunciaron tamén estes días.
- 25Vós sodes os fillos dos profetas e da Alianza que Deus fixo con nosos pais, cando lle dixo a Abraham: Na túa descendencia serán benditas todas as familias da terra.
- 26Deus, resucitando ao seu servo, mándavolo primeiro a vós para que vos bendiga, se vos arredades cada un das vosas ruindades.