OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 6
Capítulo 6
Institución dos sete diáconos
- 1Por aqueles días, como ía medrando o número dos discípulos, orixinouse un descontento dos helenistas contra os hebreos, porque se desatendía ás viúvas de fala grega no servizo diario.
- 2Entón os Doce reuniron a asemblea dos discípulos e dixeron:
__Non está ben que deixemos a palabra de Deus para dedicármonos ao servizo das mesas.
- 3Polo tanto, irmáns, escollede de entre vós sete homes de bo creto, cheos de Espírito e sabedoría, e poñerémolos para este oficio.
- 4Nosoutros continuaremos dedicados á oración e ao servizo da palabra.
- 5A proposta gustou á asemblea, e elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito Santo, a Filipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolás, prosélito de Antioquía;
- 6presentáronllelos aos apóstolos, e, despois de orar, impuxéronlles as mans.
- 7A palabra de Deus crecía, e medraba moito o número dos discípulos en Xerusalén e unha gran cantidade de sacerdotes aceptaban a fe.
Arresto e xuízo de Estevo
- 8Estevo, cheo de graza e poder, realizaba grandes prodixios e sinais entre o pobo.
- 9Apareceron algúns da sinagoga chamada dos libertos, dos de Cirene, dos de Alexandría e dos de Cilicia e Asia, para discutiren con Estevo.
- 10Pero non lle daban replicado á ciencia e ao Espírito con que falaba.
- 11Entón subornaron uns homes, para que dixesen: “Sentímoslle blasfemar contra Moisés e contra Deus”.
- 12Así encirraron ao pobo, aos anciáns e aos mestres da Lei; e, arremetendo contra el, levárono ao consello.
- 13Presentaron falsas testemuñas, que dicían:
__Este home non para de blasfemar contra este lugar santo e contra a Lei;
- 14sentímoslle dicir que ese Xesús de Nazaré destruirá este sitio e cambiará os costumes que nos transmitiu Moisés.
- 15Entón todos os que estaban sentados no consello, fixaron a vista nel e o seu rostro pareceulles mesmamente o dun anxo.