OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 7
Capítulo 7
Discurso e testemuño de Estevo
- 1Daquela o xefe dos sacerdotes preguntoulle:
__Son así as cousas?
- 2El respondeu:
__Irmáns e pais, escoitade: O Deus da gloria aparecéuselle ao noso pai Abraham cando estaba na Mesopotamia, antes de se establecer en Harán,
- 3e díxolle: Sae da túa terra e de onda os teus, e ven á terra que che indicarei.
- 4Entón, saíu da terra dos caldeos, habitou en Harán e de alí, logo que finou seu pai, trasladouno Deus a esta terra na que vivides vós agora.
- 5E non lle deu nela herdanza ningunha, nin sequera un pé de terreo, mais prometeulle que lla daría en propiedade, e despois del á súa descendencia, aínda que non tiña fillos.
- 6E faloulle Deus: A túa descendencia será peregrina en terra allea e hana escravizar e maltratar durante catrocentos anos;
- 7pero eu xulgarei á nación a quen sirvan como escravos, dixo Deus, e logo disto sairán e adoraranme neste sitio.
- 8E deulle a alianza da circuncisión e así, ao lle nacer Isaac, circuncidouno ao oitavo día; e Isaac a Xacob, e Xacob, aos doce patriarcas.
- 9Os patriarcas, envexosos de Xosé, vendérono con destino a Exipto. Pero Deus estaba con el,
- 10librouno de todos os seus traballos, e deulle graza e sabedoría diante do faraón, rei de Exipto, que o constituíu gobernador do Exipto e de toda a súa casa.
- 11Veu despois unha fame tan negra e tanta miseria sobre todo o Exipto e Canaán, que nosos pais non achaban alimentos.
- 12Cando Xacob sentiu dicir que había trigo en Exipto, mandou alí a nosos pais por primeira vez.
- 13A segunda vez, Xosé deuse a coñecer aos seus irmáns, e o faraón soubo a súa orixe.
- 14Entón Xosé mandou chamar a seu pai Xacob e a todos os seus parentes, en total setenta e cinco persoas;
- 15e Xacob baixou a Exipto. Morreu el e mais os nosos pais,
- 16e leváronos a Xequem e puxéronos na sepultura que Abraham comprara con prata aos fillos de Hamor, en Xequem.
- 17A medida que se achegaba o tempo da promesa que Deus lle fixera a Abraham, o pobo medrou e inzou en Exipto,
- 18ata que subiu ao trono de Exipto outro rei, que non coñecía a Xosé.
- 19Obrando de xeito arteiro contra a nosa xente, maltratou a nosos pais, facéndolles abandonar aos seus picariños, para que non vivisen.
- 20Nese tempo naceu Moisés, que atopou graza diante de Deus. Criárono durante tres meses na casa do pai;
- 21e, cando o abandonaron, recolleuno a filla do faraón e criouno coma se fose fillo dela.
- 22Moisés educouse en toda a ciencia dos exipcios, e era poderoso en palabras e mais en obras.
- 23Cando ía nos corenta anos, veulle o desexo de visitar os seus irmáns, os israelitas.
- 24Vendo a un que estaban maltratando, tomou a súa defensa, matou ao exipcio, e vingou ao oprimido.
- 25Coidaba el que seus irmáns entenderían que pola súa man Deus lles ofrecía a salvación; pero non entenderon.
- 26Para o outro día presentouse cando uns estaban a berrar e tratou de os poñer a ben, dicíndolles: “Sodes irmáns! Por que pelexades un co outro?”.
- 27Pero o que ofendía ao seu próximo, refugouno dicindo: “Quen te nomeou a ti xefe e xuíz noso?
- 28Quéresme matar a min, como mataches onte ao exipcio?”.
- 29Cando tal sentiu, escapou e viviu coma estranxeiro na terra de Madián, onde tivo dous fillos.
- 30Logo de corenta anos, aparecéuselle un anxo no deserto do monte Sinaí, na lapa do lume dunha silveira.
