OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 5
Capítulo 5
Ananías e Safira: a fraude ao Espírito Santo
- 1Un home chamado Ananías, de acordo con Safira a súa muller, vendeu unha propiedade,
- 2gardou unha parte do prezo, sendo ela sabedora, e o resto depositouno aos pés dos apóstolos.
- 3Pero Pedro díxolle:
__Ananías, por que encheu Satanás o teu corazón, para lle mentires ao Espírito Santo e defraudares no prezo da propiedade?
- 4Non eras libre de a venderes ou non? E vendida, non continuaba no teu poder? Como se che ocorreu faceres isto? Non enganaches os homes, enganaches a Deus.
- 5Ao sentir estas palabras, Ananías caeu morto. E apoderouse un gran temor de todos os que sentiron isto.
- 6Levantáronse os máis novos, amortallárono e, levándoo para fóra, enterrárono.
- 7Pasadas unhas tres horas entrou a súa muller, que non sabía nada do caso,
- 8e preguntoulle Pedro:
__Dime: vendestes a propiedade en tanto?
Ela contestou:
__Si, en tanto.
- 9Entón díxolle Pedro:
__Por que acordastes isto, para tentardes o Espírito do Señor? Mira, chegan á porta os pés dos que enterraron o teu home e vante levar a ti tamén.
- 10No instante, caeu aos seus pés e morreu. Cando entraron os mozos, atopárona morta e enterrárona a carón do seu home.
- 11Un gran temor apoderouse entón de toda a Igrexa e de cantos sentiron estas cousas.
Milagres dos apóstolos
- 12Pola man dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo. E todos se xuntaban de común acordo no pórtico de Salomón;
- 13dos outros ninguén ousaba xuntarse con eles, aínda que o pobo os tiña en grande estima.
- 14A cantidade dos que crían no Señor, homes e mulleres, medraba máis e máis,
- 15a tal punto que quitaban para as rúas os enfermos en camas e padiolas, para que cando pasase Pedro, polo menos a súa sombra cubrise algún deles.
- 16Viña moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por espíritos impuros, e todos quedaban curados.
Prisión, liberación e interrogatorio dos apóstolos
- 17Entón o gran sacerdote e todos os seus, que formaban a seita dos saduceos, enchéronse de rabia;
- 18botaron man dos apóstolos e metéronos na prisión pública.
- 19Mais de noite, o anxo do Señor abriu as portas da prisión pública, fíxoos saír e díxolles:
- 20__Ide, presentádevos no templo, e faládelle ao pobo toda a mensaxe desta vida.
- 21Sentindo isto, entraron no templo ao amencer e ensinaban. Mentres, chegou o xefe dos sacerdotes cos seus, reuniron o Sanedrín e todo o Senado israelita e mandáronos ir buscar á prisión, para facelos comparecer.
- 22Mais, chegados os gardas á prisión, non os encontraron; volveron e contáronllelo.
- 23__Certamente o cárcere atopámolo pechado con toda seguranza, e as sentinelas montando garda diante das portas; pero, cando abrimos, non encontramos a ninguén dentro.
- 24Ao que sentiron estas palabras, tanto o oficial da garda do templo coma os xefes dos sacerdotes, cavilaban perplexos como sucedera aquilo.
- 25Nisto chegou un que lles dixo:
__Os homes que encarcerastes están no templo e ensinando ao pobo.
- 26Entón foi o xefe da garda cos seus axudantes e trouxéronos; pero sen violencia, porque tiñan medo de que a xente lles tirase pedras.
- 27En chegando, presentáronos ao Sanedrín. O xefe dos sacerdotes interrogounos:
- 28__Expresamente vos mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa vosa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home.
- 29Pedro e os apóstolos responderon:
__Cómpre obedecer a Deus antes ca aos homes.
- 30O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro;
- 31pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados.
- 32E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá aos que o obedecen.
- 33Ao sentiren isto, rabiaban de carraxe e queríanos matar.
- 34Pero erguéndose no consello un fariseo que se chamaba Gamaliel, mestre da Lei, apreciado por todo o pobo, ordenou que, por un pouco, levasen para fóra aos apóstolos.
- 35Dixo:
__Israelitas: Coidadiño co que ides facer con eses homes!
- 36Porque nestes últimos tempos ergueuse Teudas, dicindo ser alguén, e xuntóuselle un número duns catrocentos homes: pero, en canto o mataron a el, todos os que o seguiron disolvéronse e non quedou nada.
- 37Despois del nos días do empadroamento, alzouse Xudas o Galileo, que arrastrou xente tras el; tamén el morreu e todos os que o seguían se dispersaron.
- 38E agora dígovos: Desentendédevos deses homes, deixádeos estar, que, se esta empresa ou esta obra é cousa de homes, desfarase por si mesma;
- 39pero, se é de Deus, non a poderedes desfacer. Non vaia ser, mesmo, que vos encontredes loitando contra Deus!
E cadraron de acordo.
- 40Entón chamaron polos apóstolos, e, despois de os azoutar, ordenáronlles que non falasen no nome de Xesús, e deixáronos ir.
- 41Eles saíron de diante do consello moi alegres de resultaren dignos de sufrir por mor do Nome;
- 42e cada día, no templo e nas casas, non paraban de ensinar e de anunciar a Boa Nova de que Xesús é o Mesías.