- 31Moisés, vendo isto, ficou admirado coa aparición. Ao se achegar para ver, sentiuse a voz do Señor:
- 32Eu son o Deus de teus pais, o Deus de Abraham, de Isaac, e de Xacob. Pero Moisés, arrepiado, non ousaba mirar.
- 33E díxolle o Señor: Tira o calzado dos teus pés, porque o lugar onde estás é terra santa;
- 34vin a aflición do meu pobo en Exipto, escoitei os seus laios e baixei para liberalos. Ven logo aquí, que te vou mandar a Exipto.
- 35A este Moisés, de quen renegaran, dicindo “quen te constituíu xefe e xuíz?”, foi a quen Deus mandou como xefe e liberador pola man do anxo, que se lle aparecera na silveira.
- 36Foi el quen os fixo saír, obrando prodixios e sinais na terra de Exipto, no mar Vermello e no deserto, durante corenta anos.
- 37Foi este Moisés quen lles dixo aos fillos de Israel: Deus fará xurdir un profeta coma min de entre os vosos irmáns.
- 38Foi el quen na asemblea do deserto estivo como mediador entre o anxo que lle falaba no monte Sinaí e os nosos pais; el foi quen recibiu palabras de vida para nolas transmitir.
- 39Foi el a quen nosos pais non quixeron obedecer, senón que o refugaron e no seu corazón volvéronse a Exipto,
- 40 dicíndolle a Aharón: Fainos deuses que vaian diante de nós, pois non sabemos que foi deste Moisés, que nos quitou da terra de Exipto.
- 41E naqueles días fabricaran un becerro, ofreceran un sacrificio ao ídolo, e festexaran a obra das súas mans.
- 42Pero Deus volveulles as costas, e entregounos ao culto dos astros, como está escrito no libro dos profetas: Seica me ofrecestes vítimas e sacrificios durante corenta anos no deserto, casa de Israel?
- 43Levastes a tenda de Molok e a estrela do deus Refán (imaxes que vós fixestes), para adoralas. Pois eu deportareivos alén de Babilonia!
- 44Os nosos pais tiñan no deserto a tenda da Alianza, como ordenara aquel que lle dixo a Moisés que a fixese conforme ao modelo que vira.
- 45Os nosos pais recibírona en herdanza e, con Xosué á fronte, introducírona na terra dos pagáns, que Deus expulsou diante deles. Así foi ata os días de David,
- 46que achou graza diante de Deus e que lle pediu permiso para lle facer unha morada ao Deus de Xacob.
- 47Con todo, foi Salomón quen lla construíu.
- 48Anque o Altísimo non habita en edificios feitos por mans de home; como di o profeta:
- 49O ceo é o meu trono
- e a terra o estrado dos meus pés:
- que casa me construiredes, di o Señor,
- ou que sitio para o meu repouso?
- 50Non foi a miña man a que fixo todo iso?
- 51Duros de testa e incircuncisos de corazón e oídos! Vós sempre resistides ao Espírito Santo! Sodes coma vosos pais.
- 52A que profeta non perseguiron vosos pais? Mataron aos que anunciaron por adiantado a vinda do Xusto, do que vós agora vos fixestes traidores e asasinos:
- 53vós que recibistes a Lei por mandado dos anxos e non a gardastes!
Martirio de Estevo
- 54Ao sentiren isto, adoecían e renxían os dentes contra Estevo.
- 55Pero el, cheo do Espírito Santo e cos ollos cravados no ceo, viu a gloria de Deus e a Xesús de pé á dereita de Deus,
- 56e dixo:
__Ollade, vexo o ceo aberto e o Fillo do Home, de pé, á dereita de Deus.
- 57Entón romperon a berrar, taparon os oídos, e todos á xunta arremeteron contra el;
- 58quitárono fóra da cidade e comezaron a apedralo. As testemuñas deixaron os seus vestidos aos pés dun mozo chamado Saulo.
- 59Apedraban a Estevo, que invocaba así:
__Señor Xesús, recibe o meu espírito!
- 60E posto de xeonllos, berrou con voz forte:
__Señor, non lles teñas en conta este pecado!
Dito isto, adormeceu para sempre